Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 19 de agosto

VIÑA

Estado fenolóxico: M2 (85 da codificación BBCH)
202208517_En xeral os acios de albariño presentan bo estado

As precipitacións rexistradas os días 15 e 16 en todas as comarcas vitivinícolas, e máis o día 17 nalgunha delas, tiveron escasa contía, en xeral comprendida entre 4-5 e 10-11 l/m2 segundo os rexistros das estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia. Canto ás temperaturas, as diúrnas foron máis suaves e as nocturnas en xeral tamén, aínda que nalgunhas zonas aínda se manteñen en valores elevados, da orde de 16-17ºC.

A fenoloxía da viña continúa evolucionando sen problema, coa uva en xeral en bo estado sanitario, e aproximándose ao momento da vendima. Con todo, nas mostras de uva que tomamos a modo de referencia nas parcelas da nosa rede habitual o grao alcólico obtido esta semana situouse entre 8,73 en sendas viñas de O Rosal e O Salnés, respectivamente, e 9,99 nunha viña de O Condado.

Mildio

Observamos esta semana moi poucos síntomas nos brotes terminais, incluso nas plantas de viñas que levan máis de 1 mes sen intervencións ou que mantemos sen tratamentos en toda a campaña. Esta foi a situación observada na revisión que fixemos o día 17, malia que desde o 12 houbo condicións de infección secundaria todos os días e mesmo as precipitacións que se produciron nos días anteriores á revisión, que xeraron máis condicións favorables ao patóxeno. Porén, os ventos do norte que se están a producir e o tempo estable que prognostican para os próximos días as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, farán que siga sendo improbable a aparición de novos síntomas. Tamén a presenza de esporanxios/m3 no captador de esporas que temos nas plantas testemuña de Areeiro foi, entre a data de emisión do boletín anterior e o día da revisión, moi baixa salvo os días 12 e, sobre todo, 15.

Esporanxios/m3

Con esta situación, os ventos do norte que se están a producir e o tempo estable que prognostican para os próximos días as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, farán que siga sendo improbable a aparición de novos síntomas.

 

Oídio

Os síntomas do fungo que observaramos nas plantas testemuña a semana anterior non evolucionaron desde entón, nin sequera nos órganos máis sensibles nestes momentos (follas tenras, pampos e rebuscos). Aínda así, nun predio vimos unhas uvas rachadas por efecto do patóxeno a consecuencia da auga absorbida polas precipitacións dos días pasados, pero foi un feito illado.

Botrite

A pesar de producirse algunhas precipitacións, na maioría dos casos foron lixeiras e non suficientes como para manter durante tempo a humidade na vexetación, polo que non se esperan danos de importancia, máis considerando que para os próximos días anúnciase tempo estable, seco. Con todo, si observamos os primeiros síntomas do fungo sobre un gran rachado, pero sen maior incidencia.

Nestes momentos fálase de diferentes datas estimadas de vendima segundo as zonas, variedades e/ou predios: desde persoas que estiman comezar entre finais de agosto-inicios de setembro ata outras que pensan en datas máis habituais como é na contorna da semana do día 12 de setembro. Como dixemos, é pouco probable que aparezan danos importantes por esta ou outras podremias da uva debido a que a curto-medio prazo non se esperan episodios de humidade elevada. En calquera caso, lembramos que hai funxicidas antibotríticos con 14 días de prazo de seguridade e tamén outros naturais que non o teñen ou só teñen 1 día.

Avelaíñas do acio

Esta semana xa recollemos machos de Lobesia botrana en todas as trampas que temos instaladas, en número bastante elevado (ata 72) nunha situada nunha das viñas de O Condado. Tamén se incrementou o número de perforacións das eirugas nos acios, aínda que sen acadar os limiares que xustificarían unha intervención, polo menos de momento. Seguiremos a evolución a próxima semana para determinar si hai que actuar.

Cicadelidos

No conxunto de trampas que temos instalado, só recollemos esta semana 3 adultos de Scaphoideus titanus na viña abandonada da zona de Goián (O Rosal). Tamén temos novos resultados das análises para a detección da flavescencia, e tamén foron negativos (ausencia do fitoplasma). Dos outros cicadelidos coma o mosquito verde tivemos un lixeiro incremento de capturas, pero sen chegar nin moito menos ao limiar de tolerancia.

Trips

Nas viñas que revisamos habitualmente non houbo cambios destacables canto aos síntomas que observaramos, e tampouco os observamos nos predios que visitamos ao azar esta semana. Lembren que si fora preciso aplicar puntualmente un tratamento, no Registro de Productos Fitosanitarios hai un insecticida natural a base do fungo entomopatóxeno Beauveria bassiana autorizado para o seu control que non ten prazo de seguridade.

Ácaros

Non notamos cambios na presenza de síntomas de acariose na viña da nosa rede onde a observaramos, e nas mostras recollidas seguimos observando ácaros beneficiosos fitoseidos.

Outras incidencias

Malia terse producido certa precipitación esta semana, as condicións de estrés que están a sufrir as plantas co tempo seco, favorece, como sabemos, a manifestación de síntomas de patoloxías de madeira e cores das follas típicos do estrés hídrico. Amais, a forte insolación fai que se manifesten de xeito máis notorio os golpes de sol nas uvas. Por último, xa vimos os primeiros acios en fase de maduración afectados por paxaros.

BUXO

Bolboreta do buxo

Nas revisións desta semana atopamos algunhas postas con diferente grao de evolución e tamén observamos as primeiras eirugas e síntomas da nova xeración de Cydalima perspectalis, de momento moi puntuais e non en todas as zonas. 

Se teñen a oportunidade de controlar o estado das súas sebes, deben facelo; do contrario, xa se pode iniciar os tratamentos, en especial nas comarcas máis cálidas porque, como ben é sabido, esta praga causa serios danos.

PIÑEIRO

Procesionaria do piñeiro

Esta semana baixou de xeito significativo o número de machos recollidos na trampa: 13 fronte aos 40 da semana anterior, co que o pico de voo tivo lugar fai sete días. Tendo en conta a data das primeiras capturas, estarán próximas a nacer as primeiras eirugas, se non o fixeron xa (nós non as atopamos de momento nas revisións).