contentlist.configuration.needed

AVISO FITOSANITARIO 23/04/2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

KIWI

Bacterioses

Segundo as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas haberá novas choivas desde sábado que se prolongarán durante practicamente toda a semana, aínda que en principio non serán moi elevadas. Canto ás temperaturas, está previsto que baixen as máximas desde a fin de semana e que as mínimas se manteñan en valores similares. Esta situación continuará a xerar condicións favorables ás bacterioses, polo que aínda haberá que continuar coas aplicacións de cobre ou Bacillus subtilis (CEPA QST 713).

MACEIRA

Moteado

As condicións meteorolóxicas previstas tamén favorecen ao patóxeno causante desta doenza. Como sempre dicimos é importante facer revisións periódicas na procura de síntomas. De non facelo, polo menos nas variedades ou plantas máis sensibles será conveniente, neste período de humidade recorrente, manter as plantas protexidas.

MARMELEIRO

Entomosporium macculatum

Empezan a observarse cada vez máis claramente os síntomas desta patoloxía que, de non controlala, pode provocar unha defoliación prematura das árbores que dificulte a madureza dos marmelos. De momento en ningún caso observamos danos, pero hai que permanecer alerta ante a proximidade dun novo período de choivas.

FROITEIRAS DE ÓSO

Varios patóxenos

No aviso fitosanitario do pasado xoves día 16 falabamos que as precipitacións que se estaban a rexistrar podían favorecer a aparición e/ou gravidade de diferentes enfermidades fúnxicas. Pois ben, nesta semana, nos percorridos máis curtos que estamos a facer nesta temporada de confinamento, xa vimos varias árbores en diferentes predios (fincas) que os amosan. Dado que está previsto que volvan as choivas, é de esperar que continúen avanzando estes patóxenos, polo que é conveniente tratar con funxicidas que non se laven ca choiva no caso de que xa haxa danos de gravidade (por exemplo, plantas novas que poidan quedar sen follas).

CÍTRICOS

Psila africana e outros insectos chupadores

Nesta época estase producindo a brotación dos cítricos, fenómeno favorecido pola humidade que alterna con períodos de sol e temperaturas altas. Os brotes tenros favorecen a aparición de insectos chupadores como a Trioza erytreae, as moscas brancas, pulgóns ou cochinillas. Se a presenza de gromos afectados é aínda escasa, situación máis frecuente nestes momentos, unha boa medida de contención é ir eliminándoos e destruíndoos. Tamén a instalación de trampas engomadas amarelas nos bordos de onde hai cítricos contribúe a reducir os adultos que poden chegar a eles.

Fungos de podremia

Despois dun inverno húmido, tamén nesta primavera os períodos de choivas e a humidade elevada son unha constante. Por este motivo, se sempre dicimos que a retirada da froita do solo é unha práctica de cultivo aconsellable desde o punto de vista da sanidade dos cultivos, nesta temporada cobra aínda máis importancia, co obxectivo de frear as posibles contaminacións e de reducir o inóculo de enfermidades para futuras colleitas.

HORTÍCOLAS

Caracois e babosas

A recorrencia de períodos de choiva e humidade relativa elevada a que nos vimos referindo constantemente no aviso de hoxe, está a provocar xa danos importantes nalgunhas plantas de horta, desde todo tipo de verduras ata cebolas, pementos ou patacas. Nestes casos, ademais dos remedios naturais e mecánicos que se poidan estar adoptando, é xustificado o uso dalgún produto a base dunha das dúas únicas materias activas autorizadas fronte a estes animais: fosfato férrico ou metaldehido.

Varios patóxenos

Non esquezan tampouco manter a protección das plantas fronte aos diversos fungos que lles poden afectar para evitar os danos á colleita que poden producir debido ás precipitacións desta primavera.

BUXO

Cydalima perspectalis

Nesta semana tivemos a oportunidade de observar unha nova sebe moi sombría onde aínda quedaban eirugas alimentándose e causando danos, cando o máis habitual nas plantas que estamos a controlar estes días é a presenza de crisálides. Ademais, da poboación que temos en condicións controladas naceu un adulto. É conveniente polo tanto non descoidar a vixilancia, porque sabemos tamén que as eirugas desta especie fan niños nos que se agochan e por iso algunhas poden pasar desapercibidas.

CAMELIA

"Pinzamento"

Cos períodos de claros que hai intercalados con outros de elevada humidade destes días, a presenza de brotes é cada vez máis notoria. Lembren que, como dixemos a semana pasada, nesta época débese eliminar o ápice e as últimas follas das plantas para controlar o seu desenvolvemento.

Pulgóns

Coa práctica do pinzamento elimínase parte das follas onde se están a situar as colonias destes chupadores. Porén, se son demasiados brotes os afectados non será suficiente con esta operación e pode ser preciso aplicar un tratamento para evitar danos.