INFORMACIÓN FITOSANITARIA 17 de outubre 2024

BUXO

Cylindrocladium buxicola (Calonectria pseudonaviculata)

Estes días estamos a recibir numerosas consultas sobre a aparición xeneralizada de síntomas desta enfermidade non só en sebes ou plantas da nosa provincia senón tamén doutras zonas coma a comarca da Mariña Lucense. Amais, segundo nos están a informar, está a afectar a diferentes variedades, desde a máis común Buxus sempervirens sempervirens ata B. sempervirens suffruticosa, que é xeralmente máis sensible. As condicións climatolóxicas desta temporada, húmidas (choivas de máis de 200 l/m2  ou humidade relativa media superior ao 93% no que vai de mes) e cálidas (arredor dos 18 ºC de media) favorecen esta situación e, segundo as previsións meteorolóxicas parece que se van manter nos próximos días, o que agravará os danos que se están a producir.

Lembren que no control desta patoloxía SON IMPRESCINDIBLES AS MEDIDAS CULTURAIS, como a eliminación das follas secas depositadas sobre as plantas ou caídas ao chan, preferiblemente cunha aspiradora de follas para evitar a dispersión das esporas. Canto aos tratamentos fitosanitarios, non existe ningún funxicida rexistrado especificamente para o seu control; con todo, en ensaios realizados por nós ou noutros países onde a enfermidade tamén está presente deron bos resultados as materias activas azoxistrobin, difenoconazol, kresoxim-metil, piraclostrobin+boscalida ou trifloxistrobin+tebuconazol, que poden conter a enfermidade. Estas materias activas poden traslocarse localmente nas follas e non se lavan coa choiva se pasa unha hora entre a aplicación e o inicio da precipitación.

Cylindrocladium buxicola - Sintomas caracteristicos Follas secas deben eliminarse para limitar incidencia

CÍTRICOS

Phytophthora spp. e outras enfermidades

Os ventos asociados ao paso da borrasca derivada do furacán "Kirk" fixeron caer moita froita, que nestes momentos está no solo debaixo das árbores. Como sempre dicimos, esta froita caída debe ser recollida para evitar que nela se instalen fungos de podremia.

Por outra parte, a cantidade de auga que se acumula nas árbores e no solo a consecuencia das precipitacións constantes favorecerá as infeccións por Phytophthora spp. Tamén neste caso a eliminación da froita afectada nas árbores contribúe a reducir os danos, así como a labor de evitar o enchoupado do solo na zona das raíces.

Este limoeiro está afectado por Phytophthora Diferentes niveis de dano de P hibernalis en limóns

VIÑA E DIVERSAS FROITEIRAS

Podas

Con este tempo tan húmido que estamos a ter loxicamente non se van realizar as podas de outono que moita xente empeza xa nesta época. Pero queremos advertir de que, finalizado este período de precipitacións e antes de realizalas haberá que agardar un tempo a que seque a madeira e o ambiente para evitar a contaminación polas esporas dos fungos que penetran a través das feridas de poda.