Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 13 de agosto

Lembren que a información que aportamos nos avisos fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. Por iso para facer unha xestión adecuada en cada caso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA PREDIO

VIÑA

Estado fenolóxico: M1 (81-83 da codificación BBCH)

Mildio

Os acios están xa no pintado case na súa totalidade e polo tanto, salvo os rebuscos, xa non son sensibles ao patóxeno. Amais, malia elevada pluviometría desta campaña, e ás precipitacións rexistradas a fin de semana anterior (entre 10 e 20 l/m2 na maioría das estacións de MeteoGalicia), na revisión desta semana ás nosas parcelas de seguimento e a outras que visitamos, non vimos apenas novos síntomas, salvo naqueles predios coma moitos dos da nosa rede onde hai tres semanas que non realizamos intervención algunha ou, loxicamente, nas plantas testemuña. Con todo, incluso as capturas de esporas no captador que temos instalado nestas plantas testemuña na nosa viña de Areeiro (proxecto VITICAST) sufriron un descenso considerable.

Parcela Areeiro

Tamén visitamos un predio que sufrira un forte ataque nos acios, pero procedente de antigas infeccións que xa non van avanzar debido á chegada do pintado.

20210811_Ataque importante de mildio nunha viña visitada

Porén, coma xa dixemos a semana anterior, hai en xeral moita vexetación nas viñas este ano, polo que, considerando ademais que as previsións meteorolóxicas anuncian tempo seco, solleiro e ventos de direccións dominantes norte ou nordés, estimamos que non é preciso renovar as intervencións salvo en casos moi puntuais (exceso de manchas novas, pouca densidade foliar ou situacións similares).

20210811_Hai algo de defoliacion por mildio pero quedan follas suficientes

Oídio

Observamos presenza de novos síntomas nos gromos novos das plantas testemuña de case todas as comarcas. Así e todo, debido a que o fungo xa non pode afectar aos acios (si aos rebuscos), en principio non serán necesarias máis aplicacións fronte a esta enfermidade exceptuando casos excepcionais onde tivera habido unha elevada incidencia do patóxeno e onde sería conveniente valoralo.

Folla cuberta oidio en gromo non tratadoSintomas oidio en pampo de gromo non tratado

Botrite

Na revisión desta semana unicamente vimos grans esporádicos con presenza do fungo en aproximadamente o 3% dos  predios visitados, sen dúbida debido ás condicións climatolóxicas máis secas desta semana. Sabemos que moitas das persoas que teñen viñas xa aplicaron algún tratamento preventivo fronte este patóxeno, e que algunhas das grandes bodegas xa estableceron as datas límite de tratamentos para esta fin de semana ou a próxima. A curto prazo as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas non anuncian choivas e si tempo seco, polo que non se espera un avance na sintomatoloxía existente. Non obstante, xa empezamos a observar danos nos grans dalgunhas zonas debidos á avespa asiática, amais dos que hai ou poida haber máis adiante polas avelaíñas do acio ou outros factores. Por este motivo, se volve haber tempo inestable ata a vendima, hai funxicidas de curto prazo de seguridade, e mesmo produtos naturais con só tres días, que aínda se poderían aplicar.

Coa mellora do tempo apenas vimos uns grans con botriteEmpezan a ser visibles danos pola vespa asiatica

Avelaíñas do acio

Nesta semana apenas capturamos machos de Lobesia botrana nas trampas, e tampouco observamos máis que penetracións moi puntuais. En xeral, é probable que xa non haxa danos directos de importancia debidos a esta praga, pero si poden ser indirectos pola incidencia sobre a instalación de  botrite e outras podremias da uva. Por iso, convén aínda vixiar a evolución dos síntomas. 

Excrementos e cambio cor uvas por LobesiaSintomas perforacion eiruga Losbesia 7.5xPerforacion eiruga Lobesia

Cicadelidos

A semana pasada anunciabamos que aínda non capturaramos os primeiros individuos de Scaphoideus  titanus na rede de trampeo que temos instalada para a súa detección. Pois ben, esta semana temos que dicir o contrario, pois recollemos os dous primeiros adultos nunha viña en ecolóxico da nosa rede de seguimento situada no concello de Salvaterra de Miño. Lembren que Scaphoideus  titanus é o vector do  fitoplasma responsable da  Flavescencia Dourada (FD), enfermidade de corentena que pode levar á morte das plantas. En mostraxes realizadas outros anos en Galicia nunca detectamos a enfermidade, nin nos insectos nin en mostras de planta. Na viña onde capturamos estes exemplares tampouco hai síntomas da patoloxía pero aínda así recomendamos un tratamento fronte ao insecto e temos a analizar os individuos recollidos.

20210811_Primeiro Scaphoideus titanus capturado este ano

BUXO

Cydalima perspectalis

Na maioría das sebes e plantas que observamos cada semana xa se ven as follas novas sas, sen indicios das eirugas. Non obstante, é certo que tamén vimos unha eiruga nunha sebe e, curiosamente, un adulto. Con esta situación, aínda que en xeral non esperamos danos de importancia, hai que manter a vixilancia, sobre todo naquelas plantas onde aínda non se vexan follas brotando en bo estado.

Brotación actuación en buxo20210811_Ainda vimos algunha eiruga CydalimaForma escura de Cydalima