Estado Fenológico H
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_H"> H –(I1) [Botóns florais separados- (Inicio floración)]/ BBCH: 57-(60-61)As temperaturas medias ao longo da semana mantivéronse moderadas, e só hai que destacar os valores elevados rexistrados o mércores día 8, na contorna de 29ºC nalgunhas estacións. Así, a fenoloxía das vides mantívose bastante contida e só nalgúns predios máis adiantados do sur da provincia hai plantas en floración.
Como estaba previsto, durante a fin de semana anterior concluíu o episodio de precipitacións que durou toda a semana e que rexistrou cifras totais comprendidas entre os 80 e os 140 l/m2 na maioría das estacións, e subiron tamén as temperaturas mínimas. E, ben fora aproveitando claros ou ben despois do domingo, a totalidade ou boa parte das viñas xa recibiron o tratamento preceptivo. Se dicimos "boa parte das viñas" é porque na nosa de Areeiro aínda a estas alturas non fixemos intervención fitosanitaria algunha, debido ao escasísimo número de esporanxios que recollemos no captador que temos instalado no marco do PLASMOWINE e tamén a que só atopamos dúas manchas no que vai de campaña.
Tampouco esta semana atopamos síntomas novos do patóxeno noutras viñas, e mesmo algunha que miraramos anteriormente que presentaba manchas aínda non ben curadas, nesta semana si o estaban.
Nas plantas abandonadas que tamén revisamos só vimos algún síntoma illado, pero non alarmante, e é que tampouco no captador de esporas que temos nunha viña do Salnés recollemos moitos esporanxios:
As previsións meteorolóxicas que consultamos están variando periodicamente nos seus prognósticos para os próximos días e tampouco coinciden entre elas no relativo ás temperaturas e á dirección dos ventos que se van dar, polo que haberá que estar alertas a como evolucionan. En principio prevén tempo seco a curto prazo, con temperaturas máximas e mínimas bastante elevadas, e despois novamente precipitacións dunha contía que non semella que vaia ser moi elevada e dunha duración variable segundo a axencia meteorolóxica, con temperaturas máximas máis baixas e mínimas con variacións. Tendo en conta estas previsións, o episodio de choivas pasado e a fenoloxía actual das plantas moi sensible ao patóxeno, hai que manter un elevado nivel de vixilancia no viñedo, que debe ser revisado periodicamente para detectar a tempo posibles manchas novas, zonas de avance nas antigas ou ben danos en acio.
Polo de agora non observamos síntoma algún do fungo e aínda non realizamos o primeiro tratamento en ningún predio. Con todo, a viña entra agora nun período de maior sensibilidade, e este fungo pode desenvolverse nun amplo rango de condicións ambientais (o seu desenvolvemento óptimo dáse entre 25 e 30 °C, e entre 40 a 100% de humidade relativa), polo que é preciso incrementar a vixilancia, sobre todo nas plantas peor aireadas e de variedades máis sensibles. Amais, algunha axencia meteorolóxica anuncia néboas costeiras para algúns días, e como sabemos as néboas tamén lle resultan propicias.
Non observamos avance algún na viña do Condado onde referiamos a semana anterior que aparecera o primeiro síntoma da enfermidade e tampouco os observamos noutros predios. Canto a plantas abandonadas, na revisión desta semana atopamos os primeiros en pampo. Se a semana anterior diciamos que nas viñas con historial de presenza desta enfermidade, os tratamentos fronte ao mildio deben realizarse con funxicidas que teñan efecto fronte a black rot, tamén cando comecen as intervencións antioídio deben elixir un produto recomendado para controlar ambos patóxenos.
Esta semana destacamos, nalgúns predios, a abundancia de brotes partidos polo vento ou pola sarabia caída localmente.