INFORMACIÓN FITOSANITARIA 26 xuño 2026

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.

Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

Viña

Estado fenolóxico: (K) – L Baggiolini; (75) – 77 - (79) BBCH

As temperaturas altas e a humidade derivada da nebulosidade, e das néboas que houbo en moitas localizacións, estes días pasados volveu favorecer o desenvolvemento dos acios, de xeito que en xeral, e independentemente da variedade de que se trate, o peche do acio é xa o estado dominante. Os acios nos que se formou menos froito, en número relativamente alto esta campaña nalgúns predios, presentan o mesmo tamaño da uva pero non chegan a ter os grans apertados entre eles.

20260623peche_do_acio_en_albarino 20260623peche_do_acio_en_treixadura_o_rosal

Ademais, e xa a modo de curiosidade, algunha variedade tinta moi temperá xa ten algúns grans nos que se está alcanzando o inicio do pintado. Hai que dicir que tanto a climatoloxía dos días pasados coma os estados fenolóxicos actuais coinciden cos rexistrados a campaña anterior na última semana de xuño.

20260623peche_do_acio_e_inicio_pintado_variedade_tinta

Mildio

Como estaba previsto, desde a fin de semana e mesmo ata hoxe xoves estamos a ter unhas temperaturas diúrnas e nocturnas moi altas que, aínda que ao principio do período non viñeron acompañadas de precipitación, si o fixeron de néboas máis ou menos densas segundo as localidades. Aínda así, a maioría das viñas manteñen un excelente estado no relativo a este patóxeno. Porén, e falando en xeral, aínda que nas horas centrais do día as temperaturas foron moi elevadas durante horas, a humidade relativa mantívose tamén alta, e mesmo chegou a haber ata máis de 10-14 horas de humidade foliar en boa parte das estacións meteorolóxicas consultadas. Deste xeito, as condicións climatolóxicas foron favorables ao desenvolvemento do mildio e, por iso, nalgún predio incluso dentro do período de protección teórico da anterior intervención, empezou a aparecer, illadamente iso si, algunha mancha nova de aceite e mesmo nun predio vimos un brote afectado. Hai que ter en conta que os ciclos da enfermidade se poden desenvolver, estes días, moi rapidamente.

20260623mancha_nova_de_aceite 20260623frutificacion_en_mancha_nova 20260623mildio_en_pampo

A aparición destas manchas illadas non tería importancia por si soa pero nalgún predio xa vimos algúns acios cos síntomas do mildio larvado, e da mesma situación nos informaron algunhas persoas, técnicos e viticultores, non só da nosa provincia senón tamén dalgunhas zonas da Ribeira Sacra.

acio_con_mildio_larvado 20260623sintoma_de_mildio_larvado

Os síntomas de mildio larvado non proceden sempre de infeccións recentes, máis ben de antigas, e de feito onde nós o observamos foi en todos os casos en cepas que tiveran algunha infección mal controlada no momento da flor/formación do froito.

20260623dano_en_acio_formacion_froito_candidato_larvado 20260623acios_con_diferentes_formas_de_mildio

As previsións meteorolóxicas a curto prazo (ata sábado ou domingo) anuncian que continuará o tempo semellante ao destes días aínda que con temperaturas diúrnas menos elevadas. Porén, as nocturnas seguirán sendo elevadas e existen posibilidades de precipitación. Por este motivo, e tendo en conta ademais que os modelos que manexamos continúan a dar risco medio-alto ou alto de mildio, o nivel de alerta debe ser máximo neste período e haberá que volver a realizar tratamentos en caso de que aparezan novos síntomas. Xa a primeiros da semana próxima o tempo parece que se estabilizará e que os ventos soprarán do norte ou do nordés, e polo tanto serán secos, o que axudará a un potencial control da enfermidade.

