Estado Fenológico F
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_F"> F - G (acios visibles-separados) / BBCH: 53-55Como estaba previsto polas diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, desde a emisión do anterior boletín o pasado venres 12, predominou unha situación de ventos do norte que arrefriaron o ambiente, en especial nas horas con ausencia de sol. Pero tamén é certo que ao inicio do período tivemos unha especie de verán adiantado pola masa de aire africano que chegou, de xeito que nas horas centrais do día as temperaturas estiveron na contorna dos 26-27ºC, chegaron a estar próximas aos 30 ºC ou os superaron, como ocorreu o propio venres 12 na estación de Meder de MeteoGalicia, cando se acadaron 31,51 ºC. Amais, nesas mesmas datas, que corresponden coa fin de semana, as mínimas tamén estiveron máis altas e houbo tamén humidade foliar paralelamente en moitas estacións. Este último dato é probablemente o responsable de que no captador de esporas que temos instalado no Salnés no marco do PLASMOWINE tiveramos o maior número de capturas de esporanxios de todo o mes, 20,52 esporanxios/m3 que despois foi baixando conforme diminuía a temperatura nocturna e a humidade, xa que non houbo intervención fitosanitaria na viña.
Malia ter habido condicións moi favorables ao patóxeno no período finais de marzo-primeira semana de abril (cando deramos aviso do primeiro tratamento), as condicións climatolóxicas subseguintes non permitiron o avance ou a aparición da enfermidade de forma máis xeral, e na revisión desta semana ás viñas da nosa rede habitual (tratadas só a metade), a dúas novas que incorporamos no Salnés (sen tratamento algún de momento), e a outras que visitamos nos nosos percorridos, non atoamos síntomas. Canto ás persoas que colaboran con nós, simplemente nos informaron do avance da enfermidade na planta de Arbo (Crecente) á que nos referiramos no boletín anterior (foto de abaixo, cedida polo autor) e da detección dunha nova no Salnés, neste caso nunha viña de Ribadumia.
As previsións do tempo consultadas coinciden na permanencia dunha climatoloxía estable para os próximos días, con temperaturas máximas moi altas ata pasar a fin de semana e máis normais para a época (máis frescas) a partir do luns. Porén non son totalmente coincidentes canto ás temperaturas mínimas, xa que mentres algunhas prevén rexistros por debaixo de 10ºC que diminuirían o risco de mildio outras prognostican valores compatibles co desenvolvemento do patóxeno. Ante esta incerteza, temos que aconsellar manter a vixilancia, en especial si as temperaturas nocturnas son suaves e si as viñas aínda non recibiron tratamento fitosanitario algún, están en zonas especialmente sensibles (valgadas, predios inundables tras as precipitacións abundantes que tivemos que aínda manteñen o solo empozado, próximas a masas de auga...) ou teñen a vexetación acompañante sen rozar.
Os ventos destes días están a provocar a rotura dalgúns gromos nas viñas máis desenvolvidas, sobre todo nas zonas máis expostas, onde tamén hai roturas de follas. Nos casos nos que a súa incidencia o aconselle pola contía de varas afectadas deben elixirse, ao facer a seguinte aplicación fronte ao mildio, funxicidas que leven folpet, materia activa cicatrizante.
Canto a outros problemas, observamos follas con síntomas claros da alimentación de caracois e tamén algún que outro síntoma de erinose, de momento en menor grao que en campañas anteriores.
Xa se observan menos síntomas de actividade de eirugas, xa sexa polos tratamentos realizados ou porque as eirugas están en fase de crisálide. Con todo, aínda nalgúns casos se poden ver síntomas graves, como na planta de viveiro que se amosan na imaxe. Manter a vixilancia por si é preciso facer un tratamento.
Debido á climatoloxía especialmente húmida que tivemos ata agora os froitos de moitas especies cítricas están a murchar na árbore e poden caer prematuramente. Ao marxe de poder dar un tratamento, é fundamental retirar e eliminar todos os froitos afectados (tamén os que se atopan na árbore) para reducir a incidencia da enfermidade.
O sol destes días fomentou que as plantas estean a agromar intensamente con gromos que, despois das choivas tan abundantes que tivemos ata a primeira semana de abril, están tenros e moi atractivos para os áfidos. Por este motivo están a aparecer en diferentes plantas, causando xa un dano estético evidente nas plantas ornamentais.
De momento a súa incidencia permite que, salvo en plantas moi pequenas ou debilitadas, sexa posible eliminar as colonias mediante a retirada e destrución dos gromos afectados, que en xeral serán os altos e máis exteriores por ter acceso a máis iluminación. Precisamente por este último motivo, e tamén porque na nosa zona soe haber moitos inimigos naturais arredor das colonias de áfidos, os potenciais tratamentos insecticidas que se dean poden centrarse especialmente nos brotes de fóra, deixando as partes internas para que se refuxie a fauna beneficiosa.