INFORMACIÓN FITOSANITARIA 24 de febreiro de 2026
Viña
Mildio
O pasado venres día 20 verificamos, polo método práctico, a maduración da oospora (forma de conservación invernal) do patóxeno na nosa viña de Areeiro. É máis, xa recollemos algúns esporanxios no captador. Ademais, tamén algúns modelos matemáticos confirmaron este extremo nas diferentes comarcas da provincia, incluso xa desde o día 16.
Froitos cítricos
Podremia
Xa o mencionamos na anterior información fitosanitaria pero as choivas tan continuas que se produciron neste outono-inverno, unidas a unhas temperaturas relativamente suaves, provocaron a perda de moita froita por podres provocadas principalmente por Phytophthora hibernalis. Lembramos unha vez máis que os froitos caídos ao solo deben ser recollidos, e tamén aqueles que se detecten enfermos aínda nas árbores, pois nas condicións de temperaturas máis altas destes días é de esperar que a enfermidade se estenda en maior medida debido a que a humidade continúa a ser moi elevada e polo tanto favorable ao desenvolvemento do patóxeno. Ademais, é recomendable podar as ramas máis próximas ao solo e retirar tamén as ramiñas cuxas follas teñan síntomas de podremia.
Piñeiro
Procesionaria
Coa subida de temperaturas destes días hai que estar moi alertas ante a potencial aparición das procesións das eirugas desta especie, sobre todo as persoas que acostumen pasear os seus cans por parques con piñeiros e cedros. Lembren que pola presenza de pelos urticantes estas larvas implican un risco tanto para as persoas coma para os animais, e máis quizais para estes últimos por estar máis preto do solo, poder pisalas e ulilas debido á súa natureza curiosa. Os danos que poden sufrir as nosas mascotas poden ser relativamente graves (irritación, hipersalivación, inflamacións na zona da boca ou dos ollos e na trufa) pero tamén moi graves como dificultade respiratoria, necrose de tecidos e, en casos extremos, incluso a morte do animal. Por iso, e tendo en conta que tampouco é preciso o contacto directo coas eirugas para ter este problema (os pelos urticantes poden estar no aire), é recomendable evitar estas zonas de paseo nesta temporada.




