INFORMACIÓN FITOSANITARIA 30 de xullo 2026

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.

Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

Viña

Estado fenolóxico: E.F.: (M1)-M2 Baggiolini; (83)-85 BBCH

A climatoloxía estable destes últimos días, e sobre todo a elevada insolación e as altas temperaturas rexistradas favoreceron que o pintado sexa neste momento o estado dominante nos diferentes predios e variedades. Deste xeito, e segundo as nosas observacións, as uvas están brillantes e abrandando, avanzando cara a maduración a bo ritmo, e mesmo nalgúns casos os grans de albariño xa adquiriron a cor dourada típica deste último estado.

20260728pleno_pintado_avanzado_en_albarino 20260729acios_brillantes_en_treixadura 2026072920260728xa_nalguns_casos_cor_dourada_en_albarino

Precisamente a fenoloxía que atopamos nas viñas levounos a coller mostras de uva albariña para determinar o grao alcohólico que presentaban. Eliximos con este obxectivo dous dos predios da nosa rede de seguimento habitual que están máis adiantados. Os resultados da medición foron 6,09 e 8,27 graos nas mostras do Rosal e do Condado respectivamente. Como vemos, os valores obtidos difiren bastante entre eles, pero as mostras foron recollidas ao azar e só as aportamos a modo de referencia pois como é sabido cada predio ten as súas características propias e tamén para predicir a data de vendima hai que avaliar máis parámetros.

Mildio

Segundo estaba previsto, o venres 24 caeu certa precipitación que, polos datos de MeteoGalicia, non foi xeral e apenas superou os 5 l/m2 onde tivo máis contía. Despois desa xornada, onde día 29 tamén caeron unhas gotas en sitios puntuais. Porén, a maioría dos días o tempo estivo seco e solleiro, cunha humidade relativa media que en xeral foi máis baixa ca de semanas anteriores aínda que rexistrándose igualmente humidade foliar case todos os días. Canto ás temperaturas máximas, o luns día 27 foi o máis caloroso, chegando case aos 40ºC no Condado e noutras zonas e manténdose varias horas por riba dos 30 na práctica totalidade da nosa xeografía. Pola súa banda, as mínimas continuaron elevadas unha semana máis, aínda que con certas flutuacións entre días consecutivos.

A ausencia de precipitacións significativas e a insolación contribuíron a que novamente teñamos que referir o excelente estado sanitario xeral da uva neste momento, sempre falando en termos globais. Esta puntualización débese a que aínda na época actual hai algúns predios máis atrasados na fenoloxía onde se poden seguir mirando síntomas de mildio larvado e tamén novas manchas nas follas.

20260728ainda_mildio_larvado_nalguns_predios 20260729en_primeiro_termo_grans_con_mildio_larvado_menos_evidente 20260729manchas_de_aceite_novas

Dáse a circunstancia, como xa adiantamos no Boletín anterior, que os predios nos que se detecta mildio larvado están conducidos en emparrado e aínda manteñen unha masa foliar tan elevada que debaixo das parras e ata nos escasos corredores sen vexetación que hai espallados predominan as condicións de escuridade, de práctica ausencia de iluminación solar, o que provoca que os acios non só retrasen o avance do pintado senón que tamén implica un ambiente húmido e apenas ventilado que favorece a progresión da enfermidade. Esta situación non só foi observada nas nosas revisións senón que é coincidente coa que, segundo as persoas que nos consultaron, existe tamén nos seus respectivos predios, e de aí a importancia das labores culturais ao longo do ciclo de cultivo, que son imprescindibles para reducir a necesidade de tratamentos e para complementar as posibles intervencións que se realicen.

exceso_de_vexetacion_xera_mais_mildio nas_vinas_solleiras_bo_estado_acios_incluso_con_algo_de_mildio_antes

Na mañá do xoves 29, cando estamos a redactar este Boletín, non hai coincidencia entre os diferentes modelos meteorolóxicos consultados nin tampouco nas previsións climatolóxicas para a próxima semana, pero o que si é bastante xeral é que se observa un cambio na tendencia meteorolóxica no sentido de que haberá máis probabilidade de choiva, aínda que esta será escasa. No estado fenolóxico actual, e coa situación a nivel sanitario tan boa que en xeral ten a  uva, non se espera que este cambio na climatoloxía poida producir danos senón incluso ata beneficios (lavado dos acios, contención da acidez...) , pero nos predios onde aínda se observe mildio larvado por estar máis atrasados si que será preciso non descoidar a vixilancia, pois a carga de esporanxios no ambiente está a ser elevada (unha media de 1250/m3 e día no captador das plantas testemuña -sen tratamento- de Areeiro) e aínda se incrementará máis coas precipitacións.

Oídio

As condicións climatolóxicas tamén están a ser favorables ás infeccións deste patóxeno, como o constata o estado dos acios nas plantas testemuña sen tratamentos. Porén, esta semana non observamos ningún novo síntoma nas plantas tratadas, aínda que xa transcorreron moitos días desde as últimas intervencións realizadas. Manter a vixilancia e continuar coas labores culturais de eliminación de follas, de "netos" e de rebuscos naqueles predios con excesiva densidade de vexetación.

