INFORMACIÓN FITOSANITARIA 01 de xullo

VIÑA

Estado fenolóxico: K (75-77 da codificación BBCH)
Condicions ambientais favorecen xa primeiros acios pechados

Se a semana pasada comentabamos que había acios no estado grans tamaño chícharo, as condicións de inestabilidade que se mantiveron durante parte da semana, confluíndo temperaturas suaves con humidade elevada, seguiu a favorecer o desenvolvemento das plantas e, aínda que o estado dominante é o de grans tamaño chícharo xa se observan acios pechados, en especial nas viñas máis solleiras e con bo solo.

Mildio

A climatoloxía dos días pasados mantívose, en xeral, algo inestable, do mesmo xeito que practicamente todo o mes de xuño. Diferiu fronte ás semanas anteriores en que se produciu un descenso notorio nas temperaturas mínimas diarias que nalgunhas comarcas estiveron mesmo por debaixo dos 10ºC, feito que non é favorable ao patóxeno, pero houbo precipitacións, moitas horas de humidade foliar e varios días con máis de 4 horas nocturnas por riba dos 13ºC, o que si o favorece.

O descenso nos rexistros mínimos axudou a que a situación global observada esta semana nas viñas visitadas fora máis tranquila ca da semana anterior, e así tamén o reflectiu o número de esporanxios recollidos no captador que temos nas plantas testemuña de Areeiro, que pasou de cerca de 1800/m3 a 900. Esta relativa tranquilidade tamén se veu favorecida, loxicamente, polos tratamentos realizados nalgúns predios, que en xeral lograron conter o avance da enfermidade.

Con todo, na maioría de viñas detectamos manchas novas, case sempre apenas iniciando a frutificación, nas follas máis tenras, e o mesmo hai que referir para as plantas abandonadas de variedades en teoría pouco sensibles.

Pero tamén observamos predios onde a enfermidade aínda non estaba contida, o que en xeral coincidiu con áreas pouco ventiladas tanto por localización coma por exceso de vexetación.

Segundo os prognósticos das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, o tempo aínda non se estabilizará de todo nos próximos días e, aínda que as temperaturas subirán cara valores normais para a época do ano, case na súa totalidade prevén certa precipitación (mesmo tormentosa) para domingo, luns e/ou martes. Isto implica que aínda se poidan dar máis condicións de infección, especialmente por confluír humidade elevada con calor polas noites (as temperaturas mínimas está previsto que suban bastante por riba dos 13ºC). Por este motivo, é obrigado seguir recomendando vixilancia constante e continuar coas labores culturais de podas en verde, esfollados e rozas porque, como dixemos repetidamente, as viñas en peor estado son aquelas menos aireadas por xerar un ambiente estanco que beneficia ao patóxeno. De ter que aplicar un tratamento non esquezan empregar un funxicida con diferente modo de acción que o anterior.

Esta semana é certo que tivemos menos chamadas de alerta de mildio, pero algunhas persoas nos informaron que estaban a tratar cada 3-4 días, e/ou cunha mestura de funxicidas e/ou con doses maiores das máximas recomendadas. Estas prácticas son totalmente desaconsellables, non só porque non se coñecen os efectos das mesturas senón porque incluso pode ter menor eficacia o tratamento e, o que é máis negativo, poden provocar que  o patóxeno se volva resistente aos funxicidas

Oídio

Estamos nunha época na que o oídio cobra máis importancia porque soe aparecer en uva en todas as variedades. De feito, na revisión desta semana atopámolo en varias viñas sobre acios de albariño e tamén de tintas, así coma en acios de plantas abandonadas doutras variedades en teoría resistentes, neste último caso dunha forma moito máis agresiva.

As condicións previstas para os próximos días tamén lle serán favorables ao fungo, e por iso recomendamos a realización dun tratamento nos casos nos que finalizara ou estea próximo a facelo o período de protección teórico do tratamento anterior. No resto de situacións, é dicir, aínda teoricamente cubertos pola anterior aplicación, comproben que efectivamente a sintomatoloxía non avanza. E lembren que o exceso de vexetación xera condicións de menor luz nos acios, o que favorece a este fungo.