No caso de ter que realizar algunha intervención antimildio por ser necesaria á vista dos síntomas na parcela, os funxicidas penetrantes e os de fixación ás ceras cuticulares son produtos especialmente pensados para estes momentos, así como os funxicidas cúpricos

E SEMPRE LEMBREN QUE NON SE PODE APLICAR TRATAMENTOS CON VELOCIDADES DO VENTO SUPERIORES A 11 Km/h, e dicir, que se poden mover como moito as follas das árbores pero non haber axitación constante ou movemento de ramas. SÓ FACENDO OS TRATAMENTOS CUMPRINDO ESTA LIMITACIÓN SE PODE GARANTIR QUE O FITOSANITARIO QUEDA NA ÁREA A TRATAR E NON ACADA ZONAS QUE NON SON O OBXECTIVO, CO QUE SE PROTEXE O MEDIO AMBIENTE PERO TAMÉN A SAÚDE DA POBOACIÓN EN XERAL.

Oídio

As condicións climatolóxicas desta semana foron tamén moi favorables ao desenvolvemento deste fungo debido as néboas/nubes, que limitaron a luminosidade e provocaron humidade alta, e ás temperaturas que, aínda que moi elevadas en xeral pola vaga de calor, non foron suficientes para deter o seu ciclo. Porén, nas nosas visitas ás viñas non atopamos máis síntomas novos que nun acio "rebusco" e nalgunha planta máis testemuña. Nas parcelas que están a ser tratadas con antioídios desde antes da floración nós non atopamos nada, nin sequera en plantas de variedades moi sensibles, pero un colaborador nos enviou unha imaxe dun acio afectado en loureira.

A partir do peche do acio a sensibilidade da uva ao patóxeno xa non é tan elevada coma en estados anteriores, aínda que os danos son posibles ata que comeza o pintado da uva. Ademais, os modelos de predición de enfermidades que manexamos indican para os próximos días risco medio-alto ou alto. Por estes motivos, hai que manter a vixilancia, en especial en predios ou variedades con historial de danos polo fungo. En caso de que aparezan novos síntomas será preciso renovar os tratamentos para evitar non só os danos directos que poida causar o fungo senón tamén os indirectos (rachos na pel da uva que facilitan a instalación das podres). E, como dixemos ao falar do mildio, hai que seguir coas prácticas que sirvan para reducir a densidade de follas en viñas moi vigorosas, para mellorar a penetración dos funxicidas que se poidan aplicar e para favorecer a aireación dos acios.

20260623oidio_en_rebusco 20260616oidio_en_acio_testemuna_areeiro oidio_en_acio_imaxe_cedida

Black rot

Tanto nas parcelas da nosa rede de seguimento habitual coma nas que imos revisando ao azar nos nosos percorridos non atopamos máis que síntomas moi esporádicos en follas (máis nas plantas testemuña sen tratamentos), e tampouco estamos a recibir mostras/consultas con acios afectados, co que é probable que a enfermidade non estea a dar problemas esta campaña. Tamén nos modelos de previsión da enfermidade o risco previsto é baixo ou medio-baixo. Con todo, as precipitacións favorecen ao fungo, e por iso non hai que abandonar a vixilancia.

manchas_black_rot_planta_testemuna

Avelaíñas do acio

Esta semana tivemos capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas de parcelas de todas as comarcas e tamén en case todas elas, estando as cifras de individuos recollidos entre os 2 dunha viña do Rosal e os 17 dunha do Salnés. Con todo, o que temos que destacar esta semana son os 35 machos de Eupoecilia ambiguella recollidos nunha trampa de Sanxenxo, na viña onde xa toparamos algunha eiruga da primeira xeración. En calquera caso, sabemos que as capturas de adultos por si soas non indican que hai que tratar, senón que para tomar esa decisión ten que superarse un limiar mínimo de presenza de síntomas nas uvas, e esta semana non detectamos ningún (nin ovos nin perforacións ou penetracións larvarias).

20260623parte_da_base_da_trampa_con_capturas_de_eupoecilia_ambiguella adulto_de_eupoecilia_ambiguella

Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada

Polo de agora non se atoparon adultos do cicadelido nas trampas, e parece que tampouco hai moitas ninfas segundo as mostras que recibimos en Areeiro e os resultados das nosas propias mostraxes. Con todo, lembren que estamos no período no que hai que realizar o primeiro tratamento para o seu control, e que este tratamento é obrigatorio nas zonas demarcadas e recomendado nas zonas vitícolas lindeiras (poden consultar a "Listaxe de parcelas zona infestada" e a "Listaxe parroquias zona tampón" na web da Consellería do Medio Rural, Sanidade Vexetal, "Organismos nocivos de corentena"). As materias activas autorizadas polo Ministerio para estes tratamentos son as que reproducimos na seguinte táboa (en orde alfabética).

