INFORMACIÓN FITOSANITARIA 1 de Abril de 2026
Viña
Mildio
Ao longo deste mes os gromos das vides estanse a desenvolver a un ritmo diferente segundo as condicións ambientais e os predios, sendo o incremento máis notorio desde que fai sol de xeito máis ou menos continuo debido á humidade acumulada tras este outono-inverno.
Canto ao mildio, e malia haber xa brotes susceptibles, de todos é sabido que os ventos frescos e secos do nordés que se deron nos últimos días non foron favorables ao patóxeno. De feito, e falando en termos xerais, desde fai aproximadamente dez días non houbo humidade foliar e a humidade relativa media mantívose por debaixo do 70% salvo o día de onte, 31 de marzo, e só nalgunhas estacións.
Segundo a nosa visita de hoxe a algunhas das nosas parcelas de seguimento, e como era de esperar, non atopamos síntomas da enfermidade. Con todo, desde o 20 de febreiro estamos a recoller esporanxios practicamente todos os días no captador que temos instalado na nosa viña de Areeiro (poderemos ofrecer datos do captador instalado no Salnés a partir da semana próxima). O número máximo de esporanxios diarios ata o de agora foi inferior ou moi inferior a 10, coa excepción dos días 21 e 22, despois dunha precipitación de 0,6 l/m2, recollida o día anterior.
Por outra banda, segundo os modelos de previsión que manexamos, o risco de infección é baixo de momento, pero un deles indica que a aparición de síntomas por finalización do período de incubación está próxima para a zona de O Rosal, debido sen dúbida a unha precipitación de 2,6 l/m2 o 21 de marzo, que non se deu noutras zonas vitivinícolas.
A estas alturas seguramente xa case todas as persoas saiban que despois desta semana haberá un empeoramento da climatoloxía, pero polo de agora non hai coincidencia, entre os diferentes modelos que consultamos, acerca de cando vai comezar este episodio, nin da súa duración e mesmo de canto nos vai afectar, e de feito incluso os modelos están a cambiar en poucas horas. Aínda así, en principio parece que poderán chegar algunhas choivas o próximo luns día 6, e durar un par de días como mínimo; canto ás temperaturas, segundo as predicións actuais vanse manter baixas en xeral, o que non favorece ao patóxeno.
Con esta situación, e considerando que en xeral xa houbo condicións para a infección primaria en todas as zonas e que pronto empezarán a aparecer os síntomas, nas viñas que xa teñan follas de tamaño suficiente e estean en zonas con escasa ventilación pódese aplicar un tratamento preventivo a finais desta semana. Este tratamento realizarase empregando un funxicida sistémico, fundamental nesta etapa de crecemento activo da vexetación. De manterse as previsións actuais (1 de abril ás 13 horas) de só choivas en dous días, o tratamento pode pospoñerse ata despois das precipitacións. Porén, no caso de que finalmente chova durante catro ou cinco días seguidos, como prevían onte algúns modelos, haberá que aproveitar os posibles períodos secos que se poidan producir no medio para aplicar un potencial tratamento.
Non esquezan que os tratamentos hai que facelos SEMPRE RESPECTANDO AS BOAS PRÁCTICAS: adecuar o volume de aplicación e o tipo de boquillas ao desenvolvemento reducido da vexetación, usar pistola mellor que atomizador nas parcelas de menor tamaño, non tratar NUNCA con ventos superiores a 3 m/s (10,8 Km/h), ter máxima precaución nas zonas próximas a vivendas e/ou lugares de uso público e cursos de auga... e en definitiva todas aquelas medidas lóxicas que permitan protexer os cultivos pero tamén a saúde das persoas e o medio ambiente
Kiwi
Bacterioses
Na brotación lembren que é importante aplicar un tratamento fronte a estas enfermidades para reducir/limitar os danos que poden producir, máis considerando o tempo tan húmido que tivemos en outono-inverno. Os produtos autorizados para este fin no Rexistro do Ministerio son hidróxido cúprico 13,6% + oxicloruro de cobre 13,6% e Bacillus amyloliquefaciens (subesp. plantarum, cepa D747) 25%.
No caso destas enfermidades o control preventivo é tamén importante. Lembren que na reposición de marras é fundamental o uso de material vexetal sa, así como a hixiene a nivel de calquera maquinaria, roupa ou utensilios que se precise empregar no manexo do cultivo
Nespereira
Moteado
Coas precipitacións abundantes deste outono-inverno boa parte das árbores desta especie amosan síntomas claros desta enfermidade, tanto nas follas como en boa parte dos froitos en crecemento. Por iso, e aínda que os tratamentos aplicados antes da floración son os máis efectivos, será recomendable realizar algunhas aplicacións funxicidas para limitar os danos, en especial antes de que se produzan choivas ou inmediatamente despois. Entre os produtos que se poden empregar están hidroxenocarbonato de potasio, fosfonatos de potasio ou difenoconazol ou tetraconazol.
Alén das aplicacións funxicidas, é conveniente a eliminación das follas que poidan caer ao terreo e dos froitos danados do ano anterior
Buxo
Bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis)
As eirugas hibernantes están a retomar a súa actividade na nosa zona, aínda que de momento non o fixeron de xeito alarmante desde que empezamos a observar os primeiros síntomas a mediados do pasado mes de marzo. De feito, é frecuente aínda ver sas os novos brotes na maioría de plantas/sebes.
Con todo, en caso de que se detecten os signos da alimentación será conveniente revisar ben as plantas para decidir se aplicar un tratamento localizado mentres haxa unha poboación reducida ou esperar a que haxa máis eirugas activas.
Camelia
Ácaro da caída do botón floral
Está a ter lugar a elongación dos brotes, a brotación. Este estado fenolóxico é aproveitado por estes ácaros para desprazarse, de xeito que están máis expostos e por iso é o momento idóneo para aplicar un tratamento fronte a eles para reducir as súas poboacións e tentar de diminuír así a perda de botóns florais e polo tanto de flores. Con este fin poden aplicar un produto a base de xofre cuxa aplicación estea autorizada en arbustos e árbores ornamentais.
Ademais, recoller os botóns florais caídos ao solo axuda a limitar a incidencia do ácaro

