INFORMACIÓN FITOSANITARIA 28 de xuño de 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: K - L (escala de Baggiolini). Codificación BBCH:75-77

O tempo solleiro e as temperaturas tan altas da fin de semana levaron a que o tamaño da uva continuara a incrementarse e se fora estendo por todas as parcelas o estado de pre- peche do acio, aínda que nos predios máis adiantados xa case se pode falar de acios pechados, o que supón, nestes momentos, un adianto de entre unha e dúas semanas fronte á campaña 2023.

Mildio

Esta semana repetiuse a situación meteorolóxica que se ven dando nas anteriores, pois o tempo non termina de estabilizarse e consecuentemente o anticiclón non termina de dominar na configuración do tempo. Así, tras unha fin de semana de moita calor e tempo estable, volveu a inestabilidade asociada a unha DANA que se situou ao oeste da península, e déronse episodios de tormentas locais e/ou precipitacións finas, néboas densas e descensos térmicos diúrnos. Con esta situación, a humidade relativa media seguiu a ser elevada, e a máxima moi elevada, pois practicamente todos os días houbo orballo, ao que en ocasións houbo que engadir choivas moi finas que non sempre foron rexistradas polos pluviómetros das estacións meteorolóxicas. Tamén volveron manterse moi altas as temperaturas mínimas, que en xeral non baixaron dos 15 ºC e mesmo en boa parte das estacións das zonas vitícolas estiveron arredor dos 18-19 ºC.

Este escenario é moi favorable a este patóxeno, cumpríndose deseguido as condicións para a súa frutificación, de xeito que o día 24 se acadou a concentración máis alta de esporanxios recollidos na campaña no equipo que temos nas plantas testemuña de Areeiro (753,84), onde tamén se incrementou sensiblemente o número de acios enfermos e a súa superficie afectada.

Vista parcial planta testemuña con acios ben afectadosAcio de planta testemuña
Concentración diaria de esporas

Canto ao reflexo desta situación nas viñas tratadas esta semana observamos moitas situacións diferentes: predios cos acios totalmente sas e só algunha mancha en folla, o mesmo a nivel dos acios pero con moitas manchas nas follas dos brotes terminais, situacións intermedias con apenas 0,5-1% de acios afectados e só nunha parte moi concreta e outros predios con maior presenza de danos, coincidindo en xeral en viñas con demasiada frondosidade, onde xa había síntomas que non se lograran controlar desde o inicio, estaba a concluír o efecto do último tratamento ou este non funcionara como se esperaba e tamén en cepas con maior porcentaxe de acios rebuscos. Tamén xa observamos, en viñas con maior desenvolvemento da uva, os primeiros acios con mildio larvado, e do mesmo nos informaron outros técnicos e viticultores. Mesmo algún destes nos informou de que os síntomas apareceron en pouco tempo, o cal é normal si temos en conta que o ciclo da enfermidade nesta época é moi rápido.

Acio rebusco afectado por mildioAbundantes manchas en follas de brote novoPrimeiros síntomas de mildio larvado

A falta de estabilidade meteorolóxica á que nos referimos ao inicio parece que pode manterse aínda nos vindeiros días, e así, tampouco esta semana hai coincidencia entre as predicións das distintas axencias consultadas, pois algunhas anuncian precipitacións algúns días e outras non, algunhas falan de descenso nas temperaturas mínimas e outras nas máximas, as direccións dominantes previstas tampouco son uniformes, etc. Por iso, tamén a nosa recomendación ten que ser a destas semanas, vixilancia periódica das viñas, máis ou menos intensa e continua segundo a situación actual da enfermidade, a localización máis ou menos aberta do predio e/ou a posibilidade de reaccionar ante unha nova aparición de síntomas. O que si é prioritario é despuntar e esfollar para favorecer a ventilación dos acios, o que mesmo pode evitar algunha/s intervención/s fitosanitaria/s, pero facendo estas operacións moderadamente e con sentido común, é dicir, deixando follas suficientes para que os acios poidan seguir desenvolvéndose e evitando deixalos ao sol do lado de poñente, pois moitas veces faise en exceso.

Pampos excesivamente aclarados

Oídio

As néboas e a precipitación fina que se deron por momentos estes días, unidas a unhas temperaturas elevadas, foron favorables a esta enfermidade. Así, apareceron síntomas en folla e en acio en varias plantas que mantemos sen tratamentos antioídio para comprobar a evolución natural do parasito. Nas plantas tratadas non observamos síntoma algún. 

Manchas características de oidio en planta sen tratamentoGrans con oídio en acio sen tratamento

Black rot

Non vimos máis síntomas da enfermidade, pero hai que manter a vixilancia e procurar eliminar vides abandonadas próximas ás viñas en produción.

Cicadelidos

Nas follas recollidas ao efecto, aínda se atopan ninfas intermedias de Scaphoideus titanus, o cicadelido transmisor da flavescencia dourada. Lembren que nalgunhas zonas das comarcas fronteirizas con Portugal a loita contra a enfermidade, que se fai en parte a través dos tratamentos contra o insecto, é obrigatoria, e que estes tratamentos, xunto ao arranque e destrución das plantas afectadas ou con síntomas moi evidentes, axudarán a que a zona afectada pola patoloxía non se estenda máis. Os tratamentos contra S. titanus son obrigatorios na denominada Zona Demarcada (que se pode consultar en: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231117/AnuncioG0426-101123-0001_es.html), pero moi convenientes en todo este área para tentar de limitar ao máximo a extensión da enfermidade. As materias activas autorizadas polo Ministerio son deltametrin 1.5, 1.57 e 2.5%, acetamiprid 20%, lambda cihalotrin 1.5, 2.5 e 10%, tau-fluvalinato 24% e Beauveria bassiana (cepa ATCC 74040) 2.3%.

Debido a que boa parte dos insecticidas autorizados son a base de materias activas de contacto, é moi importante mollar ben o envés das follas no caso de tratamentos con pistola como en superficies pequenas.

Amais, é fundamental nas zonas afectadas eliminar tamén os ladróns das cepas, pois as formas xuvenís do insecto teñen bastante tendencia a agocharse nas súas follas

Avelaíña da uva

Segundo os rexistros das nosas trampas, o voo da segunda xeración desta praga está soamente a comezar, e de feito só tivemos dúas capturas nunha trampa (no resto, ningunha). En todos os casos pero máis nos insecticidas, os tratamentos sen xustificación deben evitarse para favorecer a presenza nas viñas dos inimigos naturais que poden regular as poboacións dalgúns parasitos da viña. 

Ácaros

Empezan a observarse síntomas de erinose de verán. Canto á viña onde estamos a facer un seguimento dos síntomas de acariose, nesta semana avanzou o número de plantas afectadas.

BUXO

Bolboreta do buxo

Se ben non capturamos aínda ningún adulto nas trampas, nunha sebe observamos xa dúas eirugas pequenas de Cydalima perspectalis. Incrementar a vixilancia, revisando ben as plantas por si se detectan síntomas da súa alimentación.