Estado Fenológico K
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_K"> K - L (escala de Baggiolini). Codificación BBCH:75-77Como sabemos, esta patoloxía endémica na nosa zona é á que máis esforzos de control dedican os viticultores polas importantes perdas de colleita que pode producir todas as campañas. Na actual, malia ter habido repetidamente condicións favorables ás infeccións, en xeral non había perdas importantes máis que puntualmente en predios con fallos nas primeiras aplicacións e/ou nas labores culturais. Porén, esta semana o número de consultas de produtores preocupados pola aparición "repentina" de síntomas de mildio larvado foi enorme, e estas consultas proviñeron non só da provincia de Pontevedra senón tamén de diferentes zonas das de Lugo e Ourense. Pola nosa parte, na revisión desta semana a diferentes viñas (ás da nosa rede habitual e a outras nas que nos detemos nos nosos percorridos) observamos a mesma situación aínda que en diferentes graos, e tamén intercambiamos informacións con varios técnicos, algún deles xestor de viñedos nas tres provincias, e nos comentaron o mesmo, do que temos que deducir que se trata dunha circunstancia, agora si, xeral.
En realidade, as condicións meteorolóxicas de practicamente toda a campaña teñen sido moi favorables ao patóxeno, ao ser unha constante niveis altos de humidade (por diferentes episodios de precipitación, por néboas, orballos ou pola mesma humidade relativa do aire) e unhas temperaturas suaves. Mesmo estes últimos días, nos que se chegaron a acadar temperaturas máximas certamente elevadas, na contorna dos 28 a 30ºC ou máis durante horas, momentos nos que a humidade relativa baixaba a niveis da orde do 40%, moitas noites rexistráronse humidades relativas de 86 a 98 ou 100%, coincidindo con temperaturas mínimas altas, de 17 a 19ºC. Con esta combinación de condicións o ciclo da enfermidade redúcese ao mínimo, o que explica a constante aparición de síntomas. De feito, estes días se chegou a recoller a cifra máis alta de toda a campaña de esporanxios no captador de esporas que temos instalado nas plantas testemuña de Areeiro, con máis de 1100/m3 de aire o día 27 de xuño (nas plantas tratadas da parcela do Salnés o número de esporanxios recollidos foi, loxicamente, inferior, e o máximo valor deuse o mesmo día: 204/m3).
Sábese que non todo o mildio larvado procede de infeccións recentes senón que pode vir de infeccións anteriores, e que por iso o seu control é complicado. En calquera caso, o control ten que realizarse mediante a aplicación de produtos funxicidas e, imprescindibles sempre pero nestes momentos aínda máis, labores culturais. Neste sentido temos que dicir que, das nosas parcelas de seguimento habitual, nesta semana tiñamos algunhas completamente sas ou con só algún síntoma esporádico, concretamente as máis aireadas e mellor xestionadas a nivel da vexetación ao longo da campaña, e outras que manifestaban maior proporción de acios afectados de mildio larvado, que foron aquelas cunha mala xestión da frondosidade das cepas, da vexetación acompañante e, no caso de dúas delas, mesmo das propias cepas en si, pois algunhas destas estaban caídas cara o solo.
Unha semana máis as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas apuntan a que o anticiclón non termina de asentarse e de exercer a súa influencia sobre Galicia e, malia prever certa precipitación algúns dos próximos días (a maioría), algúns modelos indican que choverá sábado, outros luns e martes, outros martes e mércores,... Con esta situación e a descrita inicialmente, o nivel de alerta ten que ser máximo e obriga a realizar revisións continuas ás viñas co fin de renovar os tratamentos en caso necesario (non o fagan se fai vento!), ademais de facer os despuntes, as esfollas e as rozas necesarias para evitar retencións de humidade a nivel dos acios.
Non observamos síntomas novos en ningunha das viñas que visitamos e, de feito, malia ter habido condicións que favorecerían a este fungo, os que había nin avanzaron, tampouco nas plantas testemuña sen tratamentos. O mesmo nos comentaron algúns dos técnicos cos que intercambiamos informacións estes días. En principio consideramos que, salvo que teñan variedades moi sensibles ou sexa un predio con historial de danos por este fungo, en principio pódese obviar nunha potencial intervención o tratamento antioídio.
Nas follas recollidas ao efecto, aínda se atopan ninfas intermedias de Scaphoideus titanus, o cicadelido transmisor da flavescencia dourada. Lembren que nalgunhas zonas das comarcas fronteirizas con Portugal a loita contra a enfermidade, que se fai en parte a través dos tratamentos contra o insecto, é obrigatoria, e que estes tratamentos, xunto ao arranque e destrución das plantas afectadas ou con síntomas moi evidentes, axudarán a que a zona afectada pola patoloxía non se estenda máis. Os tratamentos contra S. titanus son obrigatorios na denominada Zona Demarcada (que se pode consultar en: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231117/AnuncioG0426-101123-0001_es.html), pero moi convenientes en todo este área para tentar de limitar ao máximo a extensión da enfermidade. As materias activas autorizadas polo Ministerio son deltametrin 1.5, 1.57 e 2.5%, acetamiprid 20%, lambda cihalotrin 1.5, 2.5 e 10%, tau-fluvalinato 24% e Beauveria bassiana (cepa ATCC 74040) 2.3%.
Debido a que boa parte dos insecticidas autorizados son a base de materias activas de contacto, é moi importante mollar ben o envés das follas no caso de tratamentos con pistola como en superficies pequenas.
Amais, é fundamental nas zonas afectadas eliminar tamén os ladróns das cepas, pois as formas xuvenís do insecto teñen bastante tendencia a agocharse nas súas follasNesta semana volveu ser mínimo o número de machos recollidos nas trampas que temos instaladas, entre cero e catro. Tamén da mesma situación nos informaron os técnicos cos que estivemos a falar. Amais, na avaliacións que facemos aos acios, coas que se debe complementar a revisión das trampas para decidir se hai que intervir, non atopamos ovos nin calquera outro síntoma. Polo tanto, de momento non é preciso tratar.
Aparte de incrementarse lixeiramente a presenza de erinose de verán nos brotes novos, o estrés derivado da calor destes días fará que empecen a manifestarse en maior grao os síntomas de enfermidades de madeira nas plantas afectadas.
As árbores das nosas parcelas de seguimento mantéñense sen tratamento para comprobar como evolucionan as poboacións do insecto. Pois ben, esta semana superouse o limiar de tolerancia, e tamén apareceron os característicos síntomas en froitos, que deben ser retirados pois a ferida que causa a penetración da eiruga é porta de entrada para pragas e fungos secundarios que terminan por destruír a colleita.
A semana pasada comentabamos que, malia non ter capturado ningún macho nas trampas de feromonas que temos instaladas, nunha sebe observaramos xa dúas eirugas pequenas de Cydalima perspectalis. Pois ben, na revisión desta semana si tivemos unha captura nunha das trampas, e non atopamos eirugas máis que na sebe á que nos referiramos no anterior boletín. Continuar cun alto nivel de vixilancia para detectar precozmente os síntomas de alimentación e poder facer así tratamentos máis localizados, que sempre son menos nocivos para o medio ambiente.