Estado Fenológico M2
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_M2"> M2 N (Baggiolini). BBCH: 85Esta semana volvemos revisar, aparte dos da nosa rede habitual de seguimento, predios diferentes e en xeral observamos que o estado fenolóxico nas diferentes parcelas e incluso dentro da mesma viña non é uniforme, pois hai plantas cos acios claramente brillantes e tirando a dourado nas variedades brancas (ou pintados nas variedades tintas) e outros xa brandos pero de cor verde (brancas) e con mestura de cor verde e diferentes niveis de vermello-granate (tintas). Por iso, este é un bo momento para ir eliminando os rebuscos e aqueles acios que non van completar a maduración, porque máis próximos á vendima será máis complexo diferencialos e poderían chegar a ser recollidos, afectando loxicamente á calidade do viño.
Canto ao grao alcólico das uvas de albariño recollidas nesta semana a modo de referencia, o mínimo e o máximo situáronse en viñas do Salnés con 7,76 e 10,59º respectivamente.
A nivel xeral e se exceptuamos o xoves 15, os aspectos máis diferenciais entre a meteoroloxía desta semana e a da anterior foron que baixaron as temperaturas máximas e mínimas diarias uns 3-5 ºC e que subiu a humidade relativa media, que pasou de valores medios na contorna do 70% a cifras próximas a 80-90%. Amais, en practicamente todos os lugares houbo unha precipitación lixeira o día 13, pero dunha contía tan baixa (entre 1 e 2 l/m2) que apenas tivo incidencia nas viñas, nalgúns casos xa con síntomas evidentes de estrés hídrico.
A estas alturas da campaña practicamente todas as variedades teñen o pintado xa avanzado e entraron en fase de maduración, onde os acios non son susceptibles ao patóxeno. Con todo, algunhas variedades, sobre todo tintas, non o teñen completado e aínda poderían ser afectadas de rexistrarse condicións favorables; as que hai estes días, malia ser polas noites propicias polas noites para a frutificación, non provocaron síntomas e de feito non os observamos, tampouco nos acios rebuscos que hai en moitas cepas. Unicamente apareceron síntomas (manchas) nas follas novas dalgúns pampos, pero tampouco de xeito significativo, nin nas plantas tratadas nin nas testemuña sen tratar ou nas abandonadas, independentemente da variedade. Isto foi así malia que o número de esporanxios do patóxeno segue a ser elevado nas plantas sen tratar, segundo o reconto obtido do captador instalado nesas plantas no marco do PLASMOWINE.
A curto e medio prazo as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas continúan anunciando tempo estable, con ceos maioritariamente despexados e ventos de dirección dominante norte ou nordés. Polo tanto, non haberá risco elevado de que continúe a aparición de manchas (ou de que aparezan danos nas uvas de variedades aínda pintando) e probablemente as que hai irán secando polas altas temperaturas diúrnas e a influencia do sol. Deste xeito, será improbable que continúe a defoliación que se observa nas plantas testemuña e tamén nas partes altas das parras que tiveron máis mildio.
Este fungo ten unha clara preferencia pola luz débil e difusa, por condicións de alta humidade e por temperaturas na contorna de 20-27 ºC aínda que pode desenvolverse nun amplo rango destas. Pola contra, a luz intensa destes días de tanto sol non favorece a xerminación dos conidios. Na revisión desta semana, de feito, só observamos micelio do fungo nas plantas testemuña a nivel da vexetación e nun acio rebusco, iso si, moi lixeiramente.
En xeral apenas atopamos síntomas deste patóxeno nas uvas, nin sequera a raíz da precipitación do día 13. Con todo, conforme se van incrementando os azucres, este fungo ten maiores probabilidades de instalarse, e tamén se hai feridas nos grans. Neste senso, esta semana observamos, en diferentes zonas da comarca do Rosal, acios de loureira con rachos lonxitudinais na pel que enseguida se encheron de micelio do fungo, o que é normal tendo en conta a sensibilidade desta variedade.
As precipitacións e a humidade relativa moi elevada por néboas, orballos, etc. unidos a unhas temperaturas altas son outros factores que favorecen a este fungo oportunista, aparte do varietal e das feridas. Para os próximos días non se esperan precipitacións, pero nas variedades máis sensibles ou nas uvas con danos de calquera tipo os outros factores poden permitir a súa instalación e por iso hai que manterse alertas e, por suposto, manter tamén as labores culturais que favorezan a ventilación das uvas, pois nalgunhas viñas nas que nace auga ou que están a ser regadas en exceso, o desenvolvemento vexetativo e tamén das herbas da cuberta pode favorecer a aparición do fungo.
Estamos na época na que é máis sinxelo observar os síntomas, non específicos iso si, desta enfermidade de corentena. Entre eles están a colocación das follas no pampo en forma de tellas, as follas enroladas cara o envés e endurecidas, a cor amarelo-dourada nas follas de variedades brancas e avermelladas e delimitadas polos nervios nas tintas, a flexibilidade das varas, que parece que colgan, e a presenza de acios abortados ou semisecos. Debido a que o control desta enfermidade é obrigatorio, e á transcendencia que ten para a nosa viticultura, nas viñas que están na zona infestada ou mesmo na demarcada é recomendable o arranque e destrución inmediata das plantas nas que apareza conxuntamente esta sintomatoloxía para contribuír á súa contención: sempre será mellor perder unhas poucas plantas que poñer en risco toda unha plantación.
O mosquito verde (Empoasca vitis) é un insecto chupador cuxa alimentación provoca marcas nas follas da vide, e ás veces da lugar a necroses marxinais que poden ser confundidas con estrés hídricos ou escaseza de nutrientes. En realidade na nosa zona debería ser considerado en xeral como unha praga secundaria xa que a redución da capacidade fotosintética da vide que pode producir compénsase coa presenza de elevado volume de vexetación. Por iso unicamente debería ser tratada se os niveis poboacionais son moi elevados.
Canto a Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, hai que vixiar con trampas se continúa a haber capturas nas viñas da zona demarcada, en cuxo caso seguimos recomendando a aplicación dun insecticida.
Nas nosas parcelas de seguimento habitual e tamén noutras que visitamos esta semana a presión desta praga é moi baixa, pois non atopamos acios afectados.
Na parcela da nosa rede onde a semana anterior deramos un tratamento cun produto natural autorizado, todos os individuos presentes nas mostras recollidas estaban mortos.
Loxicamente, a escasa precipitación que se produciu o día 13 non foi suficiente para limitar os síntomas de estrés hídrico nas cepas nin para evitar que sigan a manifestarse os síntomas de patoloxías de madeira. Lembramos que as plantas que morren por estas ou outras enfermidades, así como os brazos afectados doutras plantas, poden ser eliminados perfectamente agora que está o tempo seco para evitar que facelo en época de choivas. Tamén se incrementa estes días a incidencia dos golpes de sol e de erinose de verán.
A mesma recomendación de ir eliminando plantas e ramas afectadas por enfermidades de madeira na viña é aplicable a calquera especie froiteira ou non froiteira: é importante eliminar as partes mortas e tamén as plantas que sucumban para reducir o nivel de inóculo presente no lugar. Amais, facelo en tempo seco garante que no ambiente non haxa apenas esporas dos patóxenos e que as presentes non teñan posibilidades de establecerse nas zonas dos cortes practicados, que deben realizarse adecuadamente, é dicir, en forma de bisel (nunca horizontais), deben ser limpos (evitando os rachos, para o que as ferramentas deben estar ben afiadas) e respectando as engurras de cortiza ou ben deixando algo de madeira para permitir a formación do cono de desecación.