contentlist.configuration.needed

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 18 XUN 2020

Para elaborar a información e recomendacións que se aportan pártese das revisións realizadas ás nosas parcelas de seguimento e a outros predios que visitamos e tamén dos datos que, ás veces, nos proporcionan outros técnicos e viticultores. Por iso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR POIS PODE VARIAR, non só polas condicións do entorno senón tamén polas actuacións ou prácticas que se realizan en cada caso.

VIÑA

Estado fenolóxico: K (73- 75 a 77)

Segundo as parcelas que nós revisamos, a fenoloxía da viña presenta un lixeiro adianto fronte ao ano pasado.  Ademais, as previsións de tempo cálido para as próximas xornadas favorecerán, xunto coa humidade destes días, un maior incremento no tamaño da uva.

Mildio

Estes días sabemos que as temperaturas nocturnas estiveron máis baixas cas de días pasados, pero en xeral foron compatibles coas condicións de frutificación do fungo. Tamén houbo varios días con choivas, xeralmente de reducida contía (menos de 10 l/m2) pero que puideron reducir o período de protección teórico dos funxicidas anteriormente aplicados. O que si se mantivo na totalidade de xornadas transcorridas desde a información que publicamos o día 10 foi unha humidade relativa moi alta, con valores durante horas moi superiores ao 80% e medias diarias por riba do 75%.

Loxicamente, nestas condicións o mildio seguiu avanzando nas viñas abandonadas e nas testemuñas que, como levamos dicindo desde hai semanas, presentan xa plantas con moi poucas follas e acios, e que xa teñen unha incidencia próxima ao 100% dos órganos que aínda non caeron con algún síntoma do fungo.


FOTOS: 20200616_Vista parcial plantas abandonadas20200612_Evolucion planta testemuña

 

Tamén observamos viñas que sen dúbida arrastran síntomas desde hai tempo, nas que polo tanto non se logrou un bo control das infeccións cos tratamentos aplicados, con abundantes manchas nos crecementos e acios afectados en boa parte da súa superficie.


20200616_Nalgunha viña moita mancha crecemento non protexido20200616_Gromos novos algunhas viñas moitas manchas

 

En todo o caso, quizais a situación máis xeral que observamos esta semana foi a presenza dalgunha mancha nova con frutificación e de acios dispersos con menos do 15% de superficie afectada pola enfermidade nos que volvía haber frutificación.


20200616_Algunhas manchas novas esporulaciónMoitas viñas puntos de mildio en acio con certa frutificación

 

Despois desta fin de semana as diferentes axencias meteorolóxicas anuncian ausencia de choivas e temperaturas elevadas, mesmo na contorna de 30ºC, pero tamén temperaturas ben altas durante as noites (15 a 19ºC), co que haberá que estar moi pendentes aos orballos e néboas locais. A día de hoxe sabemos que moitos viticultores xa fixeron ou están a facer un novo tratamento desde que mellorou o tempo; os que aínda non o fixeran, deben ir comprobar o estado das súas viñas, especialmente se estaban no límite da protección do tratamento anterior e se tiñan danos previos, pois probablemente teñan novos síntomas.

Oídio

A subida de temperaturas que se anuncia favorecerá o desenvolvemento deste fungo, que esta semana xa o topamos en moitas das viñas que visitamos, afectando a un número significativo de acios aínda que en xeral con escasa incidencia de momento. Por este motivo, fagan unha aplicación conxunta fronte a mildio e oídio se deben renovar os tratamentos pois é moi complicado frear a este fungo unha vez avanza a infección.

20200616_Oidio estendéndose nalgunha viña20200609_Oidio en grans albariño

Black-rot

No caso desta enfermidade si que non notamos cambio algún nas viñas onde o toparamos, nin tampouco vimos síntomas nas viñas que observamos por primeira vez esta semana. Aínda poden aparecer, pero de cumprirse as previsións meteorolóxicas,  as condicións previstas non serán especialmente favorables a este fungo.

 20200602_Follas black rot planta abandonada

Botrite

Seguimos sen observar síntomas en ningunha das viñas que visitamos e o tempo seco que se prevé non será favorable ao seu desenvolvemento.

Avelaíñas do acio

Nesta semana non observamos indicios da actividade das eirugas en ningún predio, e tamén o número de individuos recollido nas trampas foi moi baixo. Con todo, as  temperaturas máis elevadas previstas seranlle favorables polo que hai que manter a vixilancia.

 Resultado de abrir un niño ou glomerulo Lobesia

Outras pragas

Incrementouse lixeiramente o número de adultos de cicadelidos capturados nas trampas amarelas, pero non así o de ninfas nos recontos que facemos ás follas. Por outra banda, aínda a estas alturas se observan danos por gasterópodos nalgunhas viñas.

20200609_Trampas cicadelidos bastante limpas neste momento20200616_Gasteropodos ainda comendo follas

Outras incidencias

Observamos xa en viñas nas que se retirou un exceso de vexetación (lembren que debe ser unha práctica moderada) os primeiros acios esporádicos que empezan con signos de golpe de sol.

CÍTRICOS

Pulgóns

Observamos estes días abundantes colonias de pulgón nos gromos máis novos dos cítricos. Coa subida de temperaturas prevista con toda seguridade incrementarán a súa presenza, polo que haberá que estar alertas.

20200612_Melloria tempo favorecerá pulgóns cítricos

Psila africana

Nesta semana tamén observamos que nos gromos novos de moitas destas plantas hai unha elevada presenza de ovos desta praga, e tamén é sinxelo observar adultos. Coa destrución dos que teñan ovos evítase o nacemento das ninfas, polo que se as árbores teñen certo tamaño é unha boa medida de contención, tamén cando xa hai ninfas nas follas. No resto de casos, é conveniente aplicar un tratamento con insecticidas autorizados para o control de psílidos en cítricos: aceite de parafina 54,6% ou deltametrin 1,5 e 2,5% (unha única aplicación por campaña).

Gromo cítrico con pulgon e ovos psila africanaDestruír gromos cheos ovos reducirá poboacións Trioza

BUXO

Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo)

Foi notorio o incremento na presenza e no tamaño das eirugas que observamos nas plantas esta semana. Mesmo nalgunha planta xa vimos os primeiros danos. É necesario estar moi alertas porque sabemos que os ataques desta praga poden afectar seriamente aos buxos, de xeito que si empezan a observarse gromos afectados haberá que tratar.

 20200616_Nalgunhas sebes hai bastantes eirugas L120200616_Sitios favorables algunhas plantas buxo sen tratar xa este aspecto20200616_Zonas calidas eirugas case en L4