É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 30 de xullo

Lembren que a información que aportamos nos avisos fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. Por iso para facer unha xestión adecuada en cada caso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA PREDIO

VIÑA

Estado fenolóxico: L [79 da codificación BBCH]

Nalgunha viña esporadica algun acio albariño comeza pintado

Aínda que o estado fenolóxico referido é o mesmo da información anterior, é certo que nas viñas de Albariño máis adiantadas e que presentan outros condicionantes favorables, os primeiros acios xa amosan o brillo incipiente típico do estado de maduración, pero non é a situación máis xeneralizada.

Mildio

Como estaba previsto, na fin de semana rexistráronse precipitacións que, segundo os datos de MeteoGalicia, en xeral non acadaron os 10 l/m2 necesarios para lavar a maioría dos produtos de contacto que se puideran ter aplicados con anterioridade. Iso si, practicamente todos os días déronse condicións meteorolóxicas compatibles coa esporulación (frutificación) do fungo debido ás elevadas temperaturas nocturnas e a unha humidade moi elevada que mantivo a vexetación húmida durante a noite varias horas. Con todo, na revisión feita esta semana (días 27 e 28) non atopamos cambio algún na situación observada nas parcelas da nosa rede, que se manteñen limpas de mildio a nivel dos acios (non das follas) e tampouco atopamos síntomas nas follas e acios das plantas abandonadas que observamos nas diferentes comarcas (aínda que si unha mancha nunha folla nova dunha planta testemuña).

Na nosa rede follas afectadas pero acios sen mildioGromo terminal libre de mildio en planta abandonadaMancha de mildio nova en marxe de folla planta testemuña

Porén, nesta semana continuamos tendo numerosas consultas, e información de persoas que asesoran a viticultores, acerca da perda de boa parte dos acios por esta patoloxía nalgúns predios, e que sen dúbida son debidas a infeccións mal controladas con anterioridade. Tamén nós miramos unha viña nesa situación.

Viña acios afectados e apenas mancha en folla

Como ben é sabido, a sensibilidade dos acios a este fungo decrece desde o peche e finaliza ao chegar o pintado, que xa se está a iniciar nalgunhas viñas. Canto ás condicións meteorolóxicas, as previsións anuncian, a curto prazo, unha baixada nas temperaturas mínimas e valores suaves para as máximas; cara a metade/final da semana entrante, novas precipitacións e no caso dalgunha axencia, unha recuperación das temperaturas nocturnas. Con estes datos, a nosa recomendación é non cesar na vixilancia, e tratar as viñas máis afectadas nas que aínda reste tempo para entrar no pintado. Tamén nestas viñas máis danadas é conveniente ir retirando os acios afectados para evitar que sobre eles se instalen fungos oportunistas de podremia (como é Botrytis cinerea). Así mesmo, esta operación reducirá o tempo e os gastos na vendima.

Oídio

Na visita realizada ás parcelas da nosa rede e a outras viñas da provincia, non observamos cambios fronte á revisión anterior. A medida que o estado fenolóxico se achega ao pintado, a probabilidade de que se incrementen os danos nas uvas baixa considerablemente. Por outra banda, aínda que o oídio pode prosperar nun amplo rango de temperaturas, a caída dos rexistros prevista para este fin de semana e para o inicio da próxima non favorecerá o desenvolvemento do patóxeno. Con esta situación, consideramos que unicamente poden aparecer novos danos naqueles predios nos que previamente existisen infeccións mal controladas.

Apenas xa oidio en acioHai pequenos puntos de oidio nalgunhas viñas

Black rot

Outra semana máis, non observamos cambios en ningunha das parcelas visitadas. Naquelas viñas onde haxa acios afectados por este patóxeno, tamén convén proceder a eliminalos co fin de non favorecer ás podres.

Manchas de black rot en viña sen cultivar

Botrite

O incremento observado, en relación coa semana anterior, no número de perforacións das eirugas de Lobesia nalgunha viña do Rosal, unido aos altos valores de humidade relativa destes días, provocou que apareceran algúns grans afectados polo micelio deste fungo, aínda que de xeito moi esporádico.

Botrite en gran e pedunculo de albariño

As previsións meteorolóxicas a curto prazo anuncian a probabilidade de choivas lixeiras para o domingo (1 de Agosto) e tamén cara o final da vindeira semana. Con todo, nas viñas que teñan os acios sas é pouco probable a aparición de síntomas desta enfermidade. Porén, nas variedades máis sensibles e onde se detecten danos por perforacións de Lobesia ou doutra natureza (coma as feridas mecánicas a consecuencia das rozas), hai que extremar a vixilancia.

Avelaíñas do acio

Como xa dixemos no apartado anterior, na zona sur da provincia observamos un incremento nas perforacións de Lobesia botrana, pero sen acadar o limiar de tratamento. Curiosamente, nas trampas que temos colocadas nas nosas parcelas de seguimento de O Rosal e O Condado tivemos moi poucas capturas de machos ou directamente ningunha, mentres que na zona do Salnés a situación foi a inversa, é dicir, moitas capturas nas trampas pero non detectamos ningunha perforación nos acios. En todos os casos, é necesario aumentar a vixilancia, máis polos danos indirectos que se poden producir pola aparición de botrite que polos danos directos que poden causar as perforacións desta praga, que non adoitan causar perdas.

Sintomas perforacion eiruga Losbesia 7.5xPerforacion eiruga Lobesia

Outras incidencias nas viñas

Observamos un certo incremento nas capturas de cicadelidos nas nosas trampas, mentres que se manteñen en niveis estables a presenza tanto de plantas afectadas por patoloxías da madeira como por erinose.

Vese algun cicadelido maisÉ bo eliminar xa as plantas mortas por alteracions de madeira

BUXO

Cydalima perspectalis

Finalmente as previsións dalgunhas axencias meteorolóxicas de temperaturas elevadas durante a semana non se cumpriron, e estas foron algo máis baixas. Probablemente por este motivo os danos causados polas eirugas de Cydalima non sufriron o incremento esperado. De feito, nas sebes que controlamos seguimos a observar larvas dende L2 a L5, e como dicimos sen cambios significativos na afectación. Porén, a situación pode ser ben diferente noutras sebes, polo que é necesaria a vixilancia constante e, de notarse maior presenza de danos, a aplicación dun tratamento.

Eiruga de Cydalima en buxo sebe abandonadaVista parcial sebe de buxo abandonada

CÍTRICOS

Pulgóns

Nesta campaña, desde o momento no que xorden os novos gromos están a presentar unha presencia moi elevada de colonias de pulgón e en menor medida de mosca branca. Se os pés son pequenos é conveniente aplicar un tratamento contra este estes insectos chupadores; se son grandes pódese eliminar os novos gromos como medida de control.

Este ano colonias de pulgon abundantes en brotes citricos