INFORMACIÓN FITOSANITARIA 19 de junio 2026

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.

Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: K – (L) Baggiolini; (73) – 75 - (77) BBCH

Os últimos días da semana precedente caracterizáronse por unhas temperaturas propias do verán, con rexistros máximos moi altos, por riba dos 30ºC, e mínimos na contorna dos 20. E tamén estes días as temperaturas están a ser altas e o tempo solleiro durante varias horas ou a totalidade da xornada segundo as zonas. Deste xeito, unha vez máis observamos un avance significativo na fenoloxía das vides, que en albariño (e tamén noutras variedades) está plenamente en "grans tamaño chícharo" e que está a acadar o peche do acio, como se pode ver nalgúns predios de calquera comarca

20260617acios_practicamente_pechados_nunha_vina_de_sanxenxo 20260617acio_practicamente_pechados_nunha_cepa_de_loureira_do_rosal

Ademais, tamén notamos esta semana que a heteroxeneidade no desenvolvemento dos acios dentro da mesma planta ou entre plantas do mesmo predio, á que nos referimos en repetidas ocasións ao longo da campaña, practicamente desapareceu, o que coincide coas apreciacións doutras campañas.

Mildio

No último Boletín falabamos de que as predicións meteorolóxicas para esta semana predicían temperaturas moi elevadas para as xornadas máis inmediatas e posibilidade de episodios de treboadas a consecuencia da calor algúns días segundo localizacións. E como sabemos, as temperaturas foron algúns días excepcionalmente elevadas, en especial o venres día 12, cando as máximas estiveron por riba dos 30ºC durante máis de 7 horas en xeral nas estacións meteorolóxicas das comarcas de importancia vitícola segundo os datos de MeteoGalicia e cando, segundo as estacións da Aemet, se rexistrou a temperatura máxima de España na de Canedo (Ponteareas), con 39ºC. Tamén as temperaturas mínimas foron pouco habituais, pois chegaron a ser moi próximas a 20ºC o mesmo día 12.

Canto ás treboadas, onde as houbo na provincia de Pontevedra, practicamente non descargaron precipitacións, que si foron abundantes nalgúns puntos das provincias de Lugo (como onte día 17 en Monforte) e Ourense (como tamén onte en Viana ou Valdeorras). O que si foi bastante xeral foron as néboas densas no litoral e nas concas dos ríos, aínda que tamén afectaron a moitas zonas do interior. A combinación de temperaturas elevadas coa alta humidade relativa e coa humidade foliar derivada das néboas deu lugar finalmente a condicións moi favorables ao mildio desde días diferentes segundo a zona.

Malia esta situación, as viñas das nosas parcelas de seguimento (algunhas con más de 2 semanas sen tratamento algún, como as de Sanxenxo) e tamén dos predios que imos revisando ao azar nos nosos percorridos, presentaban un excelente estado sanitario en xeral cos tratamentos que se van realizando. Proba este bo estado son as baixas capturas de esporanxios no captador de Sanxenxo, onde a cifra promedio foi de 11/m3 e o valor máis elevado, 36/m3.

esporanxiossanxenxo18-06-2026

Porén, temos que destacar como excepción a nosa viña de Areeiro, que mantemos case sempre sen tratamentos para comprobar a evolución natural do parasito e na que varias filas non se tratan a modo de testemuña: aquí, xa o propio luns día 15 tiñamos unha elevada presenza de síntomas novos do patóxeno, en especial nos acios pero tamén en folla.

20260615mildio_en_acio_en_planta_testemuna_areeiro 20260615_mildio_en_acio_areeiro 20260615mildio_en_planta_testemuna_areeiro

Tamén na nosa finca se recolleu un número tan elevado de esporanxios (ata 1530/m3 o propio día 15) que nos obrigou a realizar unha intervención inmediata, excluíndo as filas que nunca se tratan, para conter ata certo punto o avance da enfermidade e seguir dispoñendo destas plantas para o seguimento. Coa aplicación realizada baixou de xeito case inmediato a cifra de capturas, que a día de onte aínda se mantiña cerca dos 500 esporanxios/m3.

esporanxiosareeiro18-06-2026

Por outra banda, en viñas das que descoñecemos o historial de intervencións tamén observamos algún que outro acio con algún gran afectado, incluso manifestándose xa en forma de mildio larvado debido ao tamaño da uva.

