Estado Fenológico N
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_N"> N (Baggiolini). BBCH: 85-89Co fin de poder coñecer dun xeito máis global a situación das viñas nestes días pre-vendima, esta semana revisamos, aparte das viñas da nosa rede de seguimento habitual e doutras que levamos unhas semanas vixiando, predios nos que nunca pararamos. Comprobamos que nestes predios a situación non difería esencialmente da observada nas anteriores canto ao que vimos observando a nivel da fenoloxía da uva practicamente ao longo de toda a campaña: hai certas diferencias no avanzado da maduración non só entre variedades e parcelas senón tamén dentro da mesma parcela. Esta circunstancia é especialmente apreciable nas variedades tintas, polo aparente do seu cambio de cor, pero tamén se pode notar nalgunhas brancas.
Estas diferencias hai que telas en conta á hora de recoller as uvas que se van empregar para a estimación do grao alcólico en cada parcela. Os valores que obtivemos esta semana nas nosas determinacións sobre albariño corresponderon, ao igual que na análise anterior, a viñas do Salnés, e oscilaron entre 9,06 e 12,08°, aínda que a maioría das mostras recollidas se atoparon entre 10,25 e 11,54°.
Entre a data de emisión do anterior boletín fitosanitario e o momento da redacción deste (tarde do xoves 22), as temperaturas medias situáronse en valores na contorna dos 21-22°C a nivel xeral, con máximas próximas aos 30° e mínimas comprendidas entre 15-16 a 19°C. Canto á humidade relativa, na maior parte das estacións consultadas as medias estiveron próximas a 80%, houbo poucas horas de humidade foliar e rexistrouse unha escasísima precipitación (inferior a 0,5 l/m2) nalgúns puntos na noite do domingo 18. Canto ás cifras de esporanxios no ambiente, no captador das nosas plantas testemuña de Areeiro recollemos moitos menos dos contados o día 13, que fóra cando se recolleran entre 1 e 2 l/m2 de precipitación..
Con esta situación, apenas observamos síntomas novos de mildio en follas novas dalgunhas parcelas que tiveron ou teñen un exceso de vexetación, e frutificación viable nalgunha das manchas antigas. Os acios xa non son susceptibles, si exceptuamos algúns rebuscos neoformados tras os despuntes, ou aqueles que están verdes e non madurando xa, pois este ano hai moitos nesta última condición.
Coa vendima próxima non se espera que haxa problemas de falta de maduración por defoliación naquelas viñas que teñen máis danos en folla xa que en xeral aínda queda moita vexetación fotosintéticamente activa (salvo nas testemuña, pero aquí non hai acios a estas alturas); con todo, haberá que estar pendentes da duración, contía e tipo da precipitación que algunha axencia meteorolóxica anuncia para mañá venres 23 e que a práctica totalidade de modelos prevé para o sábado 24, en especial naquelas variedades máis tardías ou nos predios de zonas máis frescas.
As nubes, o incremento da humidade e unhas temperaturas altas que non se espera que cambien a curto prazo favorecerán a este patóxeno, pero os síntomas que poidan aparecer serán contidos a partir do domingo cando, segundo as previsións, volverá o tempo seco e solleiro que non favorece a súa xerminación.
As condicións climatolóxicas que se teñen rexistrado desde finais de xullo fixeron que a situación xeral en relación a este patóxeno sexa boa e que a súa presenza, de habela, sexa unicamente puntual incluso nas viñas que non recibiron tratamento algún e tamén nos acios de variedades sensibles ou nos que teñen feridas por danos mecánicos, rachos fisiolóxicos ou avelaíñas.
Non obstante, sabemos que este fungo oportunista está nas viñas (de feito atopamos esporas nos recontos dos captadores) á espera de condicións favorables, e estas poden darse co incremento da humidade derivado das choivas anunciadas. Por iso, debe incrementarse a vixilancia e, moi importante, continuar coas labores de xestión da viña que favorezan unha boa circulación do aire arredor dos acios. No caso de que isto non sexa suficiente polo incremento da humidade ao tratarse dun viñedo sensible, lembren que desde hai un tampo hai rexistrados produtos naturais (a base de microorganismos ou de terpenos dalgunhas plantas) para limitar a aparición do fungo.
A loita fronte á flavescencia dourada, que é obrigatoria ao ser unha enfermidade de corentena, realízase a través dunha combinación de medidas lexislativas con medidas culturais e de loita directa contra o insecto vector. Ata agora recomendaramos a aplicación de insecticidas fronte a Scaphoideus titanus, pero a realidade é que nalgunhas viñas da zona demarcada sabemos que, ben por descoñecemento ou ben por falta de costume, non se realizaron e de feito nalgunhas trampas aínda se captura un número relativamente elevado de adultos, o que tamén pode ocorrer nestas alturas nas viñas nas que xa transcorreu tempo desde a última intervención realizada. De aquí en diante, coa vendima próxima xa non é conveniente a aplicación de tratamentos, pero si é posible reducir algo as poboacións instalando máis trampas amarelas, xa que polo menos os insectos que se recollan nelas morrerán.
