INFORMACIÓN FITOSANITARIA 5 de agosto

VIÑA

Estado fenolóxico: (L) M1 [(79)- 81 a 85 da codificación BBCH]

Co inicio do pintado, e polo tanto da conta atrás para a vendima, cobran moita importancia as operacións de vixilancia e detección de problemas na viña pois, no caso de ter que facer algunha intervención de tipo químico, haberá que decantarse por produtos con curto prazo de seguridade (que sempre debe ser respectado), isto sempre que as súas adegas non estableceran xa a data límite de tratamentos, en cuxo caso terán que consultar cos seus técnicos a solución a potenciais patoloxías ou pragas

Mildio

As condicións climatolóxicas que levamos todo o mes favoreceron que esta vez si o estado fenolóxico observado nas viñas de albariño chegase á fase de pintado, pois en xeral as uvas xa están brillantes e empezando a abrandar. Consecuentemente, a sensibilidade do acio ao patóxeno é mínima, e polo tanto xa non se producirán danos, que soamente poderán afectar ás uvas máis atrasadas nas viñas nas que aínda non hai este estado en todos os acios.

Canto ás outras partes verdes das plantas, a partir destes momentos será posible observar manchas de aceite nos brotes terminais, en especial naqueles casos nos que hai inóculo que non foi ben controlado por terse repetido en boa parte da campaña condicións favorables ao desenvolvemento do fungo, e tamén nas partes menos accesibles aos últimos tratamentos aplicados xa con produtos non sistémicos. De feito, a descrita é unha situación que observamos esta semana nalgúns predios, onde apareceron algunhas manchas de aceite que mesmo presentaban frutificación.

Manchas de mildio recentes en follas novasFrutificacion en mancha mildio recente

As previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas continúan anunciando tempo estable e temperaturas altas para as próximas xornadas. Así, en principio non debería haber unha evolución daquelas manchas que vaian aparecendo pero hai que ter en conta, sobre todo nas viñas menos vigorosas, que é preciso garantir que as vides poidan conservar suficiente superficie foliar para manter a colleita, polo que é convén non descoidar a vixilancia para evitar potenciais defoliacións.

Oídio

Tamén ao chegar ao inicio do pintado a sensibilidade da uva é practicamente inexistente pero tamén poden aparecer aínda síntomas do fungo noutras partes verdes e tamén nos acios rebuscos. Nós non os observamos nas revisións que fixemos máis que nas plantas testemuña sen tratamentos, e con escasa incidencia.

Oídio en folla de planta testemuña

Black rot

O mesmo que mencionamos ata agora no referido aos anteriores patóxenos sucede no caso deste fungo: ao entrar no pintado xa non hai risco de danos á uva. A partir de agora naquelas plantas que tiveran síntomas as uvas terminarán co momificado característico desta enfermidade, como observamos esta semana nunhas viñas abandonadas.

Avelaíñas do acio

Nos predios onde temos as trampas non recollemos ningún macho de Lobesia botrana e tampouco observamos postas ou novas penetracións larvarias. Probablemente as condicións climatolóxicas destes días, con temperaturas moi elevadas, ventos moderados e humidade relativa bastante baixa estean na orixe das baixas poboacións, pois son condicións desfavorables ao desenvolvemento da praga. Manter a vixilancia, aínda que de manterse a climatoloxía seca durante unhas semanas, como prevén na actualidade a maioría de modelos meteorolóxicos, non debería haber moitos problemas de podre derivados das perforacións das eirugas da avelaíña.

Cicadelidos

Tamén nesta semana tivemos algunhas capturas de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, nas mesmas viñas que a semana anterior e tamén van ser analizados para ver se conteñen o fitoplasma causante da enfermidade (aínda non temos resultados dos anteriores).

Outras incidencias

As outras incidencias que temos que seguir mencionando son practicamente as das semanas anteriores, xa que están relacionadas co momento do ano e sobre todo coa climatoloxía que temos: golpes de sol nos acios e plantas con alteracións de madeira ou con estrés hídrico. Tamén nesta semana notamos que empeza a repuntar de volta a erinose de verán.