Exposição do índice de correia fotorreceptora

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 22 de xullo

VIÑA

Estado fenolóxico: L [(77)-79 da codificación BBCH]

A climatoloxía que, en xeral, domina durante este mes de xullo, cunha insolación elevada e temperaturas altas, favoreceu que empece a observarse o brillo nos grans dalgunhas variedades moi temperás de plantas situadas en zonas e exposicións cálidas. No resto de castas aínda non o percibimos.

Mildio

Ao longo da semana transcorrida desde a emisión do boletín anterior, malia que nas horas centrais do día as temperaturas foron elevadas e a humidade relativa bastante baixa ou media, durante moitas noites persistiron as condicións de infección, co que aínda continuou o risco de contaminacións.

Con todo, na revisión realizada esta semana ás nosas parcelas de seguimento e ás demais que estamos a visitar, non observamos síntomas recentes máis que nas partes altas das parras a onde os funxicidas penetrantes ou de contacto que se empregan agora non chegan e tamén, loxicamente, nas plantas testemuña sen tratamentos, onde a totalidade de follas e acios están moi afectados.

No resto de situacións, como dicimos, só observamos os restos de ataques anteriores, que no caso dos acios e coa climatoloxía reinante están a secar e se desprenden ao simple contacto.

Consecuentemente a situación xeral parece estabilizarse, pero como aínda non se acadou nin moito menos o pintado non se debe descoidar a vixilancia , malia que en xeral as previsións das diferentes axencias consultadas indican que non haberá choivas e si maioritariamente ventos do norte-nordeste, con algunhas rachas de ata 50 Km/h, que deberían contribuír a que non haxa orballos ou a que estes sequen en pouco tempo.

Oídio

Na revisión desta semana non atopamos síntomas novos do patóxeno nin sequera nos acios coñecidos como rebuscos, que soen presentalos nesta época. Con todo, lembren que ata o pintado o fungo pode afectar á uva, e por iso non se debe descoidar a vixilancia para poder intervir a tempo en caso de que aparezan novos síntomas.

Black rot

Ao igual que os anteriores parasitos, tampouco no caso deste fungo observamos novos síntomas na revisión desta semana. Pero, do mesmo xeito que aqueles, ata o pintado poden producirse danos na uva, e por iso hai que manter a vixilancia, sobre todo en viñas sensibles por ter plantas abandonadas próximas e/ou ter sufrido xa contaminacións do fungo nesta campaña. Con todo, segundo as previsións meteorolóxicas, é pouco probable que se dean condicións moi favorables ao fungo.

Avelaíñas do acio

Na revisión deste semana só tivemos capturas de Lobesia botrana en dúas trampas de sendas viñas do Salnés (7 e 10 machos respectivamente). No resto de comarcas e trampas non tivemos captura algunha. Canto a outros signos ou síntomas da presenza da praga, nun acio dunha viña do Rosal atopamos a primeira penetración larvaria, pero no resto de situacións os acios están sas, malia non ter aplicado tratamento insecticida algún. Neste sentido, lembramos unha vez máis que se todos os tratamentos que se aplican na viña ou en calquera outro cultivo deben estar xustificados, os insecticidas en maior medida, pois nas nosas viñas é normal atopar insectos e ácaros beneficiosos que serían eliminados por eses tratamentos.

Cicadelidos

Nas trampas que temos instaladas seguimos con niveis baixos de capturas de Empoasca vitis, e mesmo en dúas trampas que substituiramos a semana anterior non había máis de 25 adultos. Tampouco as cifras de ninfas obtidas nos recontos realizados ao envés das follas están próximas aos limiares de tratamento. Porén, nunha trampa que temos instalada nunha viña abandonada do concello de Tomiño, concretamente na parroquia de Goián, recollemos esta semana os 3 primeiros adultos da especie Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada , grave patoloxía de corentena que xa foi detectada en zonas do norte de Portugal pero de momento non en Galicia (os adultos recollidos están a ser analizados para ver se portan a enfermidade).

Scaphoideus titanus é un insecto cicadelido de orixe americana cuxa planta hóspede, en Europa, é a vide; malia non causar danos directos sobre o cultivo, ten unha grande importancia por ser o vector do fitoplasma responsable da Flavescencia Dourada (FD), enfermidade de corentena que pode levar a morte das plantas e que xa se detectou no norte de Portugal. Polo de agora a enfermidade non foi detectada en Galicia pero si, desde 2007, o insecto. As ninfas e os adultos de Scaphoideus titanus aliméntanse do zume das cepas. Por iso, se un insecto ataca a unha planta enferma, adquire o fitoplasma e pode infectar a outras.

Os síntomas da flavescencia dourada, que tamén se pode transmitir por propagación das plantas, soen empezar a aparecer en cepas illadas e non son específicos, pero entre eles están:

  • o decaemento dos pampos, que se volven flexibles, como de goma;
  • manchas, normalmente delimitadas polos nervios, de cor avermellada nas follas das variedades tintas e amarelas nas de variedades brancas, coa posibilidade de que os nervios tamén se descoloren;
  • follas duras, quebradizas e curvadas cara o envés que poden adquirir unha disposición en forma de tella;
  • morte das plantas afectadas

Outras incidencias

O tempo maioritariamente estable destes días seguiu favorecendo a aparición de acios con síntomas de golpe de sol pola sobreexposición das uvas á insolación, que apareceran plantas con síntomas evidentes de estrés hídrico, sobre todo nos predios con solos superficiais e/o con abundante vexetación espontánea, e tamén que cepas con patoloxías de madeira incrementasen a sintomatoloxía asociada, aparecendo xa algúns brazos mortos.

FROITEIRAS DE ÓSO

Mal do chumbo

Nesta época é normal que neste tipo de árbores (cerdeiras, ameixeiras, etc) se manifesten claramente os síntomas desta patoloxía que está causada polo fungo Chondrostereum purpureum. Trátase dunha enfermidade moi grave que chega a matar ás árbores. Por iso, se afecta a poucas ramas, o mellor é eliminalas canto antes e destruílas (nunca deixalas no predio) para reducir o nivel de inóculo, protexendo os cortes cunha pasta funxicida. Amais, as podas invernais deben facerse sempre en tempo seco, desinfectando sempre as tesoiras.

A mesma recomendación é aplicable ás maceiras con ramas afectadas de cancro ou ás viñas con enfermidades de madeira cando estas afectan a un brazo

BUXO

Bolboreta do buxo

Nesta semana observamos, por zonas, defoliacións severas causadas pola eiruga desta bolboreta (Cydalima perspectalis), e do mesmo nos informaron varias persoas. Lembren que para un bo control desta praga deben aplicar con boa presión os tratamentos e tamén mollar moi ben as plantas.

NOGUEIRA

Mosca da casca verde da noz

Tivemos esta semana 2 capturas de adultos na trampa. Lembren que as súas larvas ennegrecen as noces e provocan a súa caída prematura, polo que son boas medidas colocar trampas para reducir a súa poboación e tamén retirar os froitos que caian prematuramente ao solo para evitar que as larvas se enterren para poder transformarse en novos adultos.

PIÑEIRO

Procesionaria do piñeiro

Esta semana tivemos as primeiras capturas de adultos nas trampas que temos instaladas.