INFORMACIÓN FITOSANITARIA 20 de maio
Esta semana as temperaturas medias mantivéronse, en xeral, entre 16 e 20ºC. Esta circunstancia, unida á presenza dunha humidade relativa bastante elevada, provocou un avance significativo da fenoloxía das vides, de xeito que en todos os predios de todas as comarcas hai algunhas plantas de albariño en floración. Tamén observamos un incremento notorio no desenvolvemento vexetativo.
VIÑA
Mildio
Na información fitosanitaria anterior (publicada o 13 de maio) falabamos das condicións de humidade e temperaturas mínimas altas que se estaban a producir desde o día 10, que eran favorables ao patóxeno pero que aínda non tiveran o seu reflexo nas plantas. Pois ben, na revisión desta semana (día 18) ás parcelas da nosa rede e a outras que fomos visitando nos nosos percorridos, observamos como había algunha mancha nova, zona de avance nas poucas manchas antigas existentes, unha frutificación moi notoria e tamén os primeiros acios afectados. En todos os casos os síntomas non eran alarmantes e non chegaban ao 1% de follas; tampouco os acios afectados apareceron en todas as parcelas e a súa presenza no global observado non acadaba o 0,2% fronte ao total.
Tamén nas plantas abandonadas de variedades pouco sensibles que atopamos nos bordos das rúas e camiños, ata agora limpas de enfermidade, apareceron manchas esta semana, e igualmente en variedades tintas que non soen ter síntomas.
Con todo, as consecuencias das infeccións xeradas pola climatoloxía pasada aínda terán que manifestarse nos próximos días e ser especialmente visibles nas plantas testemuña sen tratamentos, que de momento están practicamente limpas na nosa viña de Areeiro.
O prognóstico meteorolóxico para as xornadas vindeiras fala de condicións, a priori, favorables á enfermidade ao preverse certa precipitación, tronadas algúns días e temperaturas altas para a época do ano, especialmente as mínimas, sobre todo a fin de semana e nos comezos da semana anterior. Por todo o mencionado, e tendo en conta tamén que a floración é un período especialmente sensible para as viñas, é preciso revisar moi ben as viñas (aínda que se atopen protexidas, na teoría, por unha intervención anterior), e renovar os tratamentos si se detecta a aparición de síntomas recentes, salvo aquelas persoas que o teñan feito xa.
Oídio
Non topamos aínda os primeiros síntomas desta enfermidade malia que nas nosas viñas aínda non demos tratamento antioídio algún e que as condicións climatolóxicas están a ser bastante favorables. Con todo, e dado que polas boas prácticas fitosanitarias é mellor non mesturar diferentes produtos na mesma aplicación, de momento só seguimos aconsellando incrementar a vixilancia.
Black rot
Tal e como estaba previsto, debido á climatoloxía púidose apreciar esta semana unha maior incidencia de síntomas desta enfermidade, que xa apareceu (timidamente de momento) nalgunhas viñas sometidas a tratamentos de case todas as comarcas. Como dixemos a semana anterior, non hai produtos específicos fronte ao fungo responsable desta enfermidade, pero si antimildios e antioídios capaces de conter tamén a este outro patóxeno.
Outras incidencias
Ao marxe dos caracois que volveron aparecer en moitas viñas, e que continúan a alimentarse dalgunhas follas, e dalgunhas plantas manifestando síntomas de enfermidades de madeira (que poden sanearse EN TEMPO SECO, sen agardar ao momento da poda), esta semana atopamos os primeiros síntomas de altica na nosa viña de Areeiro. Amais, aínda que nalgunhas ocasións pensabamos que apareceran os primeiros glomérulos (niños da primeira xeración das avelaíñas do acio), en realidade en todos os casos observados eran agrupacións de botóns florais debidas simplemente ás precipitacións.