INFORMACIÓN FITOSANITARIA 23 de xullo 2026

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.

Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

Viña

Estado fenolóxico: E.F.: (L)-M1 Baggiolini; (79)- 81 a 83 BBCH

Nas revisións desta semana a diferentes viñas, tanto da nosa rede habitual coma das que nos imos detendo nos nosos percorridos, si observamos xa un inicio do pintado xeral en todas as variedades. Este estado fenolóxico apreciamos que estaba máis estendido, e mesmo acadaba xa nalgúns acios o pleno pintado (baias brillantes e abrandamento das baias) nas comarcas do sur da provincia, pero tamén no Salnés aparecía en todos os predios.

20260721pintado_en_acios_albarino_salnes 20260722pintado_en_acio_albarino_condado 20260722inicio_pintado_en_treixadura_rosal

Destes datos e das previsións dos diferentes modelos meteorolóxicos, que prevén no momento da redacción deste Boletín (mañá do xoves 23 de xullo) temperaturas medio-altas a curto prazo e altas-moi altas ata polo menos metade da semana, semella que se poden manter os prazos estimados de vendima (polos 40 días tras o pintado e os 10-15 días de duración deste), no sentido de que dea comezo a finais de agosto e se faga xeral a primeiros de setembro.

Mildio

A climatoloxía desta semana volveu caracterizarse por condicións cálidas ou relativamente cálidas e humidade elevada en xeral (algo menos alta en Condado). Canto ás temperaturas, sendo certo que as máximas non foron, falando de xeito conxunto, excesivamente altas ao predominar os rexistros comprendidos entre os 25 e os 29 ºC, si o foron as mínimas, que incluso chegaron a acadar os 19-20 ºC. Canto á humidade, só houbo precipitación de xeito moi local algunha xornada pero a do ambiente continuou en rexistros similares aos da semana anterior, con medias arredor do 80% e varias horas de humidade foliar falando en conxunto.

As condicións descritas, máis o maior afastamento entre intervencións fitosanitarias ou a ausencia das mesmas debido ao momento da campaña no que nos atopamos, seguiron a ser moi favorables á frutificación do patóxeno, manténdose a media de esporanxios recollidos no captador instalado nas plantas testemuña de Areeiro en case 600/m3 de aire, e na parcela tratada de Sanxenxo na contorna dos 175/m3. Así, tamén nas nosas revisións atopamos manchas de aceite novas na práctica totalidade de predios nas follas tenras e en especial nas partes máis altas das parras con plantas moi frondosas, que as diferentes aplicacións antimildio non chegan a acadar desde hai tempo.

manchas_novas_na_vexetacion_tenra 20260722aparecen_novas_manchas_en_parras_frondosas

Ademais, nesas viñas con maior frondosidade, así como noutras onde algunha/s aplicación/s foi/foron deficientemente realizada/s, volvemos observar esta semana síntomas de mildio larvado en acio, aínda que este situación non é en absoluto xeral xa que segue a predominar un excelente estado fitosanitario da uva.

20260721uvas_albarinas_sobre_todo_excelente_estado 20260722acios_de_loureira_en_excelente_estado

Descoñecemos se a situación canto a unha inadecuada xestión da vexetación das vides ou a unhas intervencións mal realizadas é coincidente, pero da detección de novos focos de larvado tamén nos informaron outros técnicos e tamén particulares de diferentes zonas da nosa provincia e tamén da Ribeira Sacra. O mildio larvado sabermos que procede, en xeral, de infeccións anteriores non ben controladas o que, polo menos nas nosas observacións, quedou ben de manifesto esta semana, pois nas plantas onde volveron os síntomas había follas das partes máis afastadas das plantas con abundantes manchas e tamén algún acio que xa secara nos comezos do período de formación da uva ou nunha fase algo posterior.

arriba_sintomas_de_infeccion_anterior_laranxa_e_de_larvado_debaixo_vermello 20260721planta_con_mildio_larvado_procedente_dunha_infeccio_anterior

Algo de mildio larvado, pero dun xeito aínda máis esporádico, tamén vimos esta semana en acios aos que pola súa situación pegada ás viguetas das parras, unida probablemente a unha velocidade de avance non adecuada nos tratamentos, os funxicidas non puideron cubrilos na súa totalidade.