As aplicacións deben realizarse mollando ben o envés das follas e, no caso de que haxa chupóns nas vides, tamén deben quedar ben cubertos, aínda que o mellor é eliminar estes brotes ladróns para evitar que as ninfas se agochen nas súas follas.

E non esquezan a recomendación de tomar todas as precaucións posibles para evitar a dispersión do vector nos desprazamentos entre comarcas, así como vixiar e eliminar o antes posible aquelas vides que poidan ter conxuntamente varios dos síntomas típicos da flavescencia: revirado patente das follas cara o envés, follas de cor vermella nas variedades tintas e branco-amarelado nas brancas, follas máis quebradizas e dispostas unhas sobre outras, porte "chorón" dos pampos por falta de agostado, entrenós curtos ou secado de acios. A eliminación destas plantas aínda que non se teña a confirmación de estar infectadas é unha medida preventiva que pode ter un impacto positivo nas cepas próximas e no conxunto das zonas vitícolas.

Acariose e erinose

Esta semana temos que facer mención aos ácaros nun apartado separado de "Outras incidencias" debido a que súas poboacións empezan a ser moi elevadas de xeito máis ou menos localizado segundo a especie. Así, e comezando pola erinose, sabemos que este ano está a haber síntomas en todas as comarcas e en case todos os predios, pero esta semana, probablemente favorecido pola calor e a humidade, volvemos notar un forte incremento, ata tal punto que síntomas propios do envés das follas invaden, nalgunhas viñas, a cara superior.

20260623erinose_en_follas_novas

Canto á acariose, xa observaramos algúns individuos nas follas terminais de cepas de certas parcelas, pero dúas delas, que son viñas con solos pobres e sen estrutura, esta semana puidemos observar xa a cor pardo-bronceada das follas de certos pampos. Ademais, nas mostras de follas que recollemos nunha parcela as poboacións do ácaro eran xa abundantes, e por este motivo haberá que tratar para limitalas e evitar que cheguen a producir danos por un deficiente funcionamento da masa foliar. Se a situación é coincidente e as parcelas están dentro das zonas de tratamento obrigatorio ou recomendado contra Scaphoideus titanus a maioría dos produtos autorizados teñen efecto fronte a ácaros.

20260623sintomas_iniciais_de_acariose 20260623follas_coa_cor_bronce_tipica_do_acaro_causante_da_acariose

Outras incidencias

Ademais dalgúns síntomas de carencias e de seca, esta semana observamos máis plantas cos síntomas de patoloxías de madeira, algunhas das que xa sucumbiran ante o ataque.

20260623sintoma_de_patoloxia_de_madeira 20260623planta_que_sucumbiu_ao_ataque

Buxo

Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis

Esta semana observamos síntomas da alimentación das eirugas en novas plantas e tamén noutras sebes que antes non os tiñan. Incrementar a vixilancia e revisar ben as plantas para evitar que se produzan defoliacións.

sintomas_da_alimentacion_da_eiruga_de_cydalima

Salgueiros

Diferentes especies de coleópteros defoliantes

Estes días tivemos diferentes chamadas de particulares que nos alertaban da aparente morte de salgueiros nas concas dalgúns ríos da nosa provincia. O momento de producirse destas chamadas coincide aproximadamente co de outros anos nos que se observaban síntomas semellantes en diferentes árbores de ribeira. De feito, nós tamén o observaramos e, aínda que de lonxe se pode pensar na morte destas árbores, en realidade o dano é producido por especies destes escaravellos que están a alimentarse destas árbores, e que lles proporciona o aspecto de secar debido ás necroses foliares que son consecuencia do tipo de alimentación de larvas e adultos.

detalle_das_necroses_foliares_que_se_observan_nos_salgueiros