Estado Fenológico H
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_H"> H –(I1) -(I2) [Botóns florais separados- Inicio floración-(Plena floración)/ BBCH: 57-61-(65)Esta semana a fenoloxía da viña temos que definila como irregular, heteroxénea, non só na mesma comarca senón tamén no mesmo predio, pois puidemos observar desde plantas que mantiñan os botóns separados (que non evolucionaran desde a semana anterior) ata plantas que non só xa floreceran senón que mesmo tiñan os grans formados aínda que de xeito moi incipiente (estes casos os menos).
No aviso fitosanitario extraordinario de onte referiamos a aparición de manchas novas abundantes nalgunhas viñas do Salnés que, cando menos nas viñas que nós observaramos, eran viñas que tiveran síntomas relativamente abundantes con anterioridade (sobre as que nos informaran non dispoñiamos deste dato) e referiamos tamén que descoñeciamos si a situación era aplicable a outras comarcas. Pois ben, onte mércores visitamos O Condado e O Rosal e puidemos comprobar que efectivamente estaba a suceder o mesmo, aínda que quizais cunha incidencia menor ca observada naquela outra comarca.
Así, nalgúns predios detectamos, en focos, algúns síntomas novos (de momento só en folla) e moi incipientes, tanto que nalgún caso foron tremendamente complicados de observar.
Tamén os detectamos e coas mesmas características en plantas abandonadas de muros, peches, bordos.. de variedades que non coñecemos e que só presentan síntomas cando o risco é moi elevado.
Amais, do mesmo xeito que observaramos no Salnés, nalgunha mancha antiga xa con tecido necrosado había zona de avance, o que non apreciaramos antes nesta campaña.
É certo que estes últimos días as temperaturas están a ser bastante frescas, pero hai que ter en conta que esta sintomatoloxía procede da finalización do período de incubación de diversas contaminacións primarias (que aínda poden producirse) e das infeccións secundarias correspondentes á primeira semana de maio. Tamén as condicións meteorolóxicas do fin de semana anterior foron bastante favorables ao patóxeno, pois houbo algunha noite na que as temperaturas mínimas non baixaron dos 12ºC (incluso cerca de 14ºC nalgunha estación), e tamén houbo e aínda hai durante o día períodos de sol alternando con precipitacións.
Por estes motivos, e dado que consideramos que a situación que está a suceder (aparición máis ou menos xeral de síntomas) non terminou aínda, como dixemos no aviso extraordinario emitido onte mércores día 15 hai que renovar a protección o antes posible, empregando preferiblemente un funxicida sistémico debido á relativa retroactividade das materias activas con esta propiedade e á súa capacidade de protexer os órganos en crecemento.
Igual ca semana anterior, na parcela sometida a tratamento da comarca do Condado onde detectaramos síntomas do fungo, non observamos avance algún, pero si en plantas abandonadas, onde non só se incrementou o número de manchas senón que tamén, coa elevada humidade que hai, os picnidios (corpos de frutificación) son máis aparentes. Este patóxeno vese favorecido por temperaturas algo elevadas en condicións de humidade; as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas refiren incremento de temperaturas de cara a próxima semana e por este motivo, aproveitando que hai que renovar as intervencións antimildio, empreguen un funxicida con actividade fronte a este outro patóxeno se na súa viña soe detectarse esta enfermidade e/ou existen viñas abandonadas preto que poidan ser fontes de inóculo.