Estado Fenológico L
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_L"> L (Baggiolini). BBCH: 79. Nas variedades/viñas máis adiantadas: L-(M1) (Baggiolini). BBCH: 79-81As elevadas temperaturas destes días deron un pulo á fenoloxía e, malia seguir predominando o peche do acio, a realidade é que en case todos os predios aparecen xa os primeiros acios nos que a uvas empezan a brillar ou a coller o ton característico da maduración. Amais, nas máis temperás, brillantes e doces, os paxaros xa están a deixar acios sen apenas uvas.
Despois do paso da fronte húmida do pasado sábado 20, que deixou valores baixos de precipitación, sempre por baixo dos 10 l/m2, por fin chegou a esperada estabilización da climatoloxía coa entrada de aire seco e cálido procedente de África. Así, subiron notablemente as temperaturas máximas (que chegaron a estar mesmo arredor dos 40 ºC), as mínimas tamén ascenderon de xeito moi significativo (chegando a superar algúns días os 20ºC) e baixou a humidade relativa media (que pasou dos 86-90% a 65-70% algunhas xornadas) e as horas de humidade foliar, que despois do día 20 foron inferiores a 6 horas.
Con estas condicións solleiras, secas e calorosas, máis as aplicacións antimildiu que en xeral se fixeron nas últimas semanas, non observamos avance algún na presenza de mildio larvado nas viñas onde o había, nin tampouco vimos síntomas naquelas onde non estaba presente. A nivel dos acios o único que temos que destacar é que había mildio con frutificación aparentemente activa nalgúns rebuscos de viñas moi afectadas con anterioridade, sobre todo nas especialmente débiles, e ademais hai que ter en conta que esta debilidade se veu incrementada polo cambio na situación meteorolóxica no referido ás horas de sol e ás temperaturas.
Porén, a presenza deses poucos acios afectados non debería ser preocupante debido a que durante polo menos 7 horas continuas as temperaturas mantivéronse por riba dos 30ºC na maioría das estacións meteorolóxicas consultadas, o que axuda a reducir a vitalidade dos esporanxios que constitúen en esencia a frutificación do patóxeno.
Aínda así, os orballos unidos ás altas temperaturas nocturnas fixeron que na maioría dos predios que non recibiran tratamento nos últimos días as follas novas aparezan con moitas manchas recentes, algunhas con frutificación e outras aínda non. En xeral esta situación tampouco debería preocupar en exceso debido a que as nosas cepas teñen un volume de follas suficiente para realizar perfectamente a fotosíntese aínda perdéndose por mildio as novas, aínda perdéndose tamén aquelas da cima das parras máis afastadas destas a onde non chegan os tratamentos e que poden dar un aspecto "descoidado" pero que non chega a comprometer a boa maduración da uva. Loxicamente, isto non é aplicable ás plantas débiles, cuxa situación empeora coas temperaturas tan elevadas que temos, e aínda máis se o solo non ten unha boa estrutura e é pobre.
A mesma aparición de manchas nas follas máis tenras observámola nas plantas de diferentes variedades que medran en bordos das estradas ou camiños e en muros de predios e que non reciben tratamentos de ningún tipo.
Para os próximos días as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian permanencia do tempo estable e temperaturas moi altas malia que a ola de calor parece que nos abandona. Con todo, haberá que estar pendentes, pois algúns modelos prevén, no momento actual (tarde do 25), probabilidade de tronadas e néboas relativamente densas para algunhas localidades entre martes e mércores. Se o tempo permanece seco ou se estes episodios son puntuais e de curta duración, en xeral non será preciso renovar as intervencións salvo nos casos de viñas moi debilitadas e máis afectadas de larvado. Iso si, aparte da revisión periódica das viñas, o que non se pode abandonar é a outra pata fundamental na protección das viñas fronte ao mildio larvado, é dicir, as prácticas agronómicas que conduzan a unha mellor aireación das plantas.
Esta semana non detectamos síntomas de oídio en ningún predio dos que teñen recibido tratamentos fronte a este patóxeno, e iso que o fungo pode desenvolverse ben ata incluso os 40ºC. Canto ás plantas abandonadas ou aquelas que mantemos sen tratamento algún, unicamente os observamos nas follas, do mesmo xeito que informamos no boletín anterior. Debido a que o pintado non é nin moito menos xeral, hai que seguir mantendo a vixilancia, aínda xa son máis baixas as probabilidades de danos significativos nos acios.
Nos predios incluídos dentro da zona demarcada establecida pola administración autonómica a raíz da detección da flavescencia dourada en Galicia son obrigatorias tres aplicacións insecticidas para o control das formas xuvenís (as dúas primeiras) e dos adultos de Scaphoideus titanus (a última). A semana anterior xa avisabamos de que estaban a aparecer os primeiros adultos nas trampas, pero aínda hai bastantes ninfas (hai varios estados ao mesmo tempo). Debido a que debemos evitar no posible a dispersión da patoloxía que transmiten, aínda seguimos recomendando a aplicación de insecticida, en particular se non se efectuou o anterior, en calquera viñedo do sur da provincia. Canto a outros cicadelidos, as capturas semanais que temos nas trampas son moi baixas, e tamén o é o número de ninfas nos recontos ás follas.
Nas parcelas da nosa rede seguimos sen capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas malia estar cebadas con feromonas novas. Tampouco observamos nesta revisión síntoma algún da súa actividade, aínda que fixemos os pertinentes controis a un número moi elevado de acios, pero tamén é certo que as temperaturas tan elevadas destes días non son as máis favorables, xa que por exemplo os seus ovos son moi sensibles á desecación e á luz intensa do sol.
Os estrés debido ás temperaturas tan elevadas desta semana incrementou a gravidade dos síntomas das plantas afectadas por enfermidades de madeira, ata o punto de que nos casos máis acusados xa se aprecian algúns brazos mortos, que poden ir eliminándose (e retirar a madeira resultante) para evitar a contaminación de outras cepas. Amais, tamén observamos algúns danos por golpe de sol en acios expostos.
Esta semana non recollemos ningún macho nas trampas de feromona. Con todo, agora que xa están formados os ourizos convén revisalos e retirar os que estean a coller un ton marrón, así coma os caídos ao solo.
O ton amarronado dos ourizos e a súa caída prematura tamén pode ser debido a este fungo, que frea o crecemento da castaña e a engurra. Como fungo que é, as condicións ambientais deste ano foron moi favorables para o seu desenvolvemento. Tamén neste caso a retirada dos ourizos con síntomas e dos caídos ao solo é moi importante para reducir inóculo e tamén se pode aplicar algún funxicida cúprico autorizado en castiñeiro.
Para ambas pragas do castiñeiro resulta recomendable estender baixo as árbores unha malla ou plástico na proxección da copa, pois é máis cómodo retirar os ourizos e restos caídos e así tamén se evita que poidan quedar no chan fontes de contaminación para a campaña seguinte.
Tamén na revisión desta semana tivemos outro macho de Cydalima perspectalis na trampa, mentres continúa incrementándose o tamaño das eirugas na sebe á que nos vimos referindo nas últimas semanas. Tamén observamos os primeiros síntomas noutras plantas do noso seguimento. Revisar ben o estado dos buxos en cada caso para saber cando é necesario tratalos.