INFORMACIÓN FITOSANITARIA 24 de abril de 2025
VIÑA
Mildio
Os días pasados foise detectando a primeira mancha de mildio nalgunhas viñas, segundo as nosas informacións só nas comarcas do Salnés e do Condado. Na primeira comarca foi onde se atoparon máis e tamén onde primeiro se detectaron: o día 16 por algúns técnicos, e despois, tamén por algún deles e por nos xa na revisión deste martes 22. A situación de partida en canto a tratamentos era distinta segundo as parcelas, entre ausencia total de aplicacións ata dúas xa previamente realizadas.
Con todo, as temperaturas mínimas están en xeral por debaixo de 10ºC salvo o día 21, cando se superou lixeiramente este limiar segundo as estacións consultadas de MeteoGalicia. Esta circunstancia, unida a que na maior parte das viñas xa se ten dado cando menos un tratamento, fai que non se atoparan síntomas de forma xeneralizada e polo tanto que o grao de alerta sexa relativo. De feito, tamén o número de esporanxios recollidos tanto no captador de Areeiro coma no do Salnés reduciuse sensiblemente fronte aos días anteriores, como se amosa no gráfico seguinte:
(as barras claras corresponden aos esporanxios/m3 de aire amosados no boletín fitosanitario anterior)
No momento da redacción desta información fitosanitaria (mañá do xoves 24) as predicións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas apuntan a que en xeral se vai manter a estabilidade atmosférica (e as mínimas baixas) ata principios da próxima semana, aínda que segundo algúns modelos pode haber certa precipitación mañá venres 25. Porén, para a semana próxima anuncian na súa totalidade unha volta ao ambiente inestable, con precipitacións (en principio non moi cuantiosas) que poderían estenderse durante case todos os días, sempre considerando que as choivas son o parámetro meteorolóxico máis complicado de predicir a medio-longo prazo nesta época. Ademais, a maior parte das previsións indican que as temperaturas mínimas subirán a vindeira semana por riba dos 10ºC varios días.
Con esta volta da inestabilidade e o ascenso previsto nas temperaturas mínimas, o nivel de alerta debe ser alto pois xa son condicións máis favorables ao patóxeno e tamén os modelos matemáticos, que serven para axudar na toma de decisións, o indican. Canto ás recomendacións de actuación variarán en función do predio segundo o seu estado de vexetación propia da viña e/ou acompañante, a ventilación xeral da parcela, a aparición anterior (ou no) da primeira mancha, e a data do tratamento anterior caso de telo efectuado:
- Si non se realizan seguimentos específicos de mildio, nos predios pouco aireados, con vexetación abundante e mala xestión da do solo, e onde xa se tivera detectado a primeira mancha, débese renovar a aplicación si non se fixo xa esta semana, pois as choivas que se produciron a semana anterior (de arredor de 130 l/ m2 nas estacións consultadas de MeteoGalicia) reduciron o período de protección teórico dos funxicidas que se puideron empregar, ademais de que se terá lavado o compoñente de contacto.
- Si se realizan seguimentos concretos de mildio haberá que tentar de detectar a primeira mancha e actuar inmediatamente nos momentos nos que non haxa precipitación e estea seca a viña, sempre considerando que nestes casos débese empregar un produto que conteña polo menos unha materia activa con propiedades preventivas e curativas.
En todos os casos lembren que é fundamental utilizar o sentido común á hora de preparar e aplicar calquera produto fitosanitario. Neste senso, respecten sempre as doses das etiquetas (non as reduzan ou as aumenten pensando erroneamente que van ser máis eficaces) e axusten a velocidade de aplicación, a presión do caldo, etc. ao momento actual do viñedo xa que nos nosos percorridos polas comarcas vitícolas comprobamos como nalgúns casos a nube de funxicida ascendía varios metros e/ou era desviada polas correntes de aire fóra da superficie das viñas. Con esta mala praxis non só non se consigue o control das infeccións senón que se contamina o medio ambiente e poden ser obxecto de sancións.
Oídio
Polo de agora non atopamos síntoma algún nas viñas, tampouco nas variedades máis sensibles. Ademais, as fortes precipitacións da semana anterior foron prexudiciais para este fungo ectoparasito.
Botrite
Nestes dias pasados sabemos que houbo precipitacións en forma de sarabia nalgúns lugares, e tamén rachas de vento relativamente intensas que romperon follas ou pampos. Estas lesións ou feridas unidas a un tempo húmido poden ser portas de entrada para patóxenos oportunistas como o responsable da botrite.
Pero curiosamente non foi nestas situacións onde máis atopamos uns síntomas nas follas compatibles coa botrite, todos eles en varios predios do Condado.
No laboratorio confirmamos que posuían a frutificación do fungo. É certo que estes síntomas afectaban a poucas follas de cada parcelas, pero mencionámolo porque apareceron en diferentes predios daquela comarca. Mentres o tempo permaneza estable non é de esperar que se incrementen, pero si finalmente se producen as choivas e o aumento de temperaturas previsto para a semana próxima haberá que vixiar a súa evolución e tamén a súa potencial apareción en follas con roturas por vento ou sarabia.
Outros parasitos da viña.- De momento continúa sen haber nada máis destacable segundo as nosas observacións. Porén, un técnico que colabora con nós informounos da aparición de pedroulo na zona de Ferreira de Pantón (Ribeira Sacra), onde a vexetación das viñas aínda estaba moi pouco desenvolvida. Nestes casos haberá que vixiar o crecemento nas viñas por si as temperaturas baixas o frean.
PLANTAS DE HORTA
Mildio e outros patóxenos
BUXO
Bolboreta do buxo
Segundo observamos e tamén polas consultas que estamos a recibir, a presenza de eirugas dos últimos estados de desenvolvemento é bastante xeral, o que obriga a aplicar un tratamento para limitar a defoliación que poden causar. Por outra banda, xa está en forma de crisálide algunha das eirugas que levamos para comprobar a súa evolución en condicións no laboratorio.








