INFORMACIÓN FITOSANITARIA 17 de xullo de 2025
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
A climatoloxía solleira, cálida e maioritariamente seca das últimas semanas seguiu a favorecer o bo desenvolvemento das uvas, de xeito que na última revisión que fixemos, realizada entre martes 15 e mércores 16, observamos como algúns acios de variedades tintas comezaban o pintado e tamén vimos xa brillo nalgún gran de acios dunha variedade branca temperás ben expostos á luz solar e en parcelas normalmente máis precoces.
Mildio
Segundo as nosas revisións dos días 15 e 16, o estado dos acios segue a ser óptimo no referente a este patóxeno nas plantas sometidas a tratamento, incluso naquelas de predios onde se observaran síntomas con anterioridade, pois estes non avanzaran, do mesmo xeito que sucedera a semana precedente. A nivel das follas, tampouco atopamos novas manchas nos gromos novos, nin sequera nas plantas abandonadas sensibles.
Porén, é certo que estes últimos días o captador de esporas situado na parcela testemuña de Areeiro, que non se trata para ver a evolución natural do parasito, recolleu un número elevado de esporanxios, moi superior ao da semana anterior.
E como todos sabemos, hoxe xoves iniciouse un cambio de tempo debido a unha masa de aire frío que ven acompañada de varias frontes debilitadas. Como consecuencia deste cambio, segundo todas as previsións meteorolóxicas consultadas, ademais da baixada de temperaturas que xa se está a notar, poderanse producir precipitacións desde mañá venres e ata o domingo. Estas precipitacións non terán en principio moita contía (apenas chegarán a 15 litros nas zonas onde se anuncia máis cantidade) pero, cos acios aínda sen entrar no pintado e os esporanxios no ambiente, é de esperar que tamén produzan novas infeccións ou activen as que agora están de xeito máis ou menos latente ou controlado, e poderán aparecer novos síntomas ou zonas de avance nos antigos, o que implicaría reducións de colleita nunha compaña na que ata o momento se presume que sexa moi boa e sa. Por estes motivos, é aconsellable extremar a vixilancia facendo revisións continuas aos viñedos para poder actuar en caso de que se observe que a enfermidade poida continuar progresando. Para un potencial tratamento que deban realizar, a estas alturas da campaña elixan xa funxicidas cúpricos, tendo en conta que, en xeral, o hidróxido de cobre ten unha acción rápida e bastante longa, o oxicloruro vai liberando os ións de cobre máis lentamente polo que a súa acción non é tan inmediata pero si é longa e o sulfato ten unha acción rápida e quizais máis curta.
Oídio
Fronte ao mildio, nas revisións desta semana observamos novos síntomas de oídio en varios predios aínda que é certo que, nas plantas tratadas, en xeral só en folla e nos acios "rebuscos". Nas plantas testemuña, si os vimos tamén nos acios, nas partes que o mildio non tiña xa afectadas.
O avance da enfermidade nos próximos días dependerá da súa presencia actual e loxicamente das condicións climatolóxicas. Como sabemos, as condicións de luminosidade reducida derivada de néboas e/ou nubes favorece ao patóxeno e as choivas intensas o prexudican no sentido de que poden lavalo ao ser un fungo ectoparasito. Polo tanto, tamén no caso desta enfermidade haberá que facer revisións continuas ás viñas para detectar si aparecen novos síntomas e, en caso afirmativo, tratar, pois de todos é coñecido que unha infección mal controlada deste fungo pode provocar a rotura da pel dos grans e favorecer os ataques de botrite e outras podres secundarias.
Black rot
Non vimos síntomas diferentes dos xa atopados en semanas anteriores nin nas plantas tratadas nin das testemuña. Por outra banda, o nivel de risco que nos aportan os modelos que manexamos é baixo ou nulo, polo que a priori e tendo en conta o período da campaña no que nos atopamos, xa non debería causar danos á uva.
