INFORMACIÓN FITOSANITARIA 6 de maio

VIÑA

Mildio

Tras a detección, a pasada semana, da primeira mancha de aceite en todas as nosas parcelas de seguimento e nas demais viñas que revisamos, e os subseguintes tratamentos realizados, en ningún caso observamos novos síntomas, e os que apareceran están curados ou en fase de curación.

 

De feito, non apareceron sequera nas dúas viñas da nosa rede nas que se aplican só produtos ecolóxicos nin nas plantas testemuña sen tratamento. Ata certo punto é lóxico, pois malia haber algún día condicións favorables ás infeccións, o tempo seco e con ventos do norte que tivemos no resto dos días non foron propicios. Esta situación loxicamente reflectiuse tamén nas capturas de esporanxios que tivemos na nosa viña de Areeiro que, como se pode observar na gráfica, permanecen moi baixas.

Concentración diaria de esporanxios

 

A día de hoxe (6 de maio), as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian o mantemento da climatoloxía seca, e moi cálida, durante o día, temperaturas nocturnas normais para a época do ano e ventos de dirección variable aínda que predominando do oeste. De cumprise estas previsións, non será preciso renovar os tratamentos salvo que a situación concreta dalgunha viña faga que as plantas se manteñan húmidas durante horas polo orballo da noite, en cuxo caso será necesario vixiar a posible detección de novas manchas.

Black rot

Esta semana atopamos os primeiros síntomas deste patóxeno nunha folla das plantas abandonadas da comarca de O Condado que sempre sufre a enfermidade. Amais, tamén un colaborador da zona luguesa da Ribeira Sacra nos informou da mesma circunstancia. Segundo estes datos, de momento a situación parece ser moi esporádica pero hai que iniciar a vixilancia, novamente con máis intensidade nas viñas máis húmidas.

Primeiros sintomas black rot vina abandoada

Outras incidencias

Seguimos atopando síntomas de erinose (que non hai que tratar) e, nalgúns predios, tamén permanecen os ataques de caracois. Amais, nalgunhas viñas xa observamos plantas con síntomas de alteracións de madeira e, naquelas moi ventiladas produciuse a rotura de pampos a consecuencia dos ventos que se rexistraron.

MACEIRA

Oídio

Nesta semana vimos os primeiros síntomas, pero unicamente en brotes illados.

20220506 Oidio en maceira

 

Cydia pomonella (avelaíña da maceira)

Nesta semana superouse o limiar de tratamento, por capturas nas trampas de feromonas (2-3 adultos/trampa), nas plantas que temos en Areeiro. En calquera caso, todos os anos insistimos en que a presenza desta praga pode variar duns predios a outros aínda que estean próximos, e por iso é recomendable  a instalación de trampas para actuar en cada caso segundo as capturas que se teñan (do contrario habería que ter as plantas protexidas permanentemente).

Instalación da trampa delta na maceira ao inicio da campañaPrimeiras capturas Cydia maceira

 

KIWI

Bacterioses

Malia estar o tempo seco, as plantas están cos botóns florais, e este é un estado fenolóxico que hai protexer destas enfermidades tan frecuentes nas zonas, coma a nosa, de influencia atlántica. A protección é obrigada se o tempo é húmido pero, aínda sen precipitacións,  tamén é conveniente tratar nos predios onde sempre hai problemas.

FOTOS: Pseudomonas syringae, síntomas nos botóns florais FOTOS: Pseudomonas syringae, síntomas nos botóns florais

BUXO

Cydalima perspectalis

Nas plantas que controlamos habitualmente aínda quedan eirugas ben desenvolvidas, pero é de esperar que co mantemento das temperaturas en valores altos evolucionen a crisálides  ou mesmo, onde xa as haxa, pasen ao estado adulto, polo que convén ir instalando as trampas de feromonas se non o fixeron aínda. 

20220506 Eiruga desenvolvida de Cydalima perspectalis

 

VARIOS CULTIVOS

Pulgones y otros insectos chupadores

A existencia de brotes ternos en moitos cultivos e a climatoloxía destes días está a favorecer a aparición de diferentes insectos chupadores en moitas plantas. Cando unicamente afectan a uns poucos gromos, a retirada destes gromos é unha boa medida para retrasar potenciais aplicacións de tratamentos.