INFORMACIÓN FITOSANITARIA 30 de Abril de 2026

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.
Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: H Baggiolini; 57 BBCH

Mildio (e sarabia)

Como ben é sabido, a climatoloxía non termina de estabilizarse esta primavera e, malia que hai días solleiros, estes alternan constantemente con períodos de precipitacións de diferente natureza e máis ou menos intensos e duradeiros. Así, e en xeral, neste mes de abril podemos falar dun episodio de precipitación ocorrido entre os días 6 e 8, novas choivas entre o 11 e o 16, outro evento dun só día o 21 e finalmente este episodio que comezou o 27 ou o 28, e que en certas zonas de Galicia veu acompañado, entre o propio 25 e onte 27, de tronada, sarabia e de acumulados importantes de auga como son os máis de 44 l/m2 que rexistrou a estación de Barrantes (Meteogalicia). E como xa todos sabemos, a sarabia provocou danos de diferente intensidade en viñas de certas zonas como son Vilariño e Barrantes en Pontevedra, Castrelo de Miño no Ribeiro ou Monforte de Lemos en Lugo.

Tratamos este episodio de sarabia xa no apartado destinado ao mildio debido a que loxicamente vai condicionar as recomendacións a aportar para este patóxeno. Así, falando soamente deste, nas revisións que fixemos esta semana ás nosas parcelas de seguimento e a outras que visitamos nos nosos percorridos, das que descoñecemos o seu historial de tratamentos e tipo de manexo das enfermidades que realizan, en xeral a situación era boa e, ou non se atopaba apenas máis que algunhas manchas vellas en fase de curación máis ou menos avanzada, ou algunha incipiente moi esporádica que estaba empezando a manifestarse.

Porén, nun caso moi especial dunha parcela que fora tratada facía tempo, puidemos comprobar que había máis manchas e tamén atopamos un acio afectado nun predio onde o desenvolvemento da cuberta vexetal é incompatible coa saúde das cepas.

Por outra banda, atopamos novas manchas igualmente nas cepas/plantas que imos revisando en bordes de vías ou muros.

No estremo contrario está a nosa viña de Areeiro, onde de momento non apareceu a primeira mancha; é certo que a tardanza en detectarse soe ser habitual, pero neste caso non atopamos explicación máis alá de non ter viñas próximas, xa que carece de tratamento algún. Pero é máis, no noso predio tampouco hai moitas capturas de exporanxios no captador: a cifra máxima, no período en que dispoñemos dos valores das 24 horas completas (comprendido entre os días 22 e o 28) só superou lixeiramente os 16, número que tamén se alcanzou no Salnés ao ir finalizando a protección do tratamento  animildio que se aplicara.

Esporanxios 30/04/2026

A inestabilidade climática que segundo as previsións se vai manter nos próximos días, o feito de que as choivas reducen o período teórico de protección dos produtos aplicados, o estado fenolóxico actual da viña, o nivel de risco alto derivado das condicións climatolóxicas actuais e a curto-medio prazo, que loxicamente tamén confirman os modelos matemáticos que manexamos, e o feito de que a sarabia que se rexistrou con maior ou menor intensidade en moitas zonas implica que as plantas teñan que destinar parte da súa enerxía en cicatrizar as feridas causadas, a nosa recomendación non pode ser outra que renovar o tratamento antimildio se non o teñen feito xa tras a sarabia. Naqueles predios onde os danos polo fenómeno meteorolóxico foran maiores e onde aínda se pode esperar que haxa colleita (amosáronnos imaxes de viñas reducidas practicamente á madeira), no tratamento, que debe ser aplicado cando antes, é imprescindible que se engada un funxicida que conteña folpet, a materia activa rexistrada polo Ministerio para a cicatrización das feridas de sarabia en vide.

Lembren que especialmente nos predios coas plantas conducidas en formacións baixas é imprescindible manter ben segada a cuberta vexetal do solo, porque sen ir máis lonxe as gramíneas e outras adventicias están en floración e nalgúns casos superan en altura ás cepas

Oídio

Tanto polas nosas apreciacións como polo que comentamos con outros técnicos ou con viticultores, a floración en albariño, dependendo loxicamente das condicións meteorolóxicas que finalmente se rexistren, debería iniciarse nun prazo aproximado de 15-17 días. Este estado é conveniente que estea protexido fronte a este patóxeno como dixemos na anterior Información Fitosanitaria. De feito, nós tiñamos pensado introducir por primeira vez un funxicida antioídio no seguinte tratamento que iamos facer pensando na floración, pero debido ao episodio de sarabia que en maior ou menor medida afectou a parte dos nosos predios de seguimento habitual do Salnés e en xeral á redución do tempo de protección antimildio polas choivas, ao final adiantamos o tratamento e non imos aplicalo. E imos manternos así (lembren que a nosa variedade dominante con moito é o albariño) malia que nunha cepa doutra variedade situada nunha pérgola dunha zona de sombra dun xardín que fomos avaliar había síntomas de oídio claramente presentes.

Así, con todo o dito mantemos a recomendación da semana anterior: nos predios máis adiantados nos que haxa variedades sensibles e non se renovara aínda a protección antimildio, engadir un funxicida  antioídio.

Avelaíñas do acio

Mentres de Eupoecilia ambiguella seguimos sen capturas, as de Lobesia botrana se reduciron nas dúas parcelas onde se situaban na contorna dos 30 e 40 machos, respectivamente, e se mantiveron moi baixas ou nulas no resto de trampas.

Machos de Lobesia botrana recollidos nunha semana

Outros parasitos/incidencias na viña

Novamente temos que falar da sarabia, cuxa incidencia foi desigual segundo as zonas/comarcas pero que, naquelas viñas con danos maiores, obrigará a aplicar o antes posible un tratamento no que se inclúa o folpet e onde tamén será conveniente aportar aminoácidos para axudar ás plantas a superar a situación de estrés xerada e, se non hai que esperar a avaliar os danos por causa dos seguros agrarios, haberá que ir retirando os pampos que teñan maiores danos co fin de evitar a instalación de patóxenos oportunistas como a botrite.

Ademais, unha vez máis destacamos os abundantes síntomas de einose que se poden observar esta campaña.

DIFERENTES CULTIVOS

Danos por sarabia

Xa o comentamos na viña, pero loxicamente os danos producidos pola sarabia afectaron tamén a outros cultivos, en especial a froitos en crecemento das froiteiras de óso e ás plantas tenras de horta.

Nestes casos, aparte de potenciais tratamentos antimildio con materias activas sistémicas ou penetrantes en plantas de horta como tomateiras ou pataqueiras, é conveniente que se engada folpet ou captan segundo estean autorizados nos respectivos cultivos (o captan por exemplo en varias froiteiras e en hortícolas coma pataqueiras ou fresas, e o folpet, aparte de en viña, en ornamentais e pataqueira ou tomateira).