20260722mildio_larvado_acios_non_ben_cubertos_tratamentos

Do mencionado ata o de agora se pode deducir a importancia, non sempre ben valorada na nosa zona, que ten realizar as intervencións fitosanitarias cuns equipos de aplicación perfectamente revisados e calibrados, comprobando sempre que a bomba manteña unha presión constante, que os filtros estean sempre limpos, que as boquillas manteñan constantemente uns fluxos de caldo uniformes e ben solapados, etc. E tamén se pode deducir a importancia de levar a cabo unha boa xestión ou manexo da frondosidade das plantas, pois o exceso de vexetación limita a chegada dos fitosanitarios aos acios, ademais de crear un ambiente moito máis favorable a este e outros patóxenos.

20260721planta_con_acios_afectados_antes_pero_aireada_e_sa_agora_por_boa_xestion_follas

Para os próximos días anúnciase certa precipitación para mañá venres 24 (e tamén para sábado 25 nalgúns modelos) aínda que os acumulados serán baixos en xeral e tempo seco e subida de temperaturas máximas con cambio na dirección do vento do oeste-suroeste a norte en adiante, co que o risco de detección de novos síntomas non desaparece completamente pero si se irá reducindo debido á fenoloxía e tamén ao cambio na meteoroloxía. Polo tanto, a nosa recomendación é manter a vixilancnia e continuar coas labores culturais de esfollado nas vides máis frondosas e, onde os haxa, de retirada de acios secos desde antigo que xa na actualidade se soltan con só tocalos, así como da eliminación dos rebuscos que estean (ou poidan ser) contaminados.

estes_acios_deben_retirarse_e_xa_caen_con_so_tocalos estes_acios_son_fontes_de_contaminacion_e_deben_ser_retirados

Oídio

Outra semana máis só observamos síntomas do patóxeno nas plantas testemuña de Areeiro, tanto en folla coma en acio ou en pampo debido á non realización de tratamentos e á situación rodeada de arboredo da parcela, e unicamente nun acio dun predio de albariño do Salnés. Co avance da fenoloxía o risco tamén irá diminuíndo, pero aínda hai que manter a vixilancia e continuar, se é preciso, coas labores culturais que favorezan a ventilación dos acios, e non só controlando a frondosidade das vides senón tamén a vexetación do solo, que nalgúns casos está novamente moi desenvolvida.

oidio_en_acio_e_pampos_planta_testemuna_areeiro 20260721oidio_en_acio_planta_tratada_salnes

Botrite

Malia rexistrarse unha humidade relativa media alta ou moi alta segundo os días, e temperaturas tamén compatibles coas infeccións, non vimos síntomas do fungo máis que nun gran dunha variedade temperá e polo tanto bastante avanzada na maduración. É máis, tampouco os observamos nos grans de calquera outra variedade que apareceron tamén esta semana cos rachos fisiolóxicos, ou na única uva que atopamos con buraco de penetración de avelaíña.

unico_gran_con_sintoma_de_botrite_en_variedade_tempera 20260722golpe_sol_en_albarino buraco_de_penetracion_de_avelaina_sen_botrite

Polas previsións meteorolóxicas, o risco de aparición de botrite será máis elevado a curto prazo pola probabilidade de choiva e os ventos húmidos do oeste, pero despois diminuirá coa chegada do aire seco do norte; polo momento do ciclo da uva, o risco irá aumentando conforme se vaian acumulando azucres nos grans e haxa por ese motivo máis danos de alimentación de aves ou insectos, ou lesións nas uvas por calquera outra razón. Ademais, sabemos que este patóxeno oportunista pode producir danos ata o último momento, e por iso hai que continuar coa vixilancia e seguir practicando, como xa dixemos repetidamente, as labores que incrementen a aireación dos acios.

Avelaíñas do acio

Do mesmo xeito ca semana anterior, e como vimos de mencionar ao falar da botrite, unicamente topamos un gran afectado nas mostraxes de acios e tamén apenas recollemos 1-2 adultos de Lobesia botrana e en só tres das trampas da nosa rede.

20260715gran_afectado_por_lobesia_e_eiruga_fora 20260715eiruga_de_lobesia_botrana_na_uva

Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada

Nas parcelas da nosa rede habitual os tratamentos insecticidas para o control desde insecto vector están a evitar que recollamos adultos nas trampas. E segundo a data da anterior aplicación terán que facer a/s seguinte/s, pois estes tratamentos obrigatorios (nas zonas demarcadas pola flavescencia) e moi aconsellados (nas limítrofes) teñen unha pauta concreta para tentar cubrir ao máximo o período ninfal e os nacementos de adultos: tras o primeiro tratamento, o seguinte darase 15 días despois e o terceiro ao mes da segunda. Con todo, a nosa recomendación é que se fagan máis intervencións das pautadas oficialmente naqueles lugares onde as poboacións de S. titanus sexan elevadas e sobre todo se hai viñas abandonadas que non se tratan. Como sabemos, estas viñas deberían ser eliminadas porque pode haber plantas que sexan focos de dispersión da enfermidade, pero na realidade as dificultades de localización da propiedade e outros inconvenientes retrasan a realización desta operación.