Black rot

As condicións meteorolóxicas seguiron sendo favorables á enfermidade, e tamén o estado fenolóxico da viña. Así, observamos que os acios nos que xa había síntomas empezaban a presentar o momificado dos grans característico, tanto nas viñas tratadas coma nas abandonadas sen tratar. Das primeiras (tratadas) vimos esta semana varias de variedades híbridas moi afectadas; nas segundas (abandonadas) loxicamente a situación é moito máis evidente. Se as viñas abandonadas están próximas a outras cultivadas, deben ser eliminadas porque supoñen unha gran fonte de inóculo para as últimas. E non esquezan que nas zonas onde hai constancia do patóxeno calquera tratamento antimildio e/ou antioídio debe ser feito con funxicidas tamén rexistrados para o black rot, procurando usar produtos con modos de acción diferentes.

Avelaíñas do acio

A semana pasada referíamos que había un elevado número de capturas de machos da segunda xeración de Lobesia botrana nunha das trampas de feromonas da zona do Condado. Pois ben, nesta semana aínda tivemos algunha máis (pasamos de 113 a 135), pero tamén subiu a cifra de machos recollidos no resto de trampas, onde pasamos de non ter capturas ou dúas como máximo a ter cifras comprendidas entre os 7-13 e os 50-71. Deste xeito, é probable que para a semana sexa o momento idóneo de aplicar un tratamento segundo as directrices do control integrado sempre que tamén se supere o limiar de tratamentos por presenza de síntomas nas uvas.

Cicadélidos

No caso destes insectos (aos que pertence o mosquito verde), as capturas nas trampas que temos instaladas en varias viñas de todas as comarcas son aínda case testemuñais, como tamén o é a presenza de ninfas nas observacións ás follas. Non é necesario tratar de momento.

Calquera intervención que se faga na viña ou noutros cultivos, e máis as insecticidas, debe responder a unha necesidade porque en todos os predios hai insectos e ácaros útiles de xeito espontáneo que poden contribuír a limitar as poboacións nocivas e que serían eliminados polo insecticida

Outras incidencias

Cada vez son máis aparentes os síntomas de erinose de verán, que aparentemente son significativos pero que na realidade non supoñen danos.

MACEIRA

Moteado

A humidade elevada da primavera-inicio do verán unida a unhas temperaturas bastante altas provoca a aparición de síntomas en maceiras que hai tempo que non se protexen con funxicidas. Lembren que este fungo pode rachar a froita, polo que se aconsella renovar os tratamentos en caso de estar fóra do período de protección teórico do último tratamento realizado. Nas variedades máis precoces haberá que elixir un funxicida cun curto prazo de seguridade, e é obrigado respectalo.

Avelaíña da mazá (Cydia pomonella)

Se non se dispón de trampas para facer o seguimento das poboacións é importante manter as plantas permanentemente protexidas. En caso de telas instaladas, aplicarase un tratamento ao superar o limiar de 2 adultos por trampa e semana, porque os buracos que fan as eirugas para entrar no froito, ademais do dano directo que supoñen, poden favorecer a instalación de fungos de podremia e provocar a caída prematura das mazás. En caso de realizar a intervención, hai que ter en conta que sempre hai que respectar o prazo de seguridade do insecticida empregado nas variedades máis precoces. Nas trampas que temos instaladas nós non recollemos ningún macho.

SALGUEIRO

Escaravellos crisomélidos

No boletín fitosanitario publicado o 3 de xuño diciamos que en diferentes árbores de ribeira dalgunhas zonas comezaban a ser notorios os síntomas da alimentación destes insectos. Tamén en diferentes novas dalgunhas redes se falaba "do secado" este ano do salgueiro común Salix atrocinerea. Pois ben, ao dirixirnos esta semana ás viñas do Rosal vimos un río onde se daba esta circunstancia, e confirmamos que, polo menos nese caso concreto "aquel secado" se debía a estes insectos, que nesta época están nunha etapa de proliferación ben notoria.

Aspecto seco de salgueiros beira rioCertamente o aspecto dos salgueiros é de secaAdulto crisomélido en follas terminais salgueiroDetalle alimentación insectos en salgueiros