20260617acio_xa_con_alguns_grans_con_mildio_larvado

Tamén nos informaron de focos máis ou menos illados con bastantes síntomas, non só da nosa provincia senón tamén da Ribeira Sacra ou do Ribeiro. Nalgúns destes focos a variedade era albariño pero noutras no, como se pode comprobar nas seguintes imaxes, cedidas polos seus autores.

acio_albarino_moi_afectado_de_mildio_cedida forte_ataque_de_mildio_en_folla_de_menciacedida detalle_de_folla_de_mencia_con_abundantes_manchas_cedida

As diferentes previsións meteorolóxicas consultadas mentres se redacta esta información, anuncian que case con toda probabilidade chegará unha vaga de calor que afectará tamén a Galicia, con temperaturas altas ou moi altas e incluso extremas tanto nas horas diúrnas como nas nocturnas. Ademais, os ceos non estarán de todo limpos e pode haber alternancia de nubes e claros, néboas máis ou menos densas e as consabidas treboadas de verán, que poderán descargar en calquera punto, co que hai bastante incerteza neste sentido.

Porén, só con darse a combinación temperaturas nocturnas altas máis humidade (ben sexa esta a causa das néboas ou das treboadas), salvo que o patóxeno se vexa moi desvitalizado polas temperaturas extremas do día, o risco de mildio será moi alto e por iso convén manter a viña protexida e aínda así vixiada para detectar a potencial aparición de novos síntomas, en cuxo caso haberá que renovar a intervención.

Oídio

Malia que houbo temperaturas moi elevadas a finais da semana anterior, non foron suficientes para desvitalizar ao fungo, o que se pode producir con rexistros superiores, sempre falando a nivel da viña, a 40ºC. Ás temperaturas altas pero insuficientes para frear o patóxeno hai que engadir a presenza de néboas densas, moi favorables ao fungo, e a elevada sensibilidade da uva ata que os acios estean completamente pechados, para obter a situación observada esta semana: presenza de oídio en follas e acios das plantas testemuña e tamén algún ataque moi puntual en plantas tratadas de predios moi frondosos e sombríos.

20260616oidio_en_acio_testemuna_areeiro 20260616oidio_en_acio_planta_testemuna 20260616grans_afectados_por_oidio

Aínda que de momento non se pode garantir con total seguridade, os modelos meteorolóxicos anuncian altas probabilidades de vaga de calor, que como todos os episodios deste tipo, ten que durar polo menos tres días. Os valores máis altos que se acaden en cada lugar poderán axudar a predicir a evolución do ciclo do fungo, no sentido de que se son suficientemente elevados a nivel dos acios o risco diminuirá pero se as néboas que se produzan baixan aqueles rexistros o perigo será alto se as viñas non están adecuadamente protexidas, en especial se a variedade é moi sensible ao patóxeno e as plantas están excesivamente frondosas e con acios moi sombreados.

Lembren a conveniencia de ventilar os acios para evitar as retencións de humidade para protexer os acios fronte aos fungos, ademais de expoñelos á iluminación para que poida engordar a uva. Pero atención: estas labores de esfolla e despunte teñen que realizarse MODERADAMENTE e na orientación correcta para que os acios poidan seguir desenvolvéndose e que non sufran golpes de sol

Avelaíñas do acio

Nunha das nosas trampas do Salnés tivemos esta semana as primeiras dúas capturas de machos de Lobesia botrana da segunda xeración, e nunha do Rosal un incremento bastante importante no número de adultos recollidos, concretamente 17 individuos. A evolución para a semana da actividade desta avelaíña dependerá en parte das temperaturas máis altas que se cheguen a acadar, pois xa a partir de 30ºC os ovos deixan de ser viables porque se desecan e tamén a actividade de adultos e as eirugas se ve limitado.

dous_dos_machos_de_lobesia_recollidos_nunha_trampa

Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada

O próximo día 25 cúmprense 30 días desde que se atoparon as primeiras ninfas (N1) do cicadelido dentro do Plan de control e erradicación do fitoplasma causante da flavescencia dourada da Xunta de Galicia, a administración responsable do Plan.

