INFORMACIÓN FITOSANITARIA 05 de xuño de 2025

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Nas visitas realizadas esta semana ás viñas (luns 2 e martes 3) notamos, na grande maioría de predios, un claro avance na fenoloxía das viñas, que se manifestou non só en que case todas elas, cando menos no referente ao albariño, xa terminaron a floración, senón tamén en que incrementaron bastante o tamaño dos grans. Ademais, o feito de que este decisivo estado da planta transcorrera, en xeral, sen choivas, permitiu que boa parte dos capuchóns ou restos florais xa estean desprendidos e que polo tanto haxa que falar dunha floración limpa.

Acio de albariño ben desenvolvido

Con todo, tamén é certo que quedan plantas con acios de diferentes graos de floración e callado dos froitos, e tamén acios nos que os restos florais permanecen adheridos aos grans en formación.

Acio cos capuchóns sen desprender Acio con parte dos capuchóns sen desprender

Mildio

Como xa dixemos, esta semana tivemos que realizar as nosas revisións entre o luns día 2 e o martes día 3. Polo tanto as observacións producíronse despois das temperaturas moi altas de finais de maio e o tempo seco dos días pasados. A situación que apreciamos en xeral, tanto nas parcelas da nosa rede de seguimento habitual coma noutras nas que nos detemos nos nosos percorridos, foi de ausencia case total de síntomas novos en todos os predios do Rosal e O Salnés pero non así no Condado. Así, nas dúas primeiras comarcas, incluso en viñas nas que a semana pasada presentaban síntomas viables tanto en folla coma en acio, nesta revisión aparecían secos e sen frutificación algunha. Neste senso, tamén as capturas de esporanxios na nosa parcela de Sanxenxo seguen a ser reducidas malia época do ano na que nos atopamos.

Acio afectado de mildio pero xa sen frutificación

Polo contrario, en varias viñas da comarca do Condado, e tamén nalgúns predios do Ribeiro segundo deducimos das numerosas chamadas que tivemos desa zona, a situación non é tan favorable, pois hai follas e acios, a maioría máis atrasados no seu desenvolvemento, con síntomas novos e activos.

Mancha nova con esporulación viable Condado Peciolo folla con frutificación mildio CondadoAcio con frutificación mildio Condado

Tamén se incrementaron relativamente esta semana os síntomas nas plantas das filas testemuña da nosa viña de Areeiro, onde temos instalado o outro captador de esporas, que desde o día 31 de maio recolleu un número de esporanxios superior a 100.

Vista parcial planta testemuña

Como xa dixemos no boletín anterior, estamos nun momento decisivo para a futura colleita, pois os grans dos acios que se veñen de formar son moi sensibles ao mildio. Ademais disto, desde a noite do día 3 ou a madrugada de onte día 4 hai precipitacións que viñeron a complicar a climatoloxía e, segundo as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, a curto prazo continuará habendo certa posibilidade de choivas con temperaturas normais para a época do ano pero previsiblemente o domingo entrará unha masa de aire cálido desde o norte de África que fará subir as temperaturas ata 10 graos por riba do normal e o tempo se estabilizará para volver a inestabilizarse desde metade da semana pola posible influencia dunha  DANA. Con esta situación, e ante o momento tan susceptible no que nos atopamos, a nosa recomendación é loitar fronte ao mildio combinando o uso de produtos funxicidas con efecto curativo e antiesporulante coas labores culturais de roza da vexetación acompañante e, en especial naqueles predios onde xa houbo ou hai focos de infección activos, tamén coa eliminación de netos, o despunte das ramas e mesmo algunha esfolla lixeira para favorecer a aireación e a penetración do caldo fitosanitario no dosel da viña.

Desenvolvemento esaxerado dalgunhas plantas impiden penetración caldoViña cun mantemento incompatible coa boa xestión mildioXa se pode ir despuntando gromos sobrantes

Oídio

Nas revisións desta semana tampouco voltamos atopar síntomas deste patóxeno, pois a protección dos antioídio que se están a aplicar cos tratamentos antimildio está contendo ben a este patóxeno. Con todo, non convén descoidar a vixilancia pois ademais, a luz difusa que temos estes días, polas nubes ou as néboas, máis a humidade asociada a estes fenómenos son condicións moi favorables ao patóxeno.

20250513_Folla de variedade tinta sensible con oidio confirmado

Botrite

O desprendemento en xeral dos capuchóns florais por unha floración maioritariamente desenvolvida en tempo seco non favoreceu a instalación deste patóxeno. Con todo, as altas temperaturas e a humidade elevada que xa temos poden favorecelo e por iso haberá que incrementar a vixilancia, en especial sobre os acios cuxos capuchóns florais non están desprendidos e/ou en  viñas nas que os ventos do norte destes últimos días romperan pampos.

Pampos rotos polo vento norte destes días

Black rot

Esta semana non notamos maior incidencia da enfermidade nas viñas que visitamos. Con todo, co incremento da humidade derivado destas choivas e a subida de temperaturas posterior haberá que estar máis alertas, pois poderanse manifestar tanto as infeccións que puideran ter ocorrido anteriormente como as novas, e non hai que esquecer que a máxima sensibilidade dos acios comeza agora.

Detalle mancha black rot cos picnidios negros Mildio e black rot en folla sensible planta abandonada Condado

Avelaíñas do acio

Do mesmo xeito que nos informaron outros técnicos, observamos algún glomérulo pero non estamos a ter capturas de adultos nas trampas. 

Glomérulos en acio

Cicadelidos

As capturas de Empoasca vitis nas trampas continúan a ser moi baixas, así como as ninfas da especie que observamos nas mostraxes de follas ao azar. Canto a Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, algunhas das ninfas que se atoparon esta semana xa están en estado N2. Lembren que a semana anterior foi cando apareceran na provincia de Pontevedra as primeiras ninfas e que o primeiro tratamento hai que aplicalo ás catro semanas aproximadamente da súa detección.

Algún Empoasca capturado Empezan nacementos ninfas Scaphoideus titanus

Outras incidencias

A nivel de pragas seguimos vixiando a poboación de acariose (Calepitrimerus vitis) que atoparamos nunha viña do Rosal. Tamén segue a haber plantas que van colapsando por patóxenos de madeira. Por outra parte, atopamos un número  elevado de pampos rotos polo vento.

Moi altas temperaturas favorecen colapso plantas enfermidades madeira Folla de Caiño tinto con síntomas confirmados de acariose Adulto de Calepitrimerus vitis á lupa

CASTIÑEIRO

Tortrícido temperá Pammene fasciana

Colocamos unha nova trampa, neste caso en Pontecaldelas, e a cifra de capturas que tivemos na primeira semana foi de 17 machos, lonxe dos 46 que capturamos na trampa de Areeiro esta semana.

Machos de Pammene na trampa Machos de Pammene fasciana en trampa

BUXO

Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis

Esta semana capturamos os dous primeiros machos nunha das trampas que temos instaladas na nosa parcela de Areeiro.

Primeiros machos de Cydalima na trampa Primeira posta de Cydalima atopada en Areeiro