INFORMACIÓN FITOSANITARIA 26 de abril

VIÑA

Mildiu

 

Estamos facendo hoxe a nosa revisión semanal ás viñas. De momento só revisamos as da comarca do Rosal, onde topamos a primeira mancha en dúas parcelas. Tamén dous técnicos do Salnés nos informaron da mesma situación nesa zona.

Con toda probabilidade as manchas apareceron a consecuencia dunhas temperaturas nocturnas máis elevadas das previstas, en especial as noites do 24 e esta última, cando as mínimas roldaron os 11o C, o que supón que, xunto cunha elevada humidade ambiental, haxa condicións de infección. É necesario tratar.

Lembren que nestes momentos, co escaso desenvolvemento da vexetación, é mellor facer a aplicación con pistola, cando menos nas parras, co fin de evitar perdas do caldo fitosanitario fóra da zona a protexer, e tamén reducir o volume aplicado.
Amais, lembren tamén que, cos produtos que se soen empregar ao inicio da campaña, pódese tratar nos momentos de claros entre dous períodos de precipitación, sempre que dea tempo a secar a viña e que teña pasado polo menos unha hora entre a intervención e novas choivas.