Affichage de contenus web

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 03 de xuño

VIÑA

Estado fenolóxico: I - J (60 a 69 da codificación BBCH)
Acio mais desenvolvido

Na maioría das viñas está a concluír a floración e os acios están cos grans nas primeiras fases da súa formación e cos capuchóns florais aínda pendurados ou xa desprendidos. Porén, coma todos os anos, hai algúns predios moi solleiros onde o desenvolvemento dos grans é bastante máis notorio e mesmo algúns acios están xa en grans tamaño perdigón.

Mildio

Esta semana publicamos un aviso fitosanitario o pasado luns (30 de maio) ante a alarma de moitas persoas que falaban da aparición de manchas de aceite abundantes nos seus predios. Pois ben, nas revisións que fixemos o día 1 ás parcelas da nosa rede e a outras viñas nas que paramos nos nosos percorridos, atopamos unha situación máis tranquila da prevista: si é certo que en case todas as viñas atopamos algunha mancha nova ou zona de avance nas antigas pero en absoluto en niveis alarmantes. Mesmo nunha viña da nosa rede habitual tratada en ecolóxico pero perfectamente mantida a nivel de labores culturais unicamente atopamos unha mancha.

Con todo, nun predio de O Rosal observamos unha maior presenza de síntomas, e nesa viña en concreto había danos en acio que afectaban ao 5% do conxunto. Dáse a circunstancia de que nese predio o desenvolvemento da vexetación é excesivo e a súa situación bastante pechada, co que é complicado que teña ventilación.

A día de hoxe, e grazas aos períodos sen choiva que houbo case todas as xornadas, a maioría das viñas xa estarán protexidas por un novo tratamento , pero dada a recorrencia de condicións favorables á enfermidade desde hai semanas que provocan ciclos constantes e solapados de infección, non debe sorprender que continúen aparecendo novas manchas. De aí que a nosa recomendación para esta semana sexa realizar todas as labores de cultivo (podas en verde, desnetados, roza da vexetación do solo) que leven a garantir a mellor aireación posible a nivel das viñas e consecuentemente a reducir un risco de infección aínda importante .

Oídio

Na revisión desta semana non atopamos síntomas desta enfermidade. Con todo, despois deste período de precipitacións e dada a fenoloxía da viña, é de esperar que non tarden en aparecer os primeiros en albariño.

Black rot

Atopamos esta semana unha presenza máis frecuente de síntomas en folla, en especial naqueles predios próximos a plantas abandonadas tamén sintomáticas. No acio aínda non observamos indicios do patóxeno, nin sequera nesas plantas abandonadas, aínda que hai que estar ben alerta porque entramos no período de maior sensibilidade ao fungo.

Outras incidencias

Malia ter apenas capturas nas trampas de feromonas (foron 2 os machos recollidos nas trampas que máis individuos capturaron) incrementouse o número de glomérulos (niños da primeira xeración) das avelaíñas do acio. Por outra banda, nun predio de O Rosal apareceron varias follas coas bugallas características do díptero Janetiella oenophila que, aínda que ben aparentes, non causan danos.

MACEIRA

Avelaíña da mazá

Despois de non ter recollido ningún adulto nas semanas anteriores na trampa que temos instalada no pomar de Areeiro (sen tratamento algún), nesta tivemos 3 capturas, co que se acada o limiar de tratamento.

BUXO

Cydalima perspectalis

Malia non ter recollido ningún adulto na trampa de feromonas, nunha sebe de Areeiro atopamos as primeiras postas da bolboreta, que están a punto de eclosionar, co que é preciso incrementar a vixilancia.

DIVERSAS FRONDOSAS

Diferentes especies de crisomélidos

Nas árbores de ribeira dalgúns ríos comezan a ser notorios os síntomas típicos da alimentación destes insectos, que no estado adulto soen ser pequenos e ter cores metálicas. De lonxe, cando o ataque é intenso, as árbores teñen un aspecto seco que fai pensar en que pode tratarse doutros axentes causais (coma Phytophthora sp.). Porén, ao aproximarse é posible ver o dano característicos que se amosa nas imaxes de abaixo