Avelaíñas do acio
Si no boletín anterior referiamos que non chegaramos dez machos de Lobesia botrana recollidos en ningunha das trampas que temos colocadas, e que en realidade tiñamos poucas capturas, esta semana só recollemos dous machos en outras dúas trampas, unha do Salnés e outra do Rosal. Canto a síntomas da actividade desta ou doutra polilla, só atopamos un intento de perforación nun acio dun predio do Salnés. Comentamos a escaseza de capturas e de síntomas con algunhas persoas (técnicas e agricultoras) e todas elas nos dixeron que a situación que atopaban nas súas parcelas era semellante, polo que debe de ser bastante xeral. Con todo, hai que manter a vixilancia
Cicadelidos
Estamos xa dentro do período do segundo tratamento OBRIGATORIO na zona demarcada e RECOMENDADO nas zonas vitícolas lindeiras, decretado pola Xunta de Galicia dentro do plan de control e erradicación da flavescencia dourada da nosa comunidade autónoma. Na web da Consellería do Medio Rural, en Sanidade Vexetal e no apartado "Organismos nocivos de corentena", poden consultar as parroquias das zonas infestada e tampón. As materias activas e os formulados que están autorizados para a loita contra o insecto transmisor Scaphoideus titanus son as recollidas na seguinte táboa:

Notas: Os tratamentos deben dirixirse ao envés das follas non descoidando os gromos basais, onde soen refuxiarse estes insectos. Deben aplicarse preferiblemente a primeira hora, salvo no caso das piretrinas, que se degradan rapidamente coa luz solar e polo tanto deben ser aplicadas ao solpor. Fonte: Xunta de Galicia. Sanidade Vexetal.
Os tratamentos insecticidas son imprescindibles pero tamén o é eliminar e destruír, canto antes, todas as plantas confirmadas como positivas e as sintomáticas. Lembren ademais que tanto os tratamentos obrigatorios coma estas medidas de eliminación poderán ser executadas pola Xunta de forma subsidiaria, repercutindo os custos ás persoas que non o fixeran inicialmente.
Acariose
Continuamos observando síntomas deste ácaro nalgúns predios. Nunha fase máis inicial do ataque e a certa distancia os seu síntomas poden ser confundidos cos de trips ou con algunhas viroses, pero observando o envés á lupa confírmase que se trata deste pequeno ácaro que é invisible ao ollo humano, pois apenas mide 0,15-0,16 mm de lonxitude. Lembramos sobre todo para a zona sur da provincia de Pontevedra que a maioría dos insecticidas rexistrados para o control de Scaphoideus titanus frean moi ben estes ácaros, así coma o xofre.
Outras incidencias
Continúan aparecendo plantas afectadas por patóxenos de madeira que manifestan síntomas pola climatoloxía extrema que tivemos. Estas plantas hai que marcalas para ver como evolucionan e actuar en función diso, ou ben eliminalas se están moi afectadas para evitar que sexan fontes de contaminación para o resto.
VARIAS FROITEIRAS
Parasitos animais e fungos de podremia
As froitas en maduración están a ser atacadas por diferentes parasitos animais como avespas, paxaros, avelaíñas e tamén por diferentes moscas das froitas. As feridas provocadas son a orixe de diferentes podres e tamén da caída destes froitos. Tanto os que caen ao solo como os que permanecen na árbore deben ser retirados e eliminados para evitar que se incrementen os danos a consecuencia da actividade de máis moscas e de novos patóxenos secundarios causantes de podremias.
NOGUEIRA
Mosca da casca, Rhagoletis completa
Esta semana recollemos nas trampas varios adultos desta mosca que, lembren, pode levar á perda total da colleita ao caer prematuramente as noces ou ben quedar na árbore pero quedar negra, pegañenta e ter un sabor máis amargo.
Para o control desta praga, aparte do uso de trampas de feromonas de seguimento, son boas medidas culturais eliminar as noces caídas ao solo e estender no terreo baixo a copa unha lona tupida que impida que as larvas se enterren no solo para pasar o inverno.

























