INFORMACIÓN FITOSANITARIA 10 de xullo de 2025

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: L (acio pechado). BBCH:77-79

Mildio

A climatoloxía cálida, seca e con ventos moderados do norte ou do nordés que se mantivo durante os días transcorridos desde o boletín anterior (se exceptuamos as escasas precipitacións locais do día 5 que recolleron por exemplo as estacións meteorolóxicas de Cequeliños en Arbo -6'8 l/m2-, Cangas -2l/m2- ou As Eiras no Rosal -1l/m2-) propiciou que o estado dos acios, falando globalmente, sexa moi bo segundo as nosas observacións, e de feito non apareceron síntomas novos nin en predios onde había algúns grans afectados por mildio larvado ou naqueles que xa se atopan fóra do período de protección teórico do tratamento anterior.

Excelente estado sanitario aciosNin en predios con algo de mildio máis síntomas en acios

Canto ás plantas testemuña, na nosa parcela de Areeiro tampouco se apreciou incremento do número de acios afectados, malia que estas plantas están sen tratamento algún en toda a campaña e moitas delas están á sombra durante moitas horas, polo que as condicións  ambientais na contorna son máis favorables ás infeccións. É máis, o número de esporanxios recollidos no captador aí instalado, que os días anteriores alcanzara un valor medio diario de 135/m3 e chegara a superar os 200/m3 nunha xornada, no que levamos do mes de xullo non chegou ningún día a 100 e a media diaria rolda os 44/m3.

No relativo á folla, a situación observada esta semana é lixeiramente diferente á descrita para os acios pois, aparte de estar aparecendo novos síntomas en plantas testemuña, atopamos algunha mancha nova illada formándose nas follas tenras dos predios xa sen protección ou con esta no límite, e tamén manchas nas partes máis altas das plantas conducidas en emparrado, a onde os tratamentos non chegaron adecuadamente ao longo da campaña debido á frondosidade da vexetación. Iso si, en ningún caso vimos síntomas nos pecíolos das follas ou nos pampos.

Manchas formándose en folla planta testemuña Envés manchas novas planta testemuña iniciando frutificación Parte alta de parra frondosa follas con mildio

Desde as últimas horas de onte mércores a configuración atmosférica en altura cambiou, e tamén está previsto o descolgamento dunha DANA que, malia entrar por Galicia parece que se vai mover con rapidez e non nos vai afectar moito máis que a nivel das temperaturas pero, coa incerteza propia das predicións cando hai estes fenómenos, si se prevé que nos afecten máis as pulsacións de aire frío e máis húmido que virán despois e que poderían traer consigo certas precipitacións. De feito, a circulación dos ventos xa a finais do día de onte pasou de norte a oeste, e xa empezaron a aparecer néboas densas ou nubes nalgúns lugares.

Con esta situación, e tamén á vista dos modelos matemáticos que manexamos, convén renovar os tratamentos naqueles predios nos que xa finalizara ou estea a punto de facelo a protección teórica que aportou a última intervención, pois os acios aínda poden ser afectados polo patóxeno. Nos predios con intervencións máis recentes, sempre que estas se realizaran adecuadamente e conforme a lexislación con ventos inferiores a 11 Km/h, esta renovación pode aínda pospoñerse ata ver como va discorrendo a climatoloxía, pero sempre vixiando as viñas.

Oídio

As condicións climatolóxicas que tivemos si resultaron máis favorables a este patóxeno, e a dispersión das súas esporas facilitouse con ventos moderados que houbo estes días. Así, do mesmo xeito que a semana pasada, este volveu ser o patóxeno maioritariamente presente nos acios das plantas testemuña de Areeiro, que se manteñen sen tratar para ver a evolución natural dos parasitos. É máis, dun día para outro (concretamente de martes 8 para mércores 9) a presenza de síntomas do fungo incrementouse, e tamén na folla.

Grans de planta testemuña con oídio Acio de planta testemuña con oídio Oidio en albariño (foto cedida)

Por outra banda, tamén as condicións de menos luminosidade por néboas ou por alternancia de sol con nubes que xa temos, e os ventos de dirección oeste máis húmidos que dominarán os próximos días, constitúen unha configuración moi favorable ao patóxeno. Este conxunto de circunstancias implica que sexa preciso renovar os tratamentos para evitar os danos directos e indirectos que pode chegar a provocar este fungo.

Black rot

Tampouco esta semana detectamos cambios na presenza de síntomas desta enfermidade da que, segundo as nosas revisións, só se observan manchas illadas nas follas dalgúns predios. Non obstante, ante o cambio que se está a producir nas condicións ambientais, que previsiblemente traerá maior humidade, e dado que o patóxeno aínda pode afectar aos acios, hai que manter a vixilancia, en especial nas viñas/zonas con historial de danos polo fungo.

