INFORMACIÓN FITOSANITARIA 12 de xullo de 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: K - L (escala de Baggiolini). Codificación BBCH:75-77

Nas últimas dúas semanas, e sempre segundo as nosas observacións, podemos falar dun estancamento na evolución da fenoloxía das vides que, debido ao tempo, non está avanzando de xeito apreciable.

Mildio

Aínda que xullo é o mes central do verán, a verdade é que a nivel meteorolóxico non o parece, pois o tempo inestable segue a ser dominante e o anticiclón non está a exercer unha influencia duradeira sobre Galicia. Así, as últimas semanas, incluída esta na que estamos, caracterizáronse en xeral por unha moi elevada humidade no ambiente debida ás reiteradas precipitacións que se rexistran, nunhas xornadas e, noutras, á evaporación da auga acumulada no solo en condicións de tempo solleiro e ausencia de choiva. A este escenario hai que sumar que as temperaturas, en especial as nocturnas, están a ser bastante ou moi elevadas.

Deste xeito, o ambiente arredor das plantas segue a ser moi favorable aos patóxenos e así, unha semana máis temos que falar dos focos de mildio larvado que seguen a manifestarse nas viñas, o que podemos confirmar polas nosas observacións e tamén polas dos técnicos que nos informan e polas chamadas recibidas. Desde a publicación do boletín fitosanitario anterior boa parte dos viticultores aplicaron un novo tratamento destinado a tentar de frealo, o que, como todos sabemos, é verdadeiramente complicado debido non só a que o patóxeno xa se desenvolve practicamente no interior da planta senón tamén a que procede en parte de infeccións primarias aparentemente controladas pero que en realidade non o estaban.

Esta semana, aparte das nosas viñas de seguimento habitual e das que observamos nos nosos desprazamentos, fixemos percorridos por novas zonas e comprobamos que en todas elas, aparte de viñas sas, había predios con síntomas (moi avanzados nalgúns casos), e mesmo atopamos síntomas en variedades pouco sensibles á enfermidade.

Acios de albariño en perfecto estado Vista parcial de parra con mildio larvado ben avanzadoAcio de variedade hibrida pouco sensible con mildio larvado

Amais, algunhas viñas presentaban unha elevada porcentaxe de follas con manchas frutificadas, e tamén de pampos afectados, o que ata certo punto é normal debido a que practicamente toda as noites se dan máis de 8 horas de condicións favorables á frutificación.

Envés de folla con frutificación activa Pampo con frutificación de mildio

Comprobamos tamén, como dixemos a semana pasada, que moitas das viñas con peor situación e que xa presentaban perdas de colleita potencial, tiñan un mal control da vexetación das propias cepas e/ou do solo, o que impide que haxa ventilación, e non nos cansamos de repetir que, con estas condicións tan húmidas, a xestión desta representa unha práctica tan importante para salvagardar o estado sanitario coma os propios tratamentos.

Humidade ambiente e non xestión da vexetación da perdas colleita Boa xestión da vexetación do solo pero mala do crecemento da viña

No momento da redacción deste boletín (tarde do xoves 11) os diferentes modelos meteorolóxicos tenden a prognosticar unha certa estabilización do tempo pero tampouco é unha configuración segura e ademais, o domingo interromperase esta situación pola chegada dunha nova borrasca, en principio de pouca intensidade, que nos afectará ese día e tamén o luns segundo algunhas axencias. Deste xeito, polo menos eses días haberá condicións para novas infeccións (que agora manifestan os síntomas rapidamente) e polo tanto haberá que continuar co máximo nivel de alerta e vixilancia, renovando as aplicacións o antes posible para evitar que o mildio larvado se estenda. Lembren ademais que as precipitación caídas estes últimos días terán lavado a compoñente de contacto dos funxicidas e reducido a protección teórica dos demais empregados no anterior tratamento. E loxicamente non descoiden as labores de control da vexetación por moito que haxa que facelas reiteradamente debido á combinación de humidade e temperatura elevadas.

Oídio

Do mesmo xeito que dixemos a semana anterior, non observamos síntomas nas plantas tratadas pero si nalgunhas follas dunhas plantas testemuña sen tratamento algún na campaña que están preto dunhas árbores que as sombrean. Tamén é certo que as variedades que dominan nas viñas que nós visitamos non son moi sensibles e que a situación pode ser diferente noutras de maior susceptibilidade. Con todo, de momento o fungo pode producir danos ás uvas e por iso hai que manter a vixilancia.

Folla de planta testemuña con oidio

Black rot

Nunha viña sensible dunha variedade híbrida da zona do Condado atopamos un acio que, aparte de mildio larvado, tiña uns grans con síntomas que aparentemente parecían causado por este patóxeno pero que non amosaba os picnidios característicos, e por iso imos seguir a súa evolución. Tamén este patóxeno pode aínda causar algúns danos, e por iso hai que manter a vixilancia, sobre todo si hai antecedentes de infeccións en campañas anteriores.

Posibles sintomas de black rot

Cicadelidos

Aínda é posible atopar ninfas de diferentes estados de Scaphoideus titanus nas follas que se recollen dentro do plan de erradicación e control da flavescencia dourada establecido pola administración autonómica. Porén, nunha das trampas instaladas xa se capturou o primeiro adulto e a partir de agora é de esperar que se recollan máis, sobre todo si, como anuncian algunhas previsións, cara a metade da semana próxima chegan a producirse temperaturas elevadas. Por estes motivos, nos seguintes tratamentos que se dean na denominada zona demarcada (zona infestada máis zona tampón -área de 2 km de radio arredor da zona infestada máis unha franxa de 2,5 km con la fronteira con Portugal-) hai que engadir un tratamento insecticida dirixido ao control dos adultos e outras formas do cicadelido, mollando ben as follas polo envés e tamén, se os hai, as dos ladróns das cepas. As materias activas autorizadas polo Ministerio son deltametrin 1.5, 1.57 e 2.5%, acetamiprid 20%, lambda cihalotrin 1.5, 2.5 e 10%, tau-fluvalinato 24% e Beauveria bassiana (cepa ATCC 74040) 2.3%.

Ninfa Scaphoideus 7.5x Hembra de Scaphoideus titanus

Avelaíña da uva

Na nosa rede de trampeo o maior número de machos capturados foi 4, pero un dos técnicos que colaboran con nós informounos dun maior número de capturas nunha trampa do Condado. Por outra banda, nas mostraxes de acios que facemos para complementar as observacións das trampas, non observamos ningún síntoma. Se finalmente cara metade da semana se chega a estabilizar o tempo probablemente haberá certo incremento da súa actividade e por iso hai que incrementar a vixilancia. 

Outros

Como era previsible, tras as altas temperaturas dos primeiros días do mes e o cambio producido despois na climatoloxía, esta semana notamos un incremento importante no número de plantas que manifestan síntomas de alteracións de madeira. Cando a climatoloxía se estabilice poden eliminarse os brazos e plantas mortos. Por outro lado, tamén observamos xa os primeiros acios con golpes de sol

BUXO

Bolboreta do buxo

Tampouco nesta semana tivemos capturas de machos de Cydalima perspectalis, pero xa observamos algún dano de eirugas na sebe onde as atoparamos a semana pasada. Incrementar a vixilancia, en especial se mellora a climatoloxía.