INFORMACIÓN FITOSANITARIA 02 de agosto 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: ( L )- M1 (Baggiolini). BBCH: (79)-81 a 83

O tempo maioritariamente solleiro e moi cálido destes días e tamén da semana anterior provocou que nas diferentes variedades de vide o estado fenolóxico dominante sexa xa o do inicio do pintado ou mesmo o do pintado. Isto implica que as plantas están entrando na fase de maduración da uva, e coincide en datas coas da campaña 2023. Non obstante, quedan predios máis atrasados nos que só algúns acios empezan a abrandar aínda que na súa maior parte están co brillo característico.

Ao chegar ao pintado diminúe o risco de danos á uva por algúns patóxenos e increméntase o de outros e tamén o de certas pragas, e por iso, amais das labores agronómicas que deben seguir a realizarse, non hai que descartar a necesidade dalgún/s tratamento/s máis nesta campaña, aínda que algunhas grandes bodegas xa estableceron, segundo nos informaron varios viticultores, a data límite de intervención para o próximo domingo día 4 de agosto.

Danos por paxaros e por avespa asiática a uvas en maduración Empezan a ser visibles danos pola vespa asiática

Mildio

Nos días transcorridos desde o anterior boletín houbo días claros e outros con nubes ou néboas densas en practicamente todas as localidades, e tamén orballos nocturnos ou incluso, nalgúns lugares, caeu certa precipitación fina que non sempre foi recollida polos pluviómetros. As temperaturas estiveron altas, as máximas non tanto coma as da semana pasada, pero as mínimas si, rexistrándose de feito noites tropicais (>20 ºC) en certos lugares. A confluencia de humidade e temperatura é moi favorable ao desenvolvemento do patóxeno, pero nestes momentos a uva ou non é xa sensible, ou ten unha sensibilidade mínima. De feito, a insolación e a calor destes días está a secar o raque e os primeiros grans afectados de mildio larvado, que se desprenden simplemente ao tocalos.

Rotura do raque seco por mildio larvado

Porén, a parte vexetativa das vides (follas, pampos) e os rebuscos continúan a ser sensibles e de feito nalgunhas viñas continúan a aparecer síntomas, en especial nos gromos das partes máis altas das parras excesivamente frondosas a onde non chegan os tratamentos, de xeito que algunhas plantas algo debilitadas empezan a perder folla, como o levan facendo desde hai un tempo as plantas testemuña sen tratamentos.

Perda de folla por mildio parte alta parraFrutificación mildio en folla nova Aspecto planta testemuña

As previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas refiren para as próximas datas tempo seco e solleiro, pero algunhas indican un lixeiro empeoramento, con certa precipitación, para o martes día 6. Canto ás temperaturas, as mínimas serán máis baixas e as máximas seguirán a ser altas. Se durante a campaña se mantivo a viña sen apenas mildio, con estas condicións non será preciso tratar e só se aconsella seguir realizando as labores agronómicas de redución do exceso de frondosidade, esfollas moderadas e nunca na cara sur ou leste e mantemento da vexetación do solo; se houbo mildio, foi relativamente ben controlado e as cepas están fortes, pódese tamén non tratar ou, se a uva está xa maioritariamente branda, aplicar un tratamento cúprico, o mesmo que debe facerse se a uva está así e hai defoliación e/ou as plantas están débiles polas condicións do solo ou outras.

A maioría dos produtos cúpricos teñen, en vide de vinificación, 15 días de prazo de seguridade

Oídio

Mantense a presenza de síntomas nas plantas testemuña en folla. Porén, non os atopamos en acio, nin sequera nos rebuscos. A partir do pintado o fungo xa non pode afectar ao acio, e por iso non serán necesarias máis aplicacións fronte a esta enfermidade.

