Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 16 de xullo

Lembren que a información que aportamos nos avisos fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. Por iso para facer unha xestión adecuada en cada caso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA PREDIO

VIÑA

Estado fenolóxico: L [77-79 da codificación BBCH]

Mildio

Na visita desta semana só observamos síntomas novos da enfermidade nunha das nosas parcelas de seguimento habitual, con algún acio afectado de mildio larvado e manchas incipientes, moi recentes, nas follas dos gromos terminais. Nas demais, a situación foi similar á semana anterior, tanto a nivel de acios como de follas, sendo o estado xeral destas parcelas excelente.

Novos sintomas parcela SalnesManchas tan incipientes moi pouco apreciablesEstado xeral da uva excelenteAlguns sintomas novos gromos terminais plantas frondosas

O mesmo produciuse nas viñas nas que paramos ao azar cando fixemos esta revisión: a maioría delas presentaba acios sas, e só unha pequena parte síntomas antigos e novos.

Algunha viña bastante mildio larvadManchas novas en viña RosalEnves sen esporular manchas novas viña Rosal

Así tamén se deduce á vista das esporas recollidas nos captadores que temos instalados en dous predios para o proxecto VITICAST, onde ata a substitución do cilindro de recollida (día 12 -parcela Salnés- e 14 –Areeiro-) o volume de esporas por m3 descendeu sensiblemente, ata niveis de 2 (Salnés) e 14 (Areeiro, cifra máis alta entre outras razóns porque o captador atópase ao lado das plantas testemuña sen tratar).

Parcela Areeiro
Parcela Areeiro
Vista parcial planta testemuña

Porén varios particulares notificáronnos a aparición de síntomas abundantes de mildio larvado nos seus predios, tanto da provincia de Pontevedra como de distintas zonas da Ribeira Sacra e do Ribeiro. Estes síntomas proveñen sen dúbida de infeccións que non foron ben controladas nas semanas anteriores, debido a que as condicións climatolóxicas desta semana tampouco foron favorables ao desenvolvemento do patóxeno. O tempo foi seco en xeral (exceptuando as escasas precipitacións do luns día 12 e distintos episodios de néboas locais) e os ventos predominantes sopraron do norte ou nordeste practicamente todos os días. Amais, as elevadas temperaturas de onte día 15 e as previstas para hoxe e mañá sen dúbida contribuirán a limitar as infeccións en curso.

As previsións metereolóxicas non prevén novas precipitacións no que resta de mes. Esta estabilidade axudará a que os acios se manteñan sas e acaden o estado non susceptible sen maiores problemas. Con todo, hai que ter en conta que de momento manteñen certa sensibilidade ao patóxeno, polo que convén non descoidar a vixilancia, en especial naquelas viñas onde se rexistraran ataques previos que non foran ben controlados e/ou onde haxa síntomas en gromos novos.

Para favorecer a acción beneficiosa do tempo anticiclónico non descoiden as rozas e os despuntes para que o aire circule ben e non haxa acumulacións de humidade

Este ano húmido fundamental bo mantemento vexetacion solo

 

 

Oídio

A sensibilidade dos acios ao oídio está a diminuír. Os que xa acadaron plenamente o peche practicamente xa non son sensibles, pero os ataques aínda poden continuar estendéndose polos acios xa infectados. O seu aspecto pode empeorar conforme avance o ciclo da enfermidade, xa que as uvas afectadas polo fungo acaban por endurecer e volverse negras. A ventilación na contorna dos acios é fundamental para limitar o seu desenvolvemento.

Apenas xa oidio en acioAspecto acio afectado oidio

 

 

Black rot

Ao igual que os anteriores patóxenos, a sensibilidade dos acios a este fungo será menor a partir de agora. Amais, o tempo seco destes días non favorece o seu desenvolvemento, e de feito nin nas plantas abandonadas onde o patóxeno está presente observamos ningún síntoma novo na revisión desta semana.

Manchas de black rot en viña sen cultivar

Botrite

As condicións meteorolóxicas desta semana, e as previstas, non favorecen o desenvolvemento da enfermidade, polo que non se esperan danos.

Os acios están moi sas en xeralHai algunha rotura fisioloxica de grans_sitio entrada podre

Outras incidencias nas viñas

O número de machos de Lobesia botrana capturado nas trampas aumentou sensiblemente en todas as nosas parcelas de seguimento do Salnés. Porén, alí non observamos postas nin penetracións larvarias, pero si a primeira posta nun acio dunha viña de O Rosal. Non obstante, as altas temperaturas previstas ata o luns  non favorecen a actividade desta praga.

Adultos de Lobesia teñen este aspectoPrimeira posta vista de Lobesia

Canto a outras incidencias, o tempo seco destes días está favorecendo a aparición de novos síntomas de alteracións da madeira e de estrés hídrico, neste caso nos solos máis secos. Tamén empezan a aparecer os primeiros acios afectados por golpes de sol, onde as labores de esfolla ou despunte foron excesivas.

Empezan golpes de sol acios demasiado expostos

 

BUXO

Cydalima perspectalis

Como estaba previsto, nas sebes que controlamos nós, observamos un maior desenvolvemento das eirugas. Porén, os síntomas seguen a ser escasos, pero é necesario manter un alto nivel de vixilancia porque conforme as eirugas van acadando os últimos estados, a súa voracidade aumenta, causando os aparentes danos que xa todos coñecemos.

Macho Cydalima capturado en trampaUnhas poucas eirugas Cydalima xa neste estado