INFORMACIÓN FITOSANITARIA 16 de Abril de 2026

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.

Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

 

Viña

E.F.: F-G Baggiolini; 53-55 BBCH

Esta semana a climatoloxía volveu amosar caracteres típicos da primavera cun tempo cambiante que non termina de estabilizarse e temperaturas bastantes frescas en xeral. Con esta situación, a fenoloxía na variedade maioritaria, albariño, apenas variou aínda que si avanzou lixeiramente. Ademais, no estado actual percíbense nas plantas que hai unha boa cantidade de acios por gromo, incluso ata catro, o que é bastante sorprendente tras a campaña anterior, no que a colleita foi moi elevada.

Mildio

Nas revisións desta semana non detectamos aínda a primeira mancha de aceite, nin tampouco tivemos notificación algunha da súa aparición noutros predios, polo menos ata o momento da redacción desta información. Ben é certo que a maior parte das viñas xa recibiron o primeiro tratamento fronte a esta patoloxía, pero tamén hai predios onde non se iniciaron e viñas abandonadas que tamén están sen manchas.

En realidade, desde que as vides son receptivas ao patóxeno houbo xa condicións de infección primaria e mesmo tamén de secundaria, e así o confirman algúns dos modelos matemáticos que manexamos, que como sabemos son ferramentas de apoio, sendo as revisións a pé de campo as que teñen que facernos decidir ou non polas recomendacións dos modelos. As temperaturas frescas que en xeral estamos a ter boa parte dos días probablemente sexan as responsables de que non se manifestara aínda a enfermidade nin en folla nin nos acios en formación, malia que nos nosos percorridos temos observado que algúns están ás veces parcialmente cubertos por unha capa de auga debida ás precipitacións.

Por outra banda, o número de esporanxios que estamos a recoller nos captadores son tamén baixos, tanto na nosa viña de Areeiro, sen tratamento algún na campaña e sen viñas próximas, coma na de Sanxenxo, que si recibiu unha intervención (o día 9) pero que non só ten viñas próximas senón que posúe un enclavado sen tratar con cepas de diferentes variedades no seu interior.

Para os próximos días hai certa variabilidade nas previsións meteorolóxicas consultadas e tamén cambian as diferentes predicións segundo os momentos nos que se consultan, polo que existe bastante incerteza sobre como vai evolucionar a climatoloxía. Con todo, en xeral semella que a curto prazo (ata a metade da semana próxima) cesarán as precipitacións, subirán as temperaturas máximas e baixarán as mínimas. A partir dese momento, parece que se incrementan as posibilidades de precipitación, que poderían ser en forma de tormentas.

De cumprirse estes prognósticos, a nosa recomendación é:

  • Para as parcelas que xa recibiron tratamento: recoméndase a vixilancia das vides, sobre todo a comezos da semana entrante no caso de que se incrementen as opcións de choiva, non só por este feito en si, senón tamén porque estará próximo a concluír o período de protección teórico do/s funxicida/s empregado/s.
  • Para as parcelas sen intervención algunha de momento: a vixilancia debe ser máis estrita, aínda que, salvo casos especiais, é de esperar unha evolución similar das plantas se as temperaturas nocturnas se manteñen baixas.

Especialmente nos predios coas plantas conducidas en formacións baixas é imprescindible manter ben segada a cuberta vexetal do solo, porque sen ir máis lonxe as gramíneas e outras adventicias están en floración e nalgúns casos superan en altura ás cepas

Inflorescencias de adventicias que non deben chegar ás cepas

Oidio

Na gran maioría das parcelas da nosa rede de seguimento non se aplicou aínda ningún tratamento fronte a este fungo, e polo de agora non detectamos os primeiros síntomas da enfermidade, nin sequera nas plantas de variedades máis susceptibles que hai nalgúns predios. Algunhas persoas nos alertan que os carballos xa teñen esta enfermidade e que por iso habería que tratar, pero en realidade a especie que afecta aos carballos non é a mesma que a da vide, e de feito hai moitos carballos que xa teñe oídio desde case o momento mesmo da brotación. Na viña, o momento de máxima sensibilidade comeza cando se vai iniciar a floración, e ese si é un estado que debe estar protexido en xeral de non haber síntomas antes. Polo de agora, manter a vixilancia.

Avelaíñas do acio

Nas trampas que xa temos instaladas nas nosas parcelas de seguimento a cifra de capturas de Lobesia botrana é reducida, en ningún caso superior a 13 machos. Pola súa banda, nas de Eupoecilia ambiguella seguimos sen capturas.

Outros parasitos/incidencias na viña

Non atopamos nada destacable, á marxe da erinose que, mentres en albariño vai perdendo significación polo bo desenvolvemento dos gromos, en plantas illadas dalgunha variedade tinta tardía si está a amosar certa importancia e por iso haberá que vixiar.

 

Ademais, pero só nunha planta moi afectada dun predio, observamos os primeiros síntomas, sobre a parte verde, de patoloxías de madeira.

Kiwi

Bacterioses

Co clima tan inestable desta primavera é moi importante non descoidar os tratamentos fronte a estas enfermidades para evitar os importantes danos que poden causar sobre a futura floración, máis considerando que agora xa están os botóns florais

Buxo

Bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis)

En xeral non observamos un avance significativo nos síntomas esta semana, probablemente porque a climatoloxía permanece inestable, pero hai que incrementar a vixilancia, máis se de cara aos días inmediatos suben as temperaturas máximas. Por outra banda, na actualidade xa todas as eirugas que tiñamos no laboratorio están en fase de crisálide, aínda que de momento non nos naceu ningún adulto.