INFORMACIÓN FITOSANITARIA 08 de xullo

VIÑA

Estado fenolóxico: K - L [(75)-77-79 da codificación BBCH]

Mildio

Na semana transcorrida desde a información anterior, a climatoloxía foi, salvando a precipitación do domingo, estable e mesmo nas últimas xornadas extremadamente calorosa. Tamén houbo vento e menos horas de humidade foliar ou ningunha, malia que as temperaturas mínimas seguen elevadas, en especial desde hai 2 días.

Esta climatoloxía, os tratamentos que se viñeron efectuando e as labores culturais de poda en verde e esfollas que se están a facer en case todas as viñas contribuíron a que en ningunha das plantas tratadas das parcelas da nosa rede e doutras que imos observando apareceran acios con mildio viable, aínda que os danos nalgúns predios son importantes.

Pola súa banda, nas plantas testemuña sen tratar e naquelas abandonadas de diferentes variedades si vimos algúns acios novos atacados, e mildio coa frutificación viable nos acios dos netos, que teñen menor diámetro de uva. A nivel da folla, é certo que nos predios menos aireados, peor expostos e con máis tempo transcorrido desde o tratamento anterior observamos manchas novas nalgunhas follas dos brotes en crecemento que, polo menos nas viñas da nosa rede é normal, debido ao uso de funxicidas de acción penetrante nas últimas aplicacións.

A chegada do aire cálido do norte de Africa que xa empezamos a sufrir será, ao fin, desfavorable ao patóxeno porque conforme suben as temperaturas por riba dos 30ºC e se manteñen certo tempo os esporanxios perden a súa capacidade para infectar.

Exemplo temperaturas máximas 07/07/2022 (Fonte: MeteoGalicia)

Comarca

Estación

Nº horas T>30ºC

Tª max. >30ºC

Condado

Cequeliños

8

33,68

Meder

8

34,66

Pontevedra

Lourizan

7

33,87

Campolongo

8

34,31

Rosal

Areas

7

34,13

As Eiras

8

34,31

Salnés

Barrantes

6

31,92

Simes

6

31,83

Torrequintáns

6

32,19

Tremoedo

5

31,37

Soutomaior

Soutomaior

9

34,81

Amais, as previsións actuais son que este episodio caloroso dure aínda varios días e mesmo que se cheguen a acadar valores na contorna dos 40ºC, polo que é pouco probable que haxa novas contaminacións. Con este escenario, en principio non será preciso renovar os tratamentos nos próximos días pero si vixiar as viñas, especialmente aquelas que tiveran tido un ataque moderado de mildio ou aquelas que teñan próxima a data de finalización do período de protección do tratamento anterior, e tamén se localmente se producen treboadas ou hai humidade foliar nocturna, porque os valores mínimos de temperatura previstos son moi altos, mesmo superiores a 20ºC.

Se o tempo se mantén cálido e estable poden ir aproveitando para retirar, á vez que fan as esfollas, as partes dos acios afectadas por mildio larvado para evitar que se estenda o dano e facilitar tamén a futura vendima

20220706_Conviria ir eliminando partes afectadas mildio

Oídio

O tempo tan cálido que estamos a ter e que aínda se acentuará na próxima semana é compatible co desenvolvemento deste patóxeno, tremendamente complicado de controlar unha  vez se instala nunha viña. Por este motivo, hai que estar moi alertas ante a potencial aparición de novos síntomas, e máis se tamén está próximo a concluír o tempo de cobertura teórica da aplicación anterior, se as variedades de viña dos seus predios son especialmente sensibles ao fungo e se por calquera circunstancia hai humidade elevada e os acios están sombreados. En caso de que precisen tratar lembren que o xofre non se pode botar coas temperaturas previstas por ser fitotóxico nesas condicións, co que deben elixir outro tipo de funxicida antioídio.

Black rot

Como vimos dicindo desde hai semanas, o fungo causante desta enfermidade ten uns requirimentos climatolóxicos similares aos do causante do mildio. Por iso, segundo as previsións meteorolóxicas actuais o tempo das próximas xornadas tampouco favorecerá as infeccións. Con todo, aínda hai que manter a vixilancia, sobre todo nas viñas onde xa teña habido danos na uva e/ou naquelas que estean próximas a viñas abandonadas afectadas porque ata o pintado as plantas son sensibles a esta enfermidade.

Avelaíñas do acio

Na información fitosanitaria anterior comentabamos que subira o número de capturas de machos da segunda xeración de Lobesia botrana nas trampas de feromonas que tiñamos instaladas, con cifras comprendidas entre os 7-13 e os 50-71, e que probablemente na presente sería o momento idóneo de aplicar un tratamento segundo as directrices do control integrado sempre que tamén se superase o limiar de tratamentos por presenza de síntomas nas uvas. Pois, efectivamente, a primeira das condicións deuse totalmente, pois o número de insectos recollidos baixou a valores mínimos (de 1-2 a 15-17 na maioría de trampas). Porén, non se cumpriu a segunda condición, presenza de síntomas nas uvas, pois en toda a mostraxe realizada non atopamos ovo algún e por suposto tampouco penetracións larvarias. Por iso, e de darse os rexistros tan elevados de temperatura que se prevén, que non resultan favorables, non será preciso a curto prazo realizar  un tratamento.

Cicadélidos

Esta semana aumentou lixeiramente o número de cicadélidos distintos de Empoasca vitis (mosquito verde), recollidos nas trampas. Canto ao número de ninfas atopado nos recontos ás follas, seguen  a ser moi baixos, anecdóticos.

Outras incidencias

A elevación de temperaturas que estamos a ter xa produciu un estrés nas plantas que se manifesta na aparición de síntomas típicos de alteracións de madeira. Cos rexistros aínda máis altos que se esperan para as seguintes xornadas, sen dúbida serán máis as cepas que aparezan coa sintomatoloxía característica destas e doutras alteracións bióticas e abióticas.

BUXO

Bolboreta do buxo

Na revisión desta semana a diferentes sebes da provincia vimos algunhas totalmente sas e sen síntoma algún, outras nas que están aparecendo os primeiros síntomas e mesmo observamos unha cun ataque máis importante que xa require tratamento. Por este motivo, e dada a diversidade de situacións descritas, débense revisar as plantas con atención co obxectivo de evitar os graves danos que poden causar as voraces eirugas desta especie.