Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 13 de abril

VIÑA

Mildio

O incremento da humidade provocado polo episodio de precipitacións que deu comezo o pasado venres día 8, unido a unhas temperaturas nocturnas máis suaves e ao sol que se da en determinados momentos do día, provocou o crecemento dos gromos de moitas viñas con relación ao observado a semana anterior. Con todo, neste inicio de campaña apréciase unha diferencia bastante notoria entre os predios, de xeito que a día de onte (12 de abril) observamos que aproximadamente o 75% das viñas que inspeccionamos atopábanse aínda estendendo as follas, o 20% con gromos desenvolvéndose pero sen superar os 5 cm, e o 5% restante (viñas máis abrigadas e protexidas do vento e/ou máis vigorosas) máis desenvolvido, pasando de ter as follas apenas despregadas a semana anterior a presentar xa brotes terminais de 10 cm ou máis.

En viñas abrigadas mais desenvolvemento esta semana

Canto a previsión de aparición dos primeiros síntomas de mildio, non se pode facer unha estimación certeira debido, entre outras razóns, ao xa mencionado de que hai viñas nas que aínda non hai suficiente superficie foliar. Aínda así, nestes momentos xa hai que incrementar a vixilancia, pois esta climatoloxía máis húmida é favorable ao ciclo do patóxeno: se a semana anterior (ata o día 6), recolléranse 4 esporanxios no captador de Areeiro, desde esa data e ata o luns día 11, acumuláronse 47.

Para os próximos días, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas coinciden en xeral nunha melloría do tempo, con ceos alternando nubes e claros con momentos de máis sol, temperaturas mínimas lixeiramente máis baixas, mesmo por debaixo de 10ºC segundo algunhas axencias, e ventos de dirección variable con tendencia ao norte desde sábado. De cumprise este prognóstico, podería esperarse que a curto prazo apareza a primeira mancha nalgunha viña con brotes xa crecidos (tardará máis se as temperaturas nocturnas son baixas). Por este motivo, sempre e cando non fagan un seguimento específico, nos predios con máis desenvolvemento da vexetación, pode ser conveniente aplicar o primeiro tratamento nestes días. No resto (viñas menos desenvolvidas) aínda poden esperar.

Outras incidencias.- En diferentes viñas atopamos esta semana presenza relativamente abundante de caracois, na madeira e/ou alimentándose das follas en desenvolvemento.

As choivas favoreceron presenza de caracois

BUXO

Bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis)

A mellora que se prevé na climatoloxía favorecerá que as eirugas que se atopan nos buxos retomen unha actividade máis intensa e que polo tanto poidan aparecer danos. De feito, informáronnos de que nunha situación puntual había danos xa visibles, aínda que nos buxos que controlamos nós apenas atopamos eirugas e síntomas, incluso nunhas plantas abandonadas. Incrementar a vixilancia.

Planta de buxo abandonada con poucos síntomas Cydalima