INFORMACIÓN FITOSANITARIA 30 de agosto 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

A vendima está a piques de empezar ou, mellor dito, xa comezou nalgúns lugares para facer os espumosos e/ou os "pés de cuba". Por este motivo, esta semana fixemos a última revisión completa da campaña polas comarcas de Condado, Rosal e Salnés. A partir de agora as revisións centraranse máis noutros cultivos (sen esquecer tampouco a viña) e só emitiremos información fitosanitaria cando sexa preciso e xa sen o formato de boletín semanal.

Por iso, haberá predios que xa non visitaremos ata a próxima campaña e tamén posiblemente persoas que non consultarán esta información ata o ano. Por iso queremos expresarlles, a eles e a toda a xente que continúe atenta, o noso total agradecemento, primeiro ás persoas propietarias dos predios que nos permiten visitalos cada semana despois de tantos anos, pois son imprescindibles para a emisión dos boletíns, e tamén aos técnicos e viticultores que colaboraron aportando as súas informacións de xeito máis ou menos frecuente. E, loxicamente, a nosa gratitude a toda a xente subscrita a esta información fitosanitaria e a todos aqueles que a len e a difunden.

VIÑA

Estado fenolóxico: N (Baggiolini). BBCH: (85)-89

Do mesmo xeito que vimos comentando nos últimos boletíns, na revisión desta semana, onde volvemos revisar viñas diferentes aparte das da nosa rede habitual, observamos graos de madurez distintos entre a uva da mesma variedade non só de predios diferentes senón tamén dentro do mesmo predio. Loxicamente esta situación ven derivada da brotación irregular e tamén da subsecuente progresión variable na fenoloxía que houbo este ano. Con todo, probablemente sexa bastante xeral que, nestes momentos, a gradación alcólica en albariño estea arredor de 11-12°, cos valores máis altos (mesmo na contorna de 13°) nas parcelas máis solleiras. Porén, os valores de acidez tamén se atopan, en xeral, bastante elevados.

Acios con diferente grao de madurez

Mildio

As condicións climatolóxicas desta semana mantivéronse bastante secas debido aos ventos, se exceptuamos a precipitación que se rexistrou entre a noite do 23 e a mañá do 24, que estivo arredor de 2 l/m2 no Rosal e no Condado, e entre 8 e 11 de media no Salnés.  Esta circunstancia, unida a un menor desenvolvemento dos brotes neste momento e a unha maior dureza do limbo foliar pola climatoloxía e o momento do ano, fixo que apenas observaramos novos síntomas do patóxeno nunhas poucas follas dalgúns predios. Incluso nas plantas testemuña sen tratamentos tampouco os observamos de xeito significativo, nin en folla, nin en pampo nin tampouco nos acios rebuscos que están máis atrasados. Non obstante, a carga de esporanxios que se recolle no captador instalado nestas plantas na nosa parcela de Areeiro segue a ser bastante elevado, na contorna dos 200/m3, duplicándose o día 24, cando caeron arredor de 8 l/m2 xa desde a madrugada.

Máis baixas aínda, como é normal, son as cifras diarias de esporanxios que se recollen no captador da parcela tratada do Salnés, onde tamén xa fai moito tempo que non se realizan tratamentos (precipitacións neste caso os días 23 e 24).

Concentración diaria de esporas

Para os próximos días espérase, en xeral, tempo seco (só algúns modelos prevén algo de choiva o luns día 2) e os ventos serán, segundo as previsións meteorolóxicas actuais, maioritariamente do norte. Deste xeito non parece que vaia cambiar moito a presenza de manchas que se observan nas viñas polo menos ata vendima. Iso si, despois de realizala e antes de que haxa unha caída xeral da folla (por algún fenómeno meteorolóxico extremo ou por fisioloxía), nos predios que tiveran presentado maior presión de mildio este ano será moi aconsellable aplicar un tratamento cúprico pensando no agostado da madeira e tamén en reducir o inóculo para a campaña seguinte.

Mildio en follas xóvenes Planta testemuña defoliada por mildio

Oídio

A presenza deste patóxeno si se incrementou lixeiramente nas follas dalgunhas plantas máis sombreadas onde xa se detectara e tamén onde non se fixeron tratamentos. Con todo, antes da inminente vendima non hai ningunha actuación específica a recomendar; despois, o mesmo que dixemos no caso do mildio, se puntualmente houbo certa presión do fungo conviría realizar unha aplicación localizada cun funxicida antioídio.

Micelio de oídio en pampo de planta testemuña Oídio folla testemuña

Botrite

Malia terse rexistrado a precipitación do/s día/s 23-24, apenas observamos pequenos puntos do patóxeno en grans illados. No resto, o tempo seco do resto das xornadas non favoreceu a instalación do fungo, tampouco nos casos nos que hai feridas por rozas, rachos fisiolóxicos ou perforacións por avelaíñas e naqueles de variedades especialmente sensibles. Nos próximos días, si realmente se mantén a climatoloxía estable, non se prevé que sexa necesaria ningunha intervención máis que o mantemento da viña coas operacións de control da vexetación para favorecer a aireación.

Apenas un punto de botrite Perforacións de avelaíña Racho fisiolóxico en loureira

Flavescencia dourada e o seu vector, Scaphoideus titanus

Lembren que nestes momentos pre-vendima xa non se aconsella a aplicación de tratamentos insecticidas fronte ao vector (si capturalos en trampas) e que o arranque e destrución das viñas afectadas é unha medida imprescindible, pois mentres haxa adultos en voo poden alimentarse delas, adquirir nese momento o patóxeno e inoculalo despois en plantas sas, incrementando así as cepas enfermas. Amais, as plantas sospeitosas que posúan varios síntomas á vez tamén deben ser eliminadas: aínda que os síntomas non son específicos, sempre será mellor previr a dispersión desta perigosa enfermidade.

 Planta afectada de FD Síntomas de FD Aborto de acios en viña con FD

Avelaíña da uva

Nunha das parcelas da nosa rede tivemos un incremento repentino das capturas da terceira xeración tras a práctica ausencia das mesmas en semanas anteriores, e tamén unha maior presenza de acios con perforacións. Coa vendima xa inminente e o tempo seco que se prevé, probablemente os danos que se observaron non teñan maior incidencia sobre a instalación de botrite e é de esperar que as perdas directas tampouco sexan altas. Con todo, faremos un seguimento nesa parcela. Si a situación é coincidente, hai insecticidas rexistrados a base de Bacillus thuringiensis kurstaki que aínda se poderían aplicar por non posuír prazo de seguridade.

Incremento de capturas da avelaiña Lobesia botrana Eiruga de Lobesia sobre gran de albariño atacado

Outros

Destacamos esta semana o incremento de síntomas de seca nos predios máis solleiros e os danos pola insolación directa sobre os acios e os causados polas avespas.

Danos de sol en acios Danos por avespas en acio treixadura