Follas novas con síntomas oídio planta testemuña

Botrite

A sensibilidade dos grans a mildio e oídio desaparece a partir do pintado, pero desde este momento aumenta a susceptibilidade á botrite, en especial si coinciden altas temperaturas con humidade relativa tamén elevada.  O estado das uvas tamén inflúe na súa instalación, e nesta campaña hai que prestar moita atención aos predios con acios afectados de mildio. De feito, esta semana xa vimos dous acios co micelio do fungo en dúas viñas que tiveron mal mantemento da vexetación e consecuentemente sufriron o ataque daquel patóxeno. 

Botrite en acio que estivo moi cuberto de follas Gran afectado de mildio larvado con botrite

Coa climatoloxía que se prevé para os próximos días non parece que vaia haber condicións especialmente favorables ao fungo, pero como vimos de dicir hai que estar moi pendentes nos predios nos que houbo mildio larvado ou rachos fisiolóxicos ou a consecuencia das rozas. E tamén en variedades especialmente sensibles ao fungo (acios compactos, pel fina etc.) ou onde xa haxa indicios de alimentación por avespas ou paxaros.

Dos funxicidas rexistrados para o control desta enfermidade, algúns teñen un prazo de seguridade de 21 días, outros de 15, e tamén hai varios naturais con prazos moito máis curtos (1-2 días) ou sen prazo

Cicadelidos

Nas nosas trampas as capturas de Empoasca vitis seguen a ser moi reducidas, así coma os recontos de ninfas nas follas. Canto a Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, seguen a capturarse adultos nas trampas instaladas nos predios incluídos dentro da zona demarcada establecida pola administración autonómica. Por iso seguimos recomendando a aplicación dun insecticida, porque é preciso reducir no posible a propagación da enfermidade e outras medidas de contención, como son a eliminación das plantas abandonadas, das que hai moitas na zona demarcada, son máis difíciles de levar á práctica. 

Scaphoieus e Empoasca en trampa amarelaControl flavescencia inclúe eliminar vides abandonadasCepa abandonada en Salvaterra medrando nun muro

Avelaíña da uva

Esta semana capturamos 3 machos de Lobesia  botrana nunha das trampas que temos instaladas. Ademais, na mesma parcela vimos o primeiro acio cun par de grans xuntos afectados pola penetración da eiruga. No resto de predios que revisamos non observamos síntomas.

Gran afectado por eiruga Lobesia Segundo gran afectado pola eiruga de Lobesia

Outros

Aparte dos danos por paxaros e pola avespa asiática referidos ao inicio, continúan aparecendo plantas afectadas por enfermidades de madeira ou incrementándose a gravidade dos síntomas, e tamén hai cada vez máis acios cos síntomas de golpe de sol.

Planta que colapsou por enfermidade madeiraIncremento síntomas madeiraGolpe de sol en acio exposto

MACEIRA

Avelaíña da mazá

Nas nosas trampas de feromona nós non recollemos ningún adulto pero lembren que a situación pode ser diferente en cada caso concreto. Ademais, nestas datas xa se poden ir instalando as bandas-trampa destinadas a capturar as eirugas que se retiran a invernar. Estas bandas-trampa deben ser retiradas e destruídas no outono e é unha medida cultural destinada a reducir as poboacións desta especie para a seguinte campaña.

Colocación de banda trampa_ tipo de cartón a utilizarColocación de banda trampa_ Protección para a choivaColocación de banda trampa_ Cartón colocado

Lembren que esta praga non afecta só ás mazás, senón tamén a peras, noces e marmelos

NOGUEIRA

Mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa

Nesta semana recollemos 3 adultos na trampa instalada. Na mostraxe de noces tampouco atopamos de momento larvas. Manter a vixilancia e ir eliminando todos os froitos que vaian caendo ao solo como medida preventiva. 

BUXO

Bolboreta do buxo

A situación que observamos esta semana no relativo a esta praga foi variable segundo as sebes revisadas: mentres nalgunhas apenas había máis que síntomas esporádicos, noutras a presenza de eirugas era elevada, o tamaño das mesmas grande (últimos estados) e xa se observan algunhas crisalides. Incrementar a vixilancia, avaliando ben os buxos para detectar as eirugas e actuar en consecuencia.

Eiruga desenvolvida de Cydalima Xa se atopou a primeira crisalide