20260727exemplo_de_estado_dos_acios_planta_testemuna 20260727exemplo_de_estado_dos_acios_planta_testemuna

Botrite

Tampouco observamos, neste caso nin nas plantas testemuña, síntomas novos deste patóxeno na nosa revisión a diferentes viñas. Con todo, se finalmente se produce a precipitación que anuncian varios modelos meteorolóxicos, poderían aparecer nos próximos días nos acios que teñan rachos fisiolóxicos, potenciais buracos causados polas eirugas de avelaíña ou feridas nos grans polas rozas ou a alimentación de avespas/paxaros. Ademais, se as choivas foran máis intensas do previsto poderían inchar a uva e dar lugar a novas feridas ao estoupar a pel, en especial nas variedades nas que esta é máis fina.

unico_gran_con_sintoma_de_botrite_en_variedade_tempera 20260722golpe_sol_en_albarino buraco_de_penetracion_de_avelaina_sen_botrite

Manter a vixilancia, sobre todo nas variedades máis sensibles, e lembren que para facer fronte a este patóxeno hai produtos fitosanitarios que teñen prazos de seguridade de mesmo 1 día ou que carecen del.

Avelaíñas do acio

No conxunto de predios que revisamos só atopamos un acio no que había un gran cunha perforación, e a eiruga de Lobesia botrana no interior. Canto ás trampas, non recollemos macho algún, nin nas da especie citada nin nas de Eupoecilia ambiguella.

20260715gran_afectado_por_lobesia_e_eiruga_fora 20260715eiruga_de_lobesia_botrana_na_uva

Flavescencia dourada e o seu vector Scaphoideus titanus

Nas trampas que recibimos en Areeiro dentro do Plan de control e erradicación do fitoplasma da flavescencia dourada establecido pola Xunta de Galicia seguimos a atopar adultos do cicadelido, non moitos exemplares pero algúns si. O insecto pode transmitir a enfermidade ao longo da súa vida desde que se volve infectivo, e podemos fixar en mediados-finais de agosto o momento en que empezan a buscar os refuxios para poñer os ovos, que é o estado de hibernación da especie. Polo tanto, e aínda que xa se deran os 3 tratamentos obrigados pola lexislación, aínda se poden seguir aplicando algúns insecticidas naturais que están rexistrados para este uso pero que carecen de prazo de seguridade ou que o teñen tan reducido como 1 día.

adultos_de_scaphoideus_titanus_nunha_trampa

Por outra banda, coa calor e a insolación destes días, o estrés que presentan as plantas e a multiplicación do fitoplasma no seu interior permiten que sexa máis sinxela a observación dos síntomas, que como sabemos non son específicos, da flavescencia dourada. Lembren que estes síntomas son follas reviradas cara o envés e endurecidas, colocación das mesmas superpostas en forma de tellas, cor amarela-dourada das follas de variedades brancas e avermellada nas tintas, flexibilidade das varas ou presenza de acios abortados ou semisecos. Por iso, nas zonas onde está presente Scaphoideus titanus e se observen vides con este conxunto de síntomas é aconsellable eliminalas para contribuír á contención da enfermidade pois, como xa temos dito, sempre será mellor perder unhas poucas plantas que poñer en risco toda unha plantación.

sintomas_de_flavescencia_en_variedade_tinta

Trips

A poboación de trips detectada nunha viña do Salnés a semana pasada desapareceu practicamente por completo tras o tratamento realizado oportunamente cun insecticida de 7 días de prazo de seguridade. De feito, non aumentaron os síntomas que se observaran, e tampouco se detectaron noutros predios.

20260728sintomas_de_trips_en_gromo_terminal

Acariose e erinose

Nas revisións desta semana temos que dicir que vimos menos síntomas destas pragas, aínda que tamén é certo que algúns dos de erinose son máis evidentes na face das follas.

cor_caracteristica_do_ataque_de_calepitrimerus_vitis_causante_da_acariose 20260714gromos_terminais_con_erinose tanta_erinose_que_sintomas_do_enves_se_observan_tamen_na_face_da_folla

Outras incidencias

Ademais das referidas en boletíns anteriores, é dicir, golpes de sol, estrés hídrico en plantas débiles ou plantas manifestando cada vez máis evidentes síntomas de enfermidades de madeira, esta semana xa observamos, tamén pola elevada insolación, uvas "escaldadas" en acios especialmente expostos.

20260728grans_escaldados_polo_sol restos_de_cultivo_de_tomate_deben_eliminarse_para_reducir_pragas_e_patoxenos

Nogueira

Mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa)

As capturas de adultos nas nosas trampas continúan a ser bastante reducidas pero xa atopamos as primeiras noces afectadas con larvas no seu interior. Lembren que para limitar os danos todos os froitos que vaian caendo ao solo deben ser eliminados, e tamén os que amosan síntomas na árbore.

noz_afectada_por_rhagoletis_completa_e_larva_no_interior_da_casca

 

Plantas hortícolas

Varios parasitos

Nestes momentos estanse a recoller moitos destes cultivos. Lembren que a práctica de deixar os restos directamente sobre o solo é unha operación que debe evitarse pensando na campaña seguinte, xa que é unha fonte de contaminación por diferentes parasitos.

restos_de_cultivo_de_tomate_deben_eliminarse_para_reducir_pragas_e_patoxenos

Buxo

Varios parasitos

Esta vez si que observamos, por primeira vez este ano, un incremento significativo na frecuencia e intensidade dos síntomas da alimentación destas eirugas, que na maioría dos casos estaban no estado L4. Debido a que isto sucede en sebes de diferentes localidades, a nosa recomendación esta semana é aplicar un tratamento o antes posible, pois sabemos que un aumento non ben controlado desta especie pode incluso chegar a matar ás plantas.

incremento_na_intensidade_dos_sintomas_de_cydalima gromo_de_buxo_atacado_polas_eirugas_de_cydalima sintomas_da_eiruga_do_buxo