Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 2 de xullo

Lembren que a información que aportamos nos avisos fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. Por iso para facer unha xestión adecuada en cada caso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA PREDIO

VIÑA

Estado fenolóxico: K [75-(77) da codificación BBCH]

Nesta semana, malia non haber un tempo completamente estable, volvemos notar un avance na fenoloxía das viñas e de feito aínda que unicamente poñamos o estado K de Baggiolini ("grans tamaño chícharo"), na escala BBCH xa referimos o 77 ("os grans empezan a tocarse"), porque xa hai viñas acadando ese estado. Deste xeito, a fenoloxía a día de hoxe amosa un pequeno adianto fronte ao 2020.

Tamaño uva Albariño en viña SalnésTamaño uva Treixadura en viña Rosal

Mildio

O pasado luns día 28 xa emitimos un pequeno aviso debido á situación que observaramos nunha viña que foramos ver e máis ás informacións que nos chegaran doutras persoas. Pois ben, o martes 29 fixemos o noso percorrido polas diferentes zonas vitivinícolas, deténdonos coma sempre en predios ao azar aparte de nas viñas da nosa rede, e observamos que efectivamente a situación era xeneralizada, e que follas dos gromos sen protexer polo grande crecemento da viña este ano amosaban manchas apenas perceptibles sen esporular pero que nalgúns casos ocupaban boa parte da superficie foliar.

Aparición manchas novas crecementosAlgunhas manchas apenas perceptiblesManchas en xeral estaban sen esporular

Nas plantas sen tratar loxicamente a presenza de manchas era aínda máis evidente, e hoxe mesmo na nosa viña de Areeiro comprobamos que a súa esporulación é moi abundante, e de feito o volume de esporas recollido no captador que temos instalado polo proxecto VITICAST na nosa viña de Areeiro, que está preto destas plantas, aumentou de xeito significativo.

Abundantes manchas follas testemuñaEsporulación folla gromo testemuña

Porén, a situación a nivel de acios e das partes das plantas protexidas polos produtos é totalmente distinta segundo observamos e tamén o volume de esporas recollido no Salnés, no recinto VITICAST deste proxecto, é practicamente anecdótico, pois non chega a 8/m3 de aire (fronte a máis de 70 no caso das plantas testemuña de Areeiro).

Parcela Areeiro

A continua aparición de síntomas é lóxica tendo en conta a climatoloxía inestable que levamos desde a segunda semana do mes de xuño, que é moi favorable ao patóxeno, e todas as previsións meteorolóxicas consultadas prevén novamente humidade moi elevada  (con choivas coma as que xa comezaron) e temperaturas suaves-altas nos vindeiros días. Por estes motivos aconséllase manter o máximo nivel de alerta e renovar os tratamentos (se non se fixo xa) en canto sexa posible, confirmando sempre a eficacia das aplicacións por se fose necesario repetir a intervención.

A vixilancia periódica das viñas é fundamental  neste momento para  frear posibles focos  non controlados de  enfermidade

E NON ESQUEZAN QUE AS LABORES CULTURAIS QUE FACILITEN A AIREACIÓN DOS ACIOS (DESPUNTES, ESFOLLAS, ROZAS) SON MEDIDAS PREVENTIVAS IMPRESCINDIBLES, máis considerando a recorrencia de condicións de infección secundaria desde hai semanas

Oídio

A climatoloxía destes últimos días tamén foi favorable á aparición de síntomas de oídio, e feito xa os observamos esta semana nalgúns acios de predios que nos últimos anos sufriron infeccións importantes. Non obstante, as posibles infeccións en curso poden reducirse pola intensidade das precipitacións que veñen de comezar. Sen embargo, os acios seguen a estar nunha fase fenolóxica de alta susceptibilidade polo que hai que permanecer atentos á evolución da enfermidade.


Mancha moi incipiente de oídioAparece oidio acios viñas sensibles


 

Black rot

Non observamos cambio algún na situación que levamos apreciando nas plantas.

Manchas de black rot en viña sen cultivar

Botrite

De momento non vimos síntoma algún nas viñas que visitamos, pero ben é certo que en ningunha houbo danos de sarabia e que todos os casos as uvas amosan un bo estado en ata este momento, sen feridas ou lesións debidas a causas fisiolóxicas ou  parasitarias. A situación pode ser distinta nos predios afectados polos pasados episodios de sarabia, tendo en conta a humidade elevada que vai continuar rexistrándose.

Bo estado da uva en xeralFructificación de botritis en hoja de albariño 6 mayo 2015

Outros parasitos da viña

As capturas de Lobesia seguen a ser moi baixas nas nosas trampas. Tampouco observamos síntomas da actividade do insecto nos acios das viñas que revisamos.

Por outra banda, as capturas de cicadelidos aumentaron moi lixeiramente, pero o seu número segue a ser moi baixo e a climatoloxía que se prevé non lles vai ser favorable.

Finalmente, nalgunhas viñas a presenza de gromos con síntomas de erinose de verán aumentou de xeito significativo.

Vista parcial das capturas de cicadelidos desde inicio de campañaErinose de verán aumenta significativamente

BUXO

Cydalima perspectalis

Nos buxos que controlamos empeza a ser máis evidente a incidencia das eirugas, cuxos síntomas xa son visibles desde certa distancia. Recordamos que a situación noutras sebes/plantas pode ser distinta, polo que é necesario manter unha vixilancia constante. En calquera caso, a día de hoxe parece que empezaremos a saír da situación de inestabilidade climática cara finais da semana próxima, e nese momento, se non antes (si se rexistran varios períodos de claros e boa temperatura que favorezan ás eirugas), xa será preciso tratar para reducir as poboacións.

Primeiros síntomas ataque CydalimaNiño de Cydalima coa eirugaDetalle de excrementos e signos alimentacion