INFORMACIÓN FITOSANITARIA 11 de Junio 2026
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.
Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
Viña
Temperaturas medias suaves esta semana, bastante sol e a consabida humidade relativa propia da nosa zona provocaron un novo avance notorio na fenoloxía das viñas de xeito que, aínda sen chegar á metade de xuño, xa os acios están a acadar o estado de grans tamaño chícharo. Nas mesmas datas da campaña anterior os acios estaban tamén chegando a este estado, aínda que cuns días (unha semana de media) de retraso fronte a este ano.
Iso si, aínda se atopan acios, e incluso grans dentro do mesmo acio, menos desenvolvidos, situación que tamén ven sendo frecuente na nosa zona. E, aínda que é certo que hai moitos acios, tamén o é que algúns teñen poucos grans malia que, en xeral, a floración se produciu en condicións de tempo estable.
Mildio
Entre finais da semana anterior e a fin de semana houbo algún día con precipitación nalgunhas zonas da provincia, pero en realidade tampouco foi significativa: non máis de 5 l/m2 de acumulado, estando a cifra máis frecuente entre 2 e 3 l/m2. Despois dese momento, aínda que houbo polas noites algunhas horas de humidade foliar, as temperaturas nocturnas foron frescas (inferiores a 10ºC de media), e cando fai dúas noites comezaron a subir lixeiramente, os ventos moderados do norte impediron que houbera orballo na vexetación. Deste xeito, e considerando a protección que se fixera previamente, esta semana temos que volver cualificar a situación das viñas respecto a este patóxeno como de sa, sen enfermidade en termos xerais, incluso en predios onde o desenvolvemento da vexetación das propias plantas dificulta a chegada dos funxicidas ás partes máis distais das mesmas.
Os síntomas novos que atopamos se limitaron ás plantas testemuña, e sen ir máis lonxe xa o luns día 8 localizamos síntomas abundantes moi recentes en varias plantas sen tratamento da viña de Areeiro, pero tampouco son todas as vides da nosa parcela as que os presentan.
Incluso o número de esporanxios recollido no captador situado entre estas plantas é reducido, estando a cifra máxima por debaixo de 25/m3 de aire, e iso malia que é unha viña rodeada de árbores frondosas que a manteñen húmida durante horas.
Canto aos predios das diferentes comarcas sometidos a tratamentos, nos que nalgún momento tiveron danos polo patóxeno, os síntomas estaban aparentemente controlados. E é que tamén no captador que temos instalado nunha das nosas parcelas de seguimento habitual, en todo o que levamos de mes e ata que dispoñemos de datos, se recolleron poucos esporanxios, non chegando o valor máximo aos 18/m3.
No momento da redacción deste Boletín (mañá do xoves 11), as diferentes previsións meteorolóxicas consultadas predín temperaturas moi elevadas a curto prazo, con temperaturas máximas por riba dos 30 ºC, noites tropicais (por riba dos 20 ºC) ou case tropicais e sen os ventos do norte destes últimos días. Pero estas temperaturas tan elevadas darán paso a unha actividade tormentosa que nos vai afectar de xeito irregular segundo as zonas, como é propio dos episodios de treboada, e que pode descargar choivas desde o propio sábado. Xa para a semana seguinte as condicións se estabilizarán, en principio. Deste xeito, a nosa recomendación será actuar en función de se afectan ou no as tormentas a cada zona e do prazo de tempo durante o que se manteñan en cada lugar as temperaturas por riba de 30 ºC: se estas temperaturas son ben superiores e duran máis de 6 horas, desvitalizarán os esporanxios e de non producirse tormentas, simplemente haberá que manter a vixilancia, en especial se está próximo a finalizar a protección do tratamento precedente; nas zonas onde descargue, e tamén considerando a contía da precipitación e a data da última intervención realizada, intensificar a vixilancia por se fora necesario renovar o tratamento, sobre todo se non se acadaron previamente rexistros de temperatura maiores de 30ºC.
Oídio
A uva está entrando nun estado de máxima sensibilidade ás infeccións deste fungo, e tamén as condicións temperaturas tan elevadas que se prevén a curto prazo non limitan o seu desenvolvemento aos mesmos niveis que no caso do mildio: tería que haber durante horas temperaturas superiores aos 35º para empezar a frealo e por riba dos 40 para desvitalizalo. Polo tanto, este é o patóxeno cuxa evolución é máis preocupante a curto prazo, e por iso a vixilancia debe ser moi estrita, como tamén deben ser realizadas as prácticas culturais que favorezan a aireación dos acios. De feito, nós aínda non atopamos síntomas en acio pero un técnico si nos informou esta semana da súa detección nun acio dunha viña moi pouco ventilada e moi sombreada.
En resumo, a nosa recomendación, que tamén se deriva dos modelos de previsión que manexamos, é a máxima atención á potencial aparición de síntomas por se fora necesario tratar fronte este patóxeno.
Black rot
Os síntomas desta enfermidade seguen a ser esporádicos, aínda que están a aparecer en diferentes comarcas, sempre en folla. O risco neste momento pódese cualificar de feble a moderado.
Avelaíñas do acio
Esta semana xa tivemos as primeiras capturas de machos de Lobesia botrana da segunda xeración, pero en números baixos, entre 3 e 7 por trampa, e só en parcelas do sur da provincia, é dicir de Condado e Rosal. Canto á actividade das eirugas só atopamos un resto de glomérulo nunha viña.
Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada
Á vista das mostras con ninfas de Scaphoideus titanus, todas procedentes da comarca do Condado, que recibimos esta semana no laboratorio, o estado dominante das poboacións do transmisor da flavescencia dourada neste momento é N2. Lembren que as primeiras ninfas se detectaron hai dúas semanas e que polo de agora non é preciso tratar pero en breve avisaremos da data do primeiro tratamento, sempre en coordinación coa consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
Ademais, esta semana queremos solicitar a todas as persoas (traballadoras directas de campo, técnicas, comercializadoras...) que se despracen entre as comarcas onde está presente o vector e outras diferentes, da IMPORTANCIA DE GARDAR TODAS AS PRECAUCIÓNS POSIBLES PARA EVITAR LEVAR ACCIDENTALMENTE NINFAS OU, CANDO EVOLUCIONEN, ADULTOS, A ZONAS ONDE NON ESTÁ DETECTADO: non hai que esquecer que o que transmite é unha enfermidade moi grave de corentena e hai que evitar por todos os medios a súa dispersión a outros lugares.