Tendo en conta que o período mínimo necesario para que este insecto adquira o patóxeno ao alimentarse dunha vide enferma e poida transmitilo a unha planta sa é dun mes, xa é o momento para iniciar os tratamentos. Ademais, é posible que as primeiras ninfas nacesen varios días antes da súa detección oficial e, dado que a enfermidade xa está presente na nosa zona, convén actuar con antelación para minimizar o risco de novas infeccións.

Lémbrase que estes tratamentos son OBRIGATORIOS nas zonas demarcadas e RECOMENDADOS nas zonas limítrofes. Na páxina web da Consellería do Medio Rural, dentro de Sanidade Vexetal no apartado "Organismos nocivos de corentena" poden consultar as parroquias nas que é obrigatorio realizar os tratamentos, así como tamén as materias activas autorizadas polo Ministerio, que reproducimos na seguinte táboa (en orde alfabética).

grafico19-06-2026

É fundamental realizar os tratamentos mollando axeitadamente o envés das follas, incluídas as dos brotes basais ou chupóns, xa que son lugares habituais de refuxio do insecto. E como en toda aplicación de produtos fitosanitarios, deben seguirse estritamente as indicacións recollidas na etiqueta.

Ademais, a partir de agora aínda toma máis relevancia a recomendación que fixemos a semana anterior: todas as persoas vencelladas ao sector (traballadoras directas de campo, técnicas, comercializadoras...) que se despracen entre as comarcas onde está presente o vector e outras onde non está detectado, deben gardar todas as precaucións posibles para evitar transportar accidentalmente ninfas e/ou adultos a zonas onde non está detectado: non hai que esquecer que o que transmite é unha enfermidade moi grave de corentena e hai que evitar por todos os medios a súa dispersión a novas zonas.

Outras incidencias

Nalgúns predios, notamos un incremento notable de síntomas de erinose. Ademais, e como estaba previsto, as condicións climatolóxicas destes días provocaron que se visibilizaran síntomas de enfermidades de madeira, así como de escaseza de nutrientes en plantas debilitadas por medrar en solos pobres.

20260617incremento_notable_de_sintomas_de_erinose planta_que_morreu_esta_semana_por_enfermidade_sistema_radicular

MACEIRA

Cydia pomonella

Tivemos esta semana as mesmas capturas que a semana anterior nas nosas trampas: dous na nosa trampa de Areeiro, e ningún na que temos instalada no Rosal.

20260527primeiro_macho_de_cydia_pomonella_nunha_trampa_do_rosal

BUXO

Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis

Na revisión desta semana vimos xa as primeiras eirugas iniciando a súa alimentación nas follas do buxo. Por este motivo, hai que incrementar a vixilancia e revisar ben as plantas para evitar que se produzan defoliacións.

sintomas_da_alimentacion_da_eiruga_de_cydalima

SALGUEIROS

Diferentes especies de coleópteros defoliantes

Estes días tivemos diferentes chamadas de particulares que nos alertaban da aparente morte de salgueiros nas concas dalgúns ríos da nosa provincia. O momento de producirse destas chamadas coincide aproximadamente co de outros anos nos que se observaban síntomas semellantes en diferentes árbores de ribeira. De feito, nós tamén o observaramos e, aínda que de lonxe se pode pensar na morte destas árbores, en realidade o dano é producido por especies destes escaravellos que están a alimentarse destas árbores, e que lles proporciona o aspecto de secar debido ás necroses foliares que son consecuencia do tipo de alimentación de larvas e adultos.

detalle_das_necroses_foliares_que_se_observan_nos_salgueiros