INFORMACIÓN FITOSANITARIA 7 de Maio 2026
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.
Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
Viña
E.F.: H - (I1) Baggiolini; 57 – (60-61) BBCH
Mildio
A primavera soe ser unha estación con climatoloxía variable, e esta de 2026 está a selo, aínda que con predominio da inestabilidade. E esta inestabilidade é o que caracterizou o tempo transcorrido desde a emisión da anterior información fitosanitaria: houbo períodos solleiros e con temperaturas suaves (na contorna dos 18-20 ºC) alternando con horas/xornadas de nubes e choivas que, segundo as zonas, chegaron a aproximarse aos 30 l/m2 de media ou incluso máis, como o reflectiu a estación de Lourizán de Meteogalicia, onde se superaron os 54 litros, e cun só día, onte mércores 6, con máis de 30 l/m2. O carácter tormentoso destes episodios de precipitación queda de manifesto no feito de que a estación próxima de Pontevedra cidade "só" recolleu 18 litros.
Con todo, as temperaturas mínimas mantivéronse baixas, en xeral, para a época do ano, con rexistros por debaixo de 10 ºC en xeral se exceptuamos o intervalo de tempo comprendido entre os últimos dous días de abril e os primeiros de maio. Estas condicións máis frías contribuíron sen dúbida a que o número de esporanxios de Plasmopara viticola nos captadores siga sendo reducido, sempre inferior a 20/m3 diarios tanto na nosa viña de Areeiro (sen tratamento algún e, de feito, aínda sen a primeira mancha) coma na de Sanxenxo (que foi tratada por ultima vez o xoves 29).
Canto ás revisións que realizamos esta semana ás viñas, tanto ás da nosa rede habitual coma a aquelas nas que nos imos detendo ao azar nos nosos percorridos, atopamos en xeral un bo estado no relativo a esta enfermidade, pero con matices, e así:
- Na nosa viña de Areeiro, toda de albariño, aínda non apareceu a primeira mancha. Iso si, como xa dixemos nalgunha ocasión, esta arredor desta parcela non existen outras viñas e está rodeada de carballos con outras frondosas e de terreo raso.
- Do resto de predios, todos salvo un con poucas manchas de aceite, parte deles posuían as manchas ben controladas e os acios non presentaban síntomas de infección. Nesta situación atopábase incluso unha das nosas parcelas de seguimento do Rosal, con só dous tratamentos e o último o día 22 de abril.
- Nalgúns predios, todos da comarca do Salnés, atopamos algún acio afectado e coa frutificación do fungo, o que coincide con informacións que nos aportaron, desde o domingo día 3, algunhas persoas (técnicas e viticultoras). Este tamén é o caso da excepción referida no punto anterior.
Queremos facer notar a circunstancia de que, polo menos nos viñemos que revisamos nós, todas as manchas correspondían a follas da parte baixa dos pampos, estando as da metade superior, incluíndo os novos crecementos, completamente sas.
Sabemos que, por fenoloxía, as viñas se atopan nun dos períodos de máxima sensibilidade ao patóxeno. E tamén sabemos que, aínda que os diferentes modelos non coinciden totalmente canto ás súas predicións a curto-medio prazo, hai aire frío nas capas medias e altas da atmosfera e iso xera inestabilidade, co que manterase o patrón de días/horas de bo tempo alternando con outros de choivas pola chegada de varias borrascas. Ademais, as temperaturas mínimas parece que se van manter baixas en xeral para a época se exceptuamos mañá venres e a fin de semana, aínda que tamén semella que hai algo de incerteza nas predicións e que estas poden variar.
Neste escenario, a nosa recomendación neste caso é a vixilancia constante dos viñedos para detectar se aparecen novos síntomas e/ou se os que hai evolucionan adecuadamente. De aparecer nova sintomatoloxía ou zonas de avance na anterior haberá que renovar o tratamento cando a climatoloxía o permita, preferiblemente empregando funxicidas de diferente grupo químico para evitar resistencias.
Nesta época de inicio de floración, e tamén máis adiante e ata que finalice a formación do froito, non é conveniente traballar a terra, non só por evitar producir danos ás raíces das plantas nun momento crítico, senón tamén porque a nivel do terreo segue a haber esporas dos anos anteriores que poden ser proxectadas cara as viñas.
Con todo, as rozas serán necesarias nos predios onde a vexetación acompañante está excesivamente alta, o que representa unha medida cultural imprescindible para a sanidade das vides.
Oidio
Esta semana non observamos síntomas de oídio en ningunha das viñas que visitamos, algunhas das que tiñan variedades máis sensibles co albariño. Porén, e dada a proximidade (máis ou menos relativa segundo as zonas/predios) da floración, en caso de renovar o tratamento antimildio empreguen tamén un antioídio.
Black rot
Nas plantas abandonadas de bordes de predios e vías, sobre todo da comarca do Condado pero tamén das demais, notamos un lixeiro incremento na presenza de manchas desta enfermidade nas follas. Tamén nalgunha que outra folla esporádica de algunhas viñas sometidas
De cumprirse as previsións meteorolóxicas e seguir a producirse choivas, probablemente se incremente a dispersión das esporas que dean lugar a novos órganos afectados. Porén, coa escasa presenza de síntomas que polo menos nós observamos nas viñas cultivadas, e as temperaturas que en xeral se manterán frías, consideramos que o risco non será especialmente elevado.
Avelaíñas do acio
Das nosas trampas só recollemos machos de Lobesia botrana en dúas parcelas do Rosal (6 e 8 machos) e nunha do Condado (2 individuos). Pola súa banda, de Eupoecilia ambiguella seguimos sen capturas.
Outros parasitos/incidencias na viña
A partir de agora haberá que empezar a prestar moita atención ao envés das follas para comprobar o posible nacemento das primeiras ninfas de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, momento que, polos datos doutros anos, está próximo a iniciarse.
Por outra banda, coa humidade tan elevada desta primavera, recomendamos a eliminación total e inmediata das plantas ou restos de plantas mortas que hai nalgúns predios, pois nalgúns casos presentan síntomas de enfermidades de madeira que poden liberar esporas e infectar ás plantas circundantes.
Ademais, observamos presenza de caracois alimentándose nas follas, erinose e loxicamente os signos da sarabia producida.
Maceira
Situación xeral observada
A nosa rede de seguimento de froiteiras non é tan ampla coma a de viña pero nas nosas observacións non atopamos síntomas de moteado, si presenza de pulgón cincento e 3 machos de Cydia pomonella nunha das trampas que temos instaladas. Dada a climatoloxía prevista (húmida pero fresca), e sempre sobre a base das nosas observacións, de momento non serán necesarios tratamentos.
Pataca
Situación xeral
En todos os predios que revisamos esta semana as plantas estaban en perfecto estado, sen síntomas de calquera patoloxía e moi frondosas, e só observamos algún que outro pequeno buraco producido polos escaravellos coñecidos comunmente como "pulguillas" e tamén algúns caracois, pero poucos para o tempo húmido que hai. Tampouco neste caso consideramos imprescindible realizar tratamentos, salvo que se desexe aplicar un antimildio en parcelas máis abrigadas e onde se acaden temperaturas máis elevadas que produzan unha maior evaporación da auga do solo cara as follas baixas das plantas.
Buxo
Situación xeral
Segundo as nosas observacións na actualidade aínda non se produciu o nacemento dos primeiros adultos de Cydalima perspectalis, a bolboreta do buxo, e só hai presenza esporádica do fungo Calonectria pseudonaviculata (Cylindrocladium buxicola).