As que si pode eliminar cada propietario nos seus predios, como vimos dicindo nas últimas semanas, son aquelas plantas que presentan conxuntamente varios síntomas da flavescencia, pois é mellor renunciar a algunha/s planta/s que poñer en risco toda unha plantación e o conxunto da nosa viticultura, pois lembren que a flavescencia é unha enfermidade de corentena que non ten cura. Os síntomas sabemos que non son específicos desta enfermidade pero a conxunción de varios deles nunha planta implica probabilidade da súa presenza: revirado patente das follas cara o envés, follas de cor vermella nas variedades tintas e branco-amarelado nas brancas, follas máis quebradizas e dispostas unhas sobre outras, porte "chorón" dos pampos por falta de agostado, entrenós curtos, secado de acios, entre outros.

sintomas_de_flavescencia_en_variedade_tinta
grafico

As aplicacións deben realizarse mollando ben o envés das follas e, no caso de que haxa chupóns nas vides, tamén deben quedar ben cubertos, aínda que o mellor é eliminar estes brotes ladróns para evitar que as ninfas se agochen nas súas follas

Trips

Esta semana observamos nun predio do Salnés os síntomas característicos da alimentación destes insectos que, vistos de lonxe, son ata certo punto similares aos da acariose, pero que de cerca teñen certas diferencias. Ademais, a presenza de trips confirmámola no laboratorio coa revisión de mostras que recollemos.

folla_con_sintomas_de_trips punteaduras_necroticas_e_entrenos_curtos_por_trips

Neste momento da campaña os danos que pode causar este insecto son máis ben estéticos, pero en caso de situación coincidente e de querer tratar no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio hai substancias sen prazo de seguridade debido ás súas características naturais ou con prazos de 1, 7 e 14 días.

Acariose e erinose

Os síntomas nas plantas que os presentaban son máis evidentes co paso do tempo, pero a súa incidencia sobre a uva en maduración é pequena salvo casos estremos, nos que se podería intervir con xofre ou con algúns dos produtos referidos anteriormente para os trips. Pola súa banda, a erinose mantívose nos mesmos termos que nas anteriores revisións realizadas, polo menos nos predios que observamos.

cor_caracteristica_do_ataque_de_calepitrimerus_vitis_causante_da_acariose 20260714gromos_terminais_con_erinose tanta_erinose_que_sintomas_do_enves_se_observan_tamen_na_face_da_folla

Outras incidencias

Non atopamos outras diferentes das xa referidas no Boletín anterior: de orixe abiótica, concretamente golpes de sol nos acios expostos ao sol (que quizais os atoparamos con maior facilidade) e síntomas derivados do estrés hídrico en plantas débiles, ou de orixe biótica, concretamente plantas con síntomas de enfermidades de madeira (que de ser tan intensos que as plantas estean moi afectadas ou xa mortas deben ser eliminadas) ou acios con danos de alimentación por paxaros ou avespas.

20260722golpe_sol_en_albarino deben_eliminarse_plantas_que_sucumban_as_patoloxias_de_madeira 20260722danos_por_paxaros_en_uva_de_mesa

Nogueira

Mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa)

Continúa o voo desta especie, cuxas larvas destrúen a casca verde da noz, que podrece e seca, diminuíndo o rendemento e a calidade das noces. Para o seu control, poden empregar trampas de feromonas e eliminar tamén os froitos caídos ao chan para evitar que as larvas se enterren para pupar.

varias_moscas_da_casca_verde_da_noz_capturadas_en_trampa detalle_da_mosca_da_casca_verde_da_noz

Buxo

Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis

Nas revisións desta semana volvemos notar un incremento na intensidade dos síntomas en varias sebes pero só no caso dunha planta de Buxus sempervirens suffruticosa, máis sensible aos ataques, facían aconsellable unha intervención. Incrementar a vixilancia e tratar en caso de que o avance da defoliación o faga necesario para evitar que a planta sufra ou mesmo chegue a morrer.

20260720lixeiro_incremento_nos_sintomas_pero_non_alarmante 20260720detalle_de_sintoma_nun_gromo_verde 20260722sintoma_en_buxus_suffruticosa