Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 10 de xuño

VIÑA

Estado fenolóxico: J (69 a 71-73 da codificación BBCH)
Os acios en xeral están ben desenvolvidos

Malia non ter habido moita insolación estes días, en xeral os acios están ben formados e con bo desenvolvemento, sendo a media máis habitual nos predios que visitamos esta semana, grans tamaño perdigón. Partindo desta situación, as condicións anticiclónicas previstas para os vindeiros días provocarán un avance aínda maior no seu desenvolvemento.

Mildio

Ata este mércores día 8 as condicións meteorolóxicas dominantes foron favorables á enfermidade, polas choivas máis ou menos intermitentes que se deron case todos os días, a elevada humidade relativa (en xeral nunca inferior ao 80%) e unhas temperaturas mínimas tamén altas. En realidade, esta foi unha situación semellante á das últimas semanas, que tamén favoreceu o crecemento das viñas e da vexetación acompañante, e con el a falta de ventilación na contorna das plantas. De feito, nas últimas xornadas, a concentración diaria de esporas na nosa viña de Areeiro cambiou de xeito significativo, pasando de menos 10/m3 a máis de 200.

Con esta situación, o lóxico sería atopar abundantes síntomas da enfermidade nos predios, pero o máis frecuente que observamos na nosa revisión desta semana ás viñas foi a práctica ausencia de síntomas, o que indica que os tratamentos que se realizan están contendo ben as infeccións. Mesmo a parcela do Rosal á que nos referiramos a semana anterior que presentaba síntomas tamén en acio, amosaba un aspecto moi bo, sen avance nos danos, e coas follas e acios afectados practicamente curados. Neste predio en concreto, aparte dun tratamento, fíxose tamén unha moi necesaria poda de redución da vexetación, fundamental nas viñas moi vigorosas. Con todo, aínda observamos algún acio afectado pegado a algunhas das vigas que forman o emparrado, o que unha vez máis incide na importancia de realizar aplicacións coidadosas.

Para os próximos días, a maioría das axencias meteorolóxicas consultadas anuncian tempo anticiclónico, con moita calor (mesmo alcanzándose temperaturas por riba dos 30ºC) e con ventos de dirección norte, que non favorecen ao patóxeno. Porén, algunhas (as menos) anuncian certa precipitación para metade da semana. Entón, de suceder o primeiro, en principio poderase ampliar o intervalo entre tratamentos pero sempre mantendo a vixilancia e garantindo a aireación dos acios mediante as labores agronómicas recomendadas (esfollas,  podas en verde, desnetados e roza da vexetación do solo). De ocorrer o segundo (choiva a metade da semana) haberá que renovar o tratamento antes ou inmediatamente despois do episodio, polo menos se está finalizada (ou próxima a facelo) a protección teórica da intervención anterior.

Oídio

Seguimos sen atopar síntomas da enfermidade en albariño, pero tanto pola fenoloxía da viña coma polas condicións climatolóxicas aconsellamos incrementar a vixilancia.

Black rot

Malia ter habido unha climatoloxía favorable, na revisión desta semana non atopamos maior presenza de síntomas, tampouco nas plantas abandonadas onde xa apareceran. Amais disto, as condicións climatolóxicas maioritariamente previstas para os vindeiros días non lle serán favorables ao fungo. Manter a vixilancia, pero se finalmente se producen as choivas que anuncian algunhas axencias, elixan funxicidas con efecto fronte a este outro fungo para os potenciais tratamentos fronte ao mildio.

Outras incidencias

Nesta semana vimos puntualmente novos glomérulos das larvas da primeira xeración de Lobesia botrana, e non en todos os predios. Amais, xa só nalgunhas viñas se recolleron adultos nas trampas polo que está a finalizar o voo da primeira xeración. Canto a outras cuestións a destacar, nas parcelas con plantas vellas e problemas de enfermidades de madeira observamos igualmente algunha sintomática máis, e sen dúbida o estrés que van sufrir as plantas coa calor prevista favorecerá que aparezan en maior número.

MACEIRA

Moteado

Despois da climatoloxía cálida e húmida que tivemos, as plantas que non estean protexidas por tratamento, sobre todo aquelas de variedades sensibles ao fungo, precisarán unha intervención para evitar que o patóxeno afecte aos froitos.

Avelaíña da mazá

Nesta semana só tivemos unha captura na trampa que temos instalada en Areeiro, onde as maceiras non recibiron tratamento algún. Pero, como xa sabemos, a presenza de praga pode variar moito mesmo en zonas próximas, de onde a conveniencia de dispor de trampas como método de seguimento para saber cando intervir e así reducir os danos potenciais ás mazás.

BUXO

Cydalima perspectalis

Unha semana máis non recollemos adultos nas trampas pero volvemos atopar unha posta na mesma sebe que a semana anterior. O mesmo pode estar sucedendo noutras zonas e é de esperar que coa mellora na climatoloxía se incremente a actividade do insecto. Incrementar a la vixilancia.

PATACA E OUTRAS PLANTAS HORTÍCOLAS

Mildio e outros patóxenos

Tras as precipitacións que caeron ao longo da semana (que incluso superaron os 50 l/m2 nalgunhas zonas) e co aumento da insolación, xerarase arredor das plantas un ambiente húmido debido á evaporación que pode dar lugar á reactivación do inóculo de mildio e outros patóxenos, polo que convén aplicar o antes posible un tratamento.