contentlist.configuration.needed

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 26 de agosto

DEBIDO Á PROXIMIDADE DA COLLEITA FINALIZAMOS CON ESTA DE HOXE A INFORMACIÓN FITOSANITARIA QUE VIMOS PUBLICANDO CADA SEMANA (OU EXCEPCIONALMENTE CON MENOR PERIODICIDADE), DESDE O 25 DE MARZO.

COMO TODAS AS CAMPAÑAS AGRADECEMOS A SÚA COLABORACIÓN E DISPOSICIÓN A TODAS AQUELAS PERSOAS QUE NOS DEIXARON AS SÚAS PARCELAS PARA APLICAR AS NOSAS TÉCNICAS, TANTO ÁS QUE O FAN DESDE HAI ANOS COMA ÁS MÁIS RECENTES: SEN TAL COLABORACIÓN NON PODERIAMOS ESCRIBIR ESTA INFORMACIÓN. GRAZAS.

TAMÉN AGRADECEMOS AO PERSOAL TÉCNICO OU NON TÉCNICO QUE DE XEITO MÁIS OU MENOS PUNTUAL NOS APORTOU AS SÚAS OBSERVACIÓNS, POIS SERVIRON PARA CONFIRMAR OU MATIZAR AS NOSAS.

E TAMÉN DAMOS AS GRAZAS A TODAS AQUELAS PERSOAS QUE NOS LERON AO LONGO DA CAMPAÑA E, POR SUPOSTO, ÁS SUBSCRITAS DE ANTIGO A ESTE BOLETÍN E ÁS NOVAS SUBSCRICIÓNS DESTE ANO

VIÑA

Estado fenolóxico: M2 - N (85-89 da codificación BBCH)

Chegamos á época de vendima coa uva nun moi bo estado sanitario debido sobre todo ao tempo seco e solleiro que estamos a ter: despois dun xuño chuvioso, desde xullo non se deron, en xeral, danos polas patoloxías típicas da uva. Amais, as elevadas temperaturas que nos acompañan favorecen a maduración e, deste xeito, nas mostras de uva albariña recollidas esta semana nas nosas parcelas o grao alcólico situouse en todas por riba de 11, sendo o valor mínimo 11,21, correspondente a unha viña de O Rosal, e o máximo 13,11, neste caso nunha parcela excepcionalmente solleira de O Salnés.

Mildio

Apenas observamos manchas novas nalgunhas follas terminais de viñas vigorosas, e mesmo a vexetación que medra nas plantas testemuña sen tratar atópase en moi bo estado, ata o punto de que está a ocultar os efectos do mildio de inicio de campaña.

Loxicamente quedan as manchas antigas, moitas delas xa en mosaico, pero nin sequera hai síntomas nos pampos ou nos acios rebuscos, que continúan sas. Amais, a medio prazo non se prevén precipitacións ou prevese pouca cantidade, insignificante máis ben a día de hoxe. Por estes motivos, e malia que aínda queda tempo ata a caída da folla, estimamos que este ano non será necesario aplicar un produto cúprico para reducir o nivel de inóculo para o ano próximo.

Oídio

Esta semana si notamos avance na presenza de oídio nas plantas testemuña ás que nos referiramos hai dúas semanas, onde tamén os pampos están afectados. No resto de plantas non observamos síntomas, nin nas partes actualmente sensibles (follas tenras, rebuscos, pampos novos). Tampouco neste caso haberá necesidade, en xeral, de aplicar un tratamento postvendima para reducir o inóculo para a seguinte campaña

Botrite

A día de hoxe, as previsións ata o 8-10 de setembro das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, ou ben seguen a falar de tempo seco ou ben dalgunha precipitación illada nun ou dous días soamente. Como ben é sabido, a botrite e outras podremias do acio requiren de humidade elevada durante varias horas aparte de temperatura suficiente, e polos prognósticos meteorolóxicos é pouco probable que se instalen nas uvas antes de ser recollidas. De feito, os acios de variedades de pel fina, as uvas coa pel rachada ou aquelas con danos por paxaros ou pola avespa asiática aparecían aínda esta semana sen síntomas destes patóxenos.

Avelaíñas do acio

Foron poucos ou ningún os machos de Lobesia botrana recollidos esta semana nas trampas que temos instaladas, tamén na viña de O Condado onde a semana pasada tiveramos 72 capturas (esta semana foi esa trampa onde máis capturamos e foron 11). Tamén observamos moi poucas, máis ben esporádicas, penetracións larvarias. En xeral, a uva se mantivo esta campaña en bo estado no referente a esta praga.

Cicadelidos

Do mesmo xeito que a semana anterior, soamente capturamos adultos de Scaphoideus titanus na trampa que temos instalada na viña abandonada da zona de Goián (O Rosal), e só foron 2 os recollidos. Igualmente, os novos resultados das análises do vector que saíron esta semana para ver si eran portadores da flavescencia dourada, deron resultado negativo.

Trips e acariose

Nos nosos percorridos polas comarcas vitivinícolas observamos esta semana un número bastante elevado de viñas coa cor escurecida das follas dos gromos terminais e tamén os entrenós curtos característicos dos ataques destes artrópodos. Nuns casos confirmamos a orixe dos síntomas, que se inclinaron máis cara o ácaro, pero noutros non. Pola nosa parte facía anos que non mirabamos tantas viñas con acariose, pero tamén é certo que nesta campaña concorreron certas circunstancias, como a particular climatoloxía deste ano. Haberá que estar pendentes á brotación na próxima campaña.

Outras incidencias

Seguen a ser practicamente as mesmas das últimas semanas, pero máis evidentes: moito golpe de sol nos acios, plantas ou brazos mortos por alteracións de madeira ou síntomas de estrés hídrico. A estes hai que engadir o novo repunte da erinose e tamén os danos pola avespa asiática.