INFORMACIÓN FITOSANITARIA 02/06/2023
VIÑA
As temperaturas suaves destes días e en xeral a climatoloxía que se rexistrou provocou un avance desigual na fenoloxía das viñas. Así, mentres algunhas (as menos) aínda están a finalizar a floración, outras xa teñen o gran en tamaño perdigón ou maior.
Mildio
Desde a publicación do anterior boletín fitosanitario, as condicións meteorolóxicas foron extremadamente favorables ao patóxeno: a humidade relativa media diaria situouse, na práctica totalidade dos días, por riba do 90%, houbo varias xornadas tormentas de maior ou menor intensidade (acompañadas nalgúns sitios de sarabia) ou néboas densas, e as temperaturas foron elevadas, coas mínimas (noite) na contorna dos 15ºC ou máis. Deste xeito, é lóxico que nestes días tiveramos as máximas capturas de esporanxios do patóxeno no equipo que temos instalado nas filas testemuña (sen tratamento) da viña de Areeiro, onde pasamos de recoller menos de 20 esporanxios/día a máis de 5000, como se pode comprobar na gráfica:

Tanto é así, que estas plantas testemuña, pouco afectadas ata o de agora, presentan na actualidade forte presencia de síntomas, en folla, pampo e acio
Partindo destes antecedentes, é normal que ao longo desta semana estiveramos a recibir numerosas chamadas e comunicacións, tanto de viticultores coma de técnicos, relativas a fortes ataques de mildio. As comunicacións procederon de diferentes zonas da provincia de Pontevedra e tamén da Ribeira Sacra ou de O Ribeiro, e se referían principalmente a albariño e outras variedades brancas, pero tamén a tintas ou a híbridos en teoría máis resistentes ao patóxeno. Hai que destacar neste sentido a zona de Castrelo da comarca de O Salnés onde, segundo nos informaron se daban as afectacións maiores. Precisamente é nunha viña desa zona onde temos instalado o outro captador, e efectivamente as cifras de esporanxios recollidos por día pasaron de 10 a 3000.

A nivel de síntomas, e ao marxe do xa mencionado para as plantas testemuña de Areeiro, nas revisións que realizamos esta semana atopamos diferentes situacións:
A nivel de síntomas, e ao marxe do xa mencionado para as plantas testemuña de Areeiro, nas revisións que realizamos esta semana atopamos diferentes situacións:
- Viñas de albariño case sen presenza de síntomas, mesmo que se tratase de viñas en ecolóxico, en especial nas comarcas do sur de Pontevedra.
- Viñas con algunha mancha nova coa frutificación desenvolvéndose e partes afectadas de pouca porcentaxe (menor do 5%) de acios.
- Viñas con maior proporción (5-25%) de follas, acios e mesmo pampos con presenza do patóxeno (concentradas en xeral nas comarcas de Pontevedra e Salnés).
- Plantas abandonadas pouco sensibles con síntomas.
Segundo as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, a inestabilidade seguirá a ser a nota dominante durante os próximos días (salvando a fin de semana), anunciándose condicións moi favorables ao patóxeno. Por iso, e pola fase da uva na que se atopan as viñas, a vixilancia debe ser continua e exhaustiva, e o normal será ter que renovar os tratamentos. Para iso é recomendable que o funxicida elixido conteña unha materia activa sistémica (pode ser penetrante ou de fixación ás ceras cuticulares nas viñas pouco afectadas de mildio) unida polo menos a un funxicida de contacto. As aplicacións deberán ser feitas cando as follas das plantas estean secas, con ventos de como máximo 11 Km/h (móvense as follas das árbores) e lembren que, aínda que se utilicen funxicidas sistémicos, hai que mollar moi ben todos os órganos das plantas. Amais, nestes momentos é imprescindible que a vexetación acompañante se manteña baixo control.
Oídio
Nas revisións que fixemos esta semana non atopamos novos síntomas do fungo pero, como vimos mencionando nos últimos boletíns, agora xa hai que protexer os acios fronte a este patóxeno, máis considerando que a humidade relativa elevada e a iluminación indirecta que destes días son, xunto coas temperaturas que se rexistran, condicións moi favorables.
Black rot
Malia que se deron condicións moi propicias para o fungo, non observamos neste caso ningún avance na presenza de síntomas de black rot, nin sequera nas plantas abandonadas. Con todo, a vixilancia debe continuar e, especialmente en predios con historial de danos polo fungo, debe darse preferencia, nas aplicacións realizadas fronte a outros patóxenos, a produtos tamén rexistrados para o control do black rot.
Botrite
De momento non observamos síntomas da enfermidade, pero ben é certo que, ao terse dado precipitacións cando as viñas aínda non terminaran a floración, moitos capuchóns florais non se desprenderon e sobre eses restos pode instalarse este fungo oportunista. Amais, nas viñas de zonas onde se deron choivas en forma de sarabia, nas feridas causadas por este fenómeno pode aparecer tamén o fungo. Por estes motivos, e tamén porque as condicións climatolóxicas continuarán, segundo se prevé, a ser favorables, hai que incrementar a vixilancia.

















