Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 27 de maio

VIÑA

Estado fenolóxico: (H) I (J) [60 a 69 da codificación BBCH]

Mildio

As precipitacións da pasada fin de semana coincidindo con temperaturas nocturnas altas (mínimas de 14 a 17 ºC de media) volveron ser condicións moi favorables ás infeccións, ao manter un elevado nivel de humidade na contorna das viñas; amais, para a semana próxima prevese un tempo de similares características, con choivas que poden producirse practicamente calquera día e rexistros de temperatura mínimos entre 13 e 17 segundo a axencia meteorolóxica. Deste xeito, aínda que para a fin de semana os prognósticos anuncian unha climatoloxía seca e con temperaturas mesmo por riba dos 30ºC nalgúns casos, persistirán as condicións favorables ás contaminacións secundarias.

Malia as condicións que se rexistraron, na revisión desta semana ás viñas non observamos a sintomatoloxía que esperabamos encontrar procedente das infeccións pasadas, non vimos manchas novas máis que nunha capa testemuña, e as manchas e os primeiros acios afectados das plantas tratadas a que nos referiramos na información anterior, estaban curados ou en fase de curar.

Sen dúbida a aplicación dos tratamentos de xeito oportuno contivo as infeccións, pero tamén é certo que no captador de esporas que temos na nosa viña de Areeiro (cunha soa aplicación antimildio) apenas recollemos esporanxios. En calquera caso, prevense novamente condicións meteorolóxicas moi favorables, polo que temos que seguir aconsellando a revisión detallada das viñas para comprobar o seu estado. Se as plantas aínda se topan nos comezos da protección do tratamento anterior, as revisións poderán ser máis distantes no tempo pero si xa transcorreu a metade da protección deberán ser máis frecuentes co obxectivo de actuar inmediatamente se aparecen novos síntomas.

Funxicidas non eficaces se so se molla face folla

No caso de ter que actuar, as previsións meteorolóxicas non anuncian, a día de hoxe, unhas precipitacións de elevada contía, polo que probablemente haberá períodos sen choiva (claros) nos que poder intervir

E lembren a importancia de que o funxicida aplicado chegue ben ao envés das follas: se só se trata a parte superior o produto non será igual de eficaz

Oídio

Esta semana tivemos a oportunidade de revisar unhas viñas de variedades tintas non sensibles que levan anos abandonadas e que se atopan nun patio pechado e con pouca luz. Pois ben, atopamos nelas os primeiros síntomas de oídio, tanto na face das follas coma nos pampos. En albariño aínda non os observamos en ningunha viña, e iso que as da nosa rede seguen sen tratamento algún. Manter a vixilancia pero de momento non é necesario tratar.

Black rot

No mesmo lugar das viñas abandonadas onde atopamos oídio tamén observamos unha folla con abundante presenza de síntomas desta enfermidade. Nas viñas da nosa rede e nas demais que revisamos apenas atopamos algunha que outra mancha moi illada e puntual nalgunhas plantas de parte dos predios. Con todo, agora que a floración é plena e que xa hai froito callado empeza o período de maior sensibilidade da uva á enfermidade e, co tempo húmido e cálido que se prevé, haberá que incrementar a vixilancia.

Folla con abundantes síntomas black rot viña abandonadaAvanzaron manchas black rot

Outras incidencias

Nesta semana si observamos os primeiros glomérulos (niños da primeira xeración das avelaíñas do acio) en todas as parcelas, aínda que de xeito anecdótico. 

Primeiros glomérulos Lobesia

MACEIRA

Moteado

Se finalmente se dan as condicións meteorolóxicas previstas para boa parte da semana próxima (tempo húmido e quente) o risco seguirá sendo elevado, polo que polo menos as variedades sensibles deben estar protexidas.

Manchas moteado en maceira sen tratar Síntoma incipiente moteado

Pulgóns

Do mesmo xeito que noutros cultivos, nas maceiras hai unha presenza bastante xeneralizada de colonias de  pulgón. O que observamos nas plantas do noso seguimento son da especie Aphis pomi (pulgón verde), que non produce danos á froita, aínda que si produce que as follas dos brotes terminais se enrosquen. Se as plantas son pequenas ou as maceiras se plantaron con interese ornamental é conveniente aplicar un tratamento antes de que as follas se enrodelen totalmente.

Colonia de pulgón verde con formigas acudindo á melaza que segregan

KIWI

Bacterioses

A recomendación segue a ser a mesma: manter as plantas protexidas ante a probabilidade de que o tempo siga húmido aínda que haxa flores abertas.

FOTOS: Pseudomonas syringae, síntomas nos botóns florais FOTOS: Pseudomonas syringae, síntomas nos botóns florais

PATACA

Mildio

O tempo húmido incrementa sensiblemente o risco desta enfermidade, polo que hai que manter as plantas protexidas mentres se manteña esta climatoloxía.

DIVERSAS FRONDOSAS

Diferentes especies de crisomélidos

Nas árbores de ribeira dalgúns ríos comezan a ser notorios os síntomas típicos da alimentación destes insectos, que no estado adulto soen ser pequenos e ter cores metálicas. De lonxe, cando o ataque é intenso, as árbores teñen un aspecto seco que fai pensar en que pode tratarse doutros axentes causais (coma Phytophthora sp.). Porén, ao aproximarse é posible ver o dano característicos que se amosa nas imaxes de abaixo