Estado Fenológico I
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_I"> I (floración) [BBCH: 61-63]Como ben é sabido, a climatoloxía da semana anterior na nosa zona caracterizouse en especial pola presenza de ventos intensos do norte que provocaron un ambiente máis seco co das semanas anteriores. Así, nin nas viñas con cubertas vexetais no solo houbo orballos, e en boa parte das estacións meteorolóxicas consultadas tampouco se recolleu humidade foliar ata esta última noite. Esta situación tamén tivo o seu reflexo na captura de esporas que tivemos no captador instalado na contorna das plantas testemuña da nosa viña de Areeiro, que baixou sensiblemente dos valores superiores ou próximos a 100 dos que viñamos.
Canto ao observado na revisión do xoves 18 nas viñas da nosa rede, non atopamos síntomas novos nas follas ou nos acios (tamén é certo que están tratadas destes días) e os antigos aparecían perfectamente controlados. Nos outros predios que visitamos, dos que non coñecemos o momento das intervencións, tampouco observamos máis que algunha mancha nova illada, o mesmo que nas plantas testemuña e nas abandonadas.
NOTA DO LUNS 22 DE MAIO: Vimos de facer unhas observacións rápidas nos arredores de Pontevedra e comprobamos que, tanto nas plantas tratadas da nosa viña de Areeiro (a última aplicación fora na primeira semana do mes), coma nas testemuña ou nunhas abandonadas que atopamos, empezan a aparecer manchas novas |
A día de hoxe (luns 22), non hai coincidencia nas previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas máis que a nivel de temperatura, pois todas indican que as máximas van ser altas para a época do ano e as mínimas, suaves-altas en xeral. No referente ás precipitacións, en todas hai concordancia en que se incrementan, fronte a estes días pasados, as probabilidades de que se poidan producir precipitacións illadas en forma de chuvasco, pero varían nas porcentaxes de que se produzan, nos días en que poden darse e na contía e momento do día en que poden ter lugar.
Por esta incerteza non se pode aportar unha recomendación xeral máis que a de que hai que incrementar a vixilancia e estar alerta ao que realmente suceda en cada localidade: o patóxeno verase moi favorecido se as temperaturas son elevadas e se producen chuvascos (tormentosos ou non), o que implicará que de xeito case seguro haxa que renovar as intervencións tendo en conta que o período de floración-formación do froito é unha fase extremadamente sensible no ciclo da viña.
Na revisión do pasado xoves 18 atopamos os primeiros síntomas de oídio nunha folla de albariño dunha das viñas da nosa rede de seguimento habitual (o ano pasado o mesmo feito tivera lugar a mediados de xuño). Na viña non se fixera aínda ningunha aplicación antioídio e detectouse a enfermidade só nunha única folla. A detección implica que a partir de agora haberá que incluír a este patóxeno nos plans de tratamento ao igual que o mildio, tendo en conta ademais que os grans están recentemente formados e hai que protexelos.
Do mesmo xeito que comentamos para o caso do mildio, na pasada revisión ás viñas non observamos novas manchas deste fungo, e é que tampouco as condicións de ventos secos o favorecen. Con todo, é necesario manter a vixilancia, xa que a uva recentemente formada é moi sensible a este patóxeno.