Detalle mancha black rot cos picnidios negros Mildio e black rot en folla sensible planta abandonada Condado

Avelaíñas do acio

Seguimos a ter capturas escasas de machos de Lobesia botrana, e de feito esta semana non chegamos nin á decena en ningunha trampa. Tampouco nas mostraxes aos acios vimos ningún ovo ou eiruga, pero hai que manter a vixilancia pois  é a partir de agora cando será máis sinxelo atopalos naquelas viñas onde haxa presenza.

Postas de Lobesia en rebusco Penetracións da eiruga de Lobesia serán máis fáciles de ver desde agora

Cicadelidos

As capturas de adultos de cicadelidos nas trampas mantivéronse en termos similares aos da semana anterior nas viñas do Salnés onde temos trampas. Pola contra, nas viñas do Rosal e do Condado, onde se aplicou o tratamento insecticida fronte ao Scaphoideus titanus, apenas capturamos un par de exemplares. Precisamente deste último insecto non tivemos capturas e, aínda que xa rematou o período de tempo para realizar a primeira intervención obrigatoria establecida pola Consellería do Medio Rural, aínda poden realizarse tratamentos, pois cantos menos vectores haxa da flavescencia dourada, menos posibilidades hai de infección ás plantas por parte do perigoso organismo que causa esta enfermidade. E non esquezan que a loita contra este patóxeno inclúe tamén a eliminación e destrución das plantas sintomáticas, e que a Consellería pode facer esta labor de forma subsidiaria se non o fan as persoas propietarias dos predios onde se detecten.

Acariose

Unha semana máis observamos síntomas evidentes e confirmados á lupa en moitos predios, en especial nas comarcas do Rosal e o Salnés. É máis, esta semana non só se apreciaba máis claramente a configuración de entrenós reducidos e follas apiñadas típica ou o bronceado a que dan lugar os seus ataques, senón que nunha viña vimos ata defoliación dalgúns gromos terminais.

Follas apiñadas por acariose Esta semana era máis claro o bronceado das follas por acariose Defoliación de pampos por acariose

Ademais, nas follas do mesmo predio había tamén un número excepcionalmente alto de ácaros. Por este motivo , e considerando que tamén se está incrementando sensiblemente en varios predios a presenza de follas terminais con síntomas fortes de erinose de verán (que en realidade non causan danos pero que en planta nova poden causar certa debilidade ao non permitir a apertura adecuada das follas), nas viñas onde se observen os síntomas característicos será preciso aplicar un tratamento (e lembren que a maioría dos insecticidas autorizados para o control de Scaphoideus titanus frean moi ben estes ácaros, así coma o xofre).

Porción de folla á lupa con acariose Síntomas intensos de erinose

Outras incidencias

O episodio de calor tan forte que sufrimos estes días supuxo un estrés tamén para as plantas, e por iso as afectadas por patóxenos de madeira manifestaron de xeito máis ou menos repentino, os síntomas. Estas plantas hai que marcalas para ver como evolucionan e actuar en función diso, ou ben eliminalas se están moi afectadas para evitar que sexan fontes de contaminación para o resto.

Planta iniciando síntomas de patóxenos de madeira Planta con síntomas máis avanzados de patóxenos de madeira Planta morta por enfermidades de madeira mellor eliminala

E de momento non os apreciamos de xeito abundante pero hai acios demasiado expostos polas esfollas nalgunhas viñas que xa están empezando a ter golpes de sol.

Acios demasiado expostos por esfollas excesivas

MACEIRA

Avelaíña

Só tivemos esta semana un par de capturas de machos na parcela do Rosal onde tamén temos trampa e onde tampouco se intervén, polo que hai cada vez máis mazás afectadas.

Machos de Cydia pomonella en trampa Rosal Novos síntomas en mazás

NOGUEIRA

Mosca da casca, Rhagoletis completa

Están a empezar na nosa zona as primeiras capturas desta mosca que pode dar lugar á perda case total da produción. A femia pon os seus óvos na casca verde das noces; destes óvos nacen unhas larvas que se alimentan desa casca, que queda branda pegañenta e negra, e que non é fácil de retirar da propia casca da noz. Os froitos afectados poden caer prematuramente ou ben quedar na árbore e ter un sabor máis amargo.

Mosca da casca verde da noz

Para o control desta praga, aparte do uso de trampas de feromonas de seguimento, son boas medidas culturais eliminar as noces caídas ao solo e estender no terreo baixo a copa unha lona tupida que impida que as larvas se enterren no solo para pasar o inverno.

BUXO

Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis

Os síntomas que observamos non están a ser alarmantes de momento, pero hai que manter a vixilancia e realizar un tratamento no caso de non telo aplicado aínda.

Novos síntomas de Cydalima en buxo