INFORMACIÓN FITOSANITARIA 9 de Abril de 2026
VIÑA
Na anterior información fitosanitaria que publicamos faciamos referencia a que se produciría un cambio na climatoloxía no sentido de que perderiamos a influencia anticiclónica e chegarían as choivas, manténdose as temperaturas baixas en xeral. Pois ben, como é sabido, finalmente se produciron precipitacións desde os días 6 ou 7 e ata onte día 8 (ou mesmo hoxe día 9), e cunha contía de 10 a 25 l/m2 segundo as estacións. Canto ás temperaturas, hai que destacar a sensación de bochorno que se deu na tarde e, por zonas, tamén na noite, do luns día 6, con temperaturas máximas e mínimas que se situaron na contorna dos 30 e dos 16-17ºC respectivamente.
Con estes vaivéns climatolóxicos observamos esta semana que o estado fenolóxico das vides apenas variou fronte á semana anterior, se ben é certo que se apreciou algo máis de desenvolvemento vexetativo.
Mildio
Non viñas que visitamos non detectamos ningún síntoma da enfermidade malia non terse efectuado tratamento algún na campaña. Tampouco recibimos información acerca da aparición de manchas noutros predios. Con todo, e aínda que as condicións meteorolóxicas non son as máis favorables debido en especial ás temperaturas, o momento da campaña, a climatoloxía rexistrada nos días pasados e os modelos matemáticos que manexamos apuntan a que terán que aparecer nestes días. De feito, segundo estes modelos xa case terían que ter aparecido síntomas en todas as comarcas debido a que xa finalizou o período de incubación teórico do patóxeno. Por este motivo, nas parcelas comerciais máis desenvolvidas da nosa rede de seguimento estase a aplicar hoxe ou farase mañá a primeira intervención antimildio da campaña. Esta intervención tamén se xustifica á vista das previsións meteorolóxicas, que anuncian novamente precipitacións para a primeira metade da próxima semana, aínda que acompañadas de temperaturas tamén baixas.
Segundo sabemos moitas persoas xa teñen realizado este primeiro tratamento (ou incluso en certos predios xa un segundo) pero nalgúns casos este tratamento foi efectuado con ventos incompatibles cunha boa protección do viñedo e tamén coas responsabilidades cívica cara as demais persoas e ecolóxica cara o medio. Á marxe de que este tipo de aplicación esta totalmente prohibida e pode ser obxecto de, canto menos, unha sanción administrativa, como dicimos parte do produto non acadaría as plantas e polo tanto estas non estarán protexidas. Nestas situacións e tamén naquelas outras nas que non se efectuara ningunha aplicación e non se realicen seguimentos específicos, haberá que tratar.
Outros parasitos/incidencias na viña
Na maioría de predios estanse a observar síntomas de erinose, pero en viñas adultas non requiren tratamento (en planta nova podería ser preciso en casos graves). Tamén nalgunha viña hai síntomas da alimentación de caracois e roturas de follas tenras a consecuencia dos ventos, pero en xeral sen incidencia.
PEXEGUEIRO
Lepra
Ao igual que diciamos na información fitosanitaria anterior ao falar do moteado da nespereira, tamén no caso da lepra dos pexegueiros os tratamentos con cobre no inverno e no inchado de xemas son necesarios para un control aceptable da enfermidade (aceptable porque é unha patoloxía endémica aquí). Na actualidade, xa moitas árbores teñen as follas con síntomas do fungo causante. Por iso é preciso aplicar un tratamento para evitar o seu avance, máis considerando que a climatoloxía non termina de estabilizarse.
BUXO
Bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis)
Esta semana observamos que, malia que moitos dos brotes das plantas permanecen en xeral verdes e sen síntomas, avanzou o estado de desenvolvemento das eirugas e por iso a defoliación das plantas pode ser maior.
Ademais, nunha das caixas de cría con eirugas recollidas nos xardíns que mantemos en condicións de laboratorio para adiantarnos ao que sucederá na natureza, xa temos dúas crisálides.
Segundo as previsións meteorolóxicas no momento da redacción deste boletín fitosanitario, nos próximos días haberá unha probabilidade elevada de precipitacións e en xeral tempo bastante frío desde o sábado día 11, co que non se esperan grandes danos. Porén, haberá que estar prestar atención a como evoluciona o tempo e aos síntomas que foran detectados, pois en planta pequena e/ou con problemas fisiolóxicos a afectación pode ser maior e polo tanto ser preciso un tratamento.