Con todo, o arranque e destrución das viñas afectadas é unha medida tamén imprescindible, non só pensando en cada viñedo particular senón no conxunto da nosa viticultura. Sabemos que os síntomas desta enfermidade non son específicos pero no caso de que nunha/s cepa/s dos predios da zona demarcada ou arredores presenten varios síntomas á vez, convén eliminala/s, porque como vimos dicindo, sempre será mellor perder unhas poucas plantas que poñer en risco toda unha plantación. Lembramos que entre os síntomas están a colocación das follas no pampo en forma de tellas, as follas enroladas cara o envés e endurecidas, a cor amarelo-dourada nas follas de variedades brancas e avermellada e delimitada polos nervios nas tintas, a flexibilidade das varas, que parece que colgan, e a presenza de acios abortados ou semisecos (ver fotos, que son imaxes cedidas polo Servizo de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia).
Aínda que posiblemente a erradicación total da patoloxía non será posible cos medios de loita actualmente dispoñibles, é responsabilidade de todos procurar conter a súa dispersión mediante a posta en práctica dunha vixilancia exhaustiva dos síntomas que poida haber (que nesta época do ano son ben visibles), a eliminación das plantas que auñen varios deles, e a aplicación dos tratamentos insecticidas cando sexa preceptivo.
Esta semana tivemos un incremento excepcional das capturas deste insecto nunha parcela da nosa rede do Salnés, mentres nalgunha das demais o incremento foi lixeiro ou non se produciu. Do mesmo nos informaron outros técnicos, do que podería deducirse que é unha situación bastante xeral.
Como dicimos habitualmente, e malia que tradicionalmente en certas zonas non se pensou así, realmente podemos considerar ao insecto como unha praga secundaria pola existencia de abundante volume de vexetación nas viñas. Amais, a vendima está próxima e xa non serían de esperar danos destacables en viñas con menor volume de follas.
Segundo as nosas observacións a situación actual non é problemática. Tampouco recibimos informacións sobre casos graves desta praga por parte doutras persoas do que deducimos que non os debe de haber.
Esta semana imos referir neste apartado un síntoma que apareceu en moitas parcelas, quizais especialmente nas de solo máis areosos e pobres: trátase dun secado das marxes das follas e dunha tonalidade máis clara por diante daquela zona necrosada. Algunhas persoas atribúen este síntoma ao mosquito verde pero a realidade é que apareceu tamén naqueles viñedos que non teñen capturas do insecto, e ademais tamén son compatibles coa carencia de potasio. Seguiremos a súa evolución.
Na revisión desta semana ás numerosas trampas que temos instaladas observamos que caeran os primeiros adultos desta especie, que na campaña anterior estragara unha cantidade importante da colleita de certas froitas. Amais, unha persoa que ten trampas nunha zona máis cálida tamén nos comentou que as capturara xa facía dúas semanas.
No caso de que o ano anterior tivesen no seu predio poboacións importantes desta praga, é conveniente empezar xa a actuar para tentar de reducir as súas poboacións. Para iso é necesario novamente combinar diferentes medidas: colocación, mellor fóra das árbores, de trampas con atraentes (hainos á venta, son bastante específicos e incluso nalgúns casos os adultos que caen morren, pero tamén se poden usar vinagres –non específico- dentro dunha botella con buracos), retirada e eliminación da froita picada ou con danos e dos restos de froita da parcela e aplicación de tratamentos insecticidas pero atención, respectando escrupulosamente o prazo de seguridade nas variedades de recolección próxima. Neste sentido hai rexistrados produtos naturais biolóxicos ou non que carecen de prazo de seguridade ou o teñen moi curto, 3 ou 7 días dependendo do cultivo.
Tamén os froitos afectados por estes fungos deben ser retirados tanto do solo coma das árbores para evitar que se vaian estendendo e que incrementen o nivel de inóculo para a campaña seguinte
A mesma recomendación de ir eliminando plantas e ramas afectadas por enfermidades de madeira na viña é aplicable a calquera especie froiteira ou non froiteira: é importante eliminar as partes mortas e tamén as plantas que sucumban para reducir o nivel de inóculo presente no lugar. Amais, facelo en tempo seco garante que no ambiente non haxa apenas esporas dos patóxenos e que as presentes non teñan posibilidades de establecerse nas zonas dos cortes practicados, que deben realizarse adecuadamente, é dicir, en forma de bisel (nunca horizontais), deben ser limpos (evitando os rachos, para o que as ferramentas deben estar ben afiadas) e respectando as engurras de cortiza ou ben deixando algo de madeira para permitir a formación do cono de desecación.