INFORMACIÓN FITOSANITARIA 15 de xullo

VIÑA

Estado fenolóxico: L (77-79 da codificación BBCH)

Mildio

Semana complicada no referente a este patóxeno pois, aínda que pareza imposible polas altísimas temperaturas diúrnas, tivo varias xornadas con condicións favorables á frutificación. É certo que, incluíndo o venres pasado, en todas as estacións meteorolóxicas consultadas da rede de MeteoGalicia se deron varios días as condicións teóricas para esgotar a capacidade dos esporanxios para xerminar (máis de 5 horas con temperaturas superiores a 30ºC), pero tamén é certo que nas horas nocturnas a calor foi e é excesiva, e que nos primeiros días do período houbo estas temperaturas xunto cunha humidade relativa moi alta e/ou varias horas de humidade foliar. A estas condicións hai que sumar os chuvascos que caeron localmente, ou as néboas densas que nas primeiras horas apareceron en zonas propensas. Por estes motivos, se ben esperabamos unha situación tranquila, a verdade é que atopamos todo tipo de situacións na revisión desta semana ás parcelas da nosa rede habitual e a outras que visitamos, e do mesmo nos informaron algúns técnicos.

Así, hai viñas que levaban case 21 días sen tratamento coa práctica totalidade de acios sas, pero tamén nalgunhas parcelas coas mesmas tres semanas sen tratar apareceron acios con mildio larvado, o mesmo que nalgúns predios cunha protección tan recente coma de 7 días.

A nivel das follas, algunhas viñas presentaban manchas bastante recentes (frutificadas ou non) nos gromos terminais e outras gromos sas, sen relación directa co tempo transcorrido desde a intervención anterior.

Tamén nas plantas testemuña que levan sen tratar toda a campaña notamos nesta semana unha defoliación bastante acusada nas follas atacadas que tamén temos que relacionar co estrés das plantas ante estas temperaturas tan altas.

Ademais, tamén esta semana volvemos ter un número elevadísimo de chamadas de persoas que nos demandaban asesoramento debido á aparición de síntomas notorios nos seus predios.

Debido ao dificultoso de controlar o mildio larvado, e considerando que onte xoves día 14 houbo treboadas nalgunhas comarcas e que para luns e/ou martes da próxima semana prevese certa precipitación, aconsellamos renovar os tratamentos fronte a esta enfermidade utilizando un funxicida de acción penetrante ou de fixación ás ceras cuticulares. Se aínda está recente a anterior aplicación antimildio, o tratamento pode facerse inmediatamente despois das choivas e xa cun funxicida cúprico.

Oídio

Se ben se podía esperar a aparición de síntomas desta enfermidade por haber condicións favorables, a realidade é que de todas as viñas revisadas esta semana, só en dúas atopamos algún acio moi disperso afectado, o que,do mesmo xeito que o observado no caso do mildio, indica a importancia de facer revisións ás viñas para unha adecuada xestión do cultivo, aínda que as condicións ambientais (ou os modelos matemáticos) suxiran que non son necesarias. Canto á sintomatoloxía en folla, só a atopamos no caso das plantas testemuña.

A partir de agora a sensibilidade dos acios a este patóxeno irá diminuíndo, pero aínda poden ser afectados, causando perdas directas (endurecemento e rachado dos grans) e indirectas (entrada de botrite). Por este motivo aconsellamos renovar os tratamentos, pero non con xofre debido a que a maioría das previsións meteorolóxicas seguen dando temperaturas moi elevadas.

Black rot

Esta semana non observamos avance algún nos síntomas deste patóxeno, que pode seguir afectando á uva ata o pintado. Por iso mantemos a recomendación da semana anterior: vixilancia, sobre todo nas viñas onde xa teña habido danos na uva e/ou naquelas que estean próximas a viñas abandonadas afectadas e, especialmente neste tipo de casos, aplicar funxicidas antimildio e/ou antioidio con efectos fronte a este outro fungo.

Avelaíñas do acio

Esta semana as capturas nas trampas que temos instaladas foron moi baixas (1-2 machos e 10 no caso dunha delas) ou inexistentes. Tampouco observamos síntoma algún da actividade deste insecto, é dicir, nin ovos nin perforacións larvarias. Manter a vixilancia.

Cicadélidos

Esta semana xa observamos un maior número de adultos e ninfas de Empoasca vitis (mosquito verde), pero as cifras aínda están moi lonxe dos limiares de tratamento.

Outras incidencias

Neste caso, e coma era previsible, si observamos maior número de plantas coa sintomatoloxía típica das enfermidades de madeira, ao igual que vides con síntomas de estrés hídrico nos terreos máis areosos.

Amais, as esfollas excesivas e sen criterio lóxico que se practicaron sobre algunhas plantas están provocando que os acios máis expostos empecen a manifestar golpes de sol, feito que tamén se pode apreciar nalgúns das plantas menos vigorosas.

BUXO

Bolboreta do buxo

No caso desta praga temos que falar de diferentes niveis de incidencia segundo os buxos/sebes afectados: mentres nas plantas que temos en Areeiro e tamén nalgunhas outras que observamos na cidade de Pontevedra aínda se observa un ataque inicial de eirugas L1 (nas sebes de Areeiro tamén hai L2), dúas persoas nos informaron xa de graves danos nas súas plantas. Polo tanto, revisen cal é a súa situación para tratar de inmediato ou non.

NOGUEIRA

Mosca da casca verde da noz

Esta semana capturamos o primeiro adulto desta mosca (cuxas larvas ennegrecen as noces e provocan a súa caída prermatura) nunha das trampas de feromonas que temos instaladas en Areeiro. Lembramos que este tipo de trampas serve para detectar a presenza desta praga, o cal xa reduce as poboacións, pero é moi importante retirar os froitos que caian prematuramente no solo para evitar que as larvas se enterren para poder transformarse en novos adultos.