INFORMACIÓN FITOSANITARIA 09 de agosto 2024
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
O tempo solleiro seguiu a favorecer o avance na fenoloxía cara a maduración, pero aínda se atopan viñas bastante atrasadas. E, como sempre facemos, nesta semana xa recollemos uvas nalgúns predios para ver como está o grao no albariño, e tivemos valores moi variables comprendidos entre 6,99 e case 10 (neste último caso eran uvas expostas).
Mildio
Na fase final da campaña na que nos atopamos, e despois de practicamente todo o verán co anticiclón exercendo unha influencia feble sobre nós, nas últimas semanas o tempo mantívose bastante estable. Así, quitando a precipitación case imperceptible do pasado xoves 1 de agosto nalgunhas localizacións, desde o 20 de xullo non se rexistrou choiva nas estacións das zonas vitícolas da provincia. E despois do anterior boletín, incluso a humidade relativa media baixou de xeito significativo en moitas comarcas, onde practicamente non se rexistrou humidade foliar. Noutras, polo contrario, a humidade do ambiente seguiu a ser relativamente alta e tamén houbo bastantes horas de humidade foliar algúns días debido aos orballos.
Con esta situación, e os acios xa practicamente na súa totalidade no pintado e en fase de maduración, na revisión desta semana practicamente non vimos síntomas e só temos que falar dalgúns en novos crecementos de plantas máis afectadas de mildio (poucos), e de cepas testemuña e/ou abandonadas, aínda que non se observaron en todos os casos, nin tampouco nos rebuscos, que aínda serían susceptibles. Aparte da menor humidade ambiental e da ausencia de choivas a esta situación puideron contribuír tamén as temperaturas elevadas, que conforme van subindo van diminuíndo a capacidade xerminativa dos esporanxios. Iso si, a defoliación por mildio nas partes máis altas das parras continuou a producirse.
Canto aos acios, esta semana escollemos predios diferentes para deternos nos nosos percorridos e, sen coñecer o réxime de tratamentos aos que foron sometidos, puidemos corroborar o que vimos dicindo nos últimos boletíns no sentido de que aqueles que posuían máis danos eran os que presentaban unha inadecuada xestión da vexetación e tamén aqueles coas vides en peores condicións de vitalidade. Nestes, a porcentaxe de acios con larvado e a superficie de acios afectada era sensiblemente superior ao resto, e de feito tampouco estaban a secar e desprenderse as partes necrosadas.
No momento da redacción deste boletín (tarde do xoves 8) na actualización máis recente dos diferentes modelos meteorolóxicos consultados non hai consenso total: en xeral apuntan a tempo seco e temperaturas máximas e mínimas moi altas na fin de semana, e despois coinciden na baixada de temperaturas diúrnas, na chegada de nubes e mesmo de precipitación, pero mentres algúns prevén a choiva só para unha xornada, outros dan elevada probabilidade para máis días. Tampouco coinciden no relativo ás temperaturas nocturnas, pois nuns casos as predicións son de baixada e noutros de mantemento de rexistros altos. Con esta situación e o momento actual da campaña, a nosa recomendación xeral é continuar coa xestión da vexetación para impedir as retencións de humidade que poidan favorecer a aparición de novos síntomas. Nos predios máis seriamente afectados de larvado, ir limpando/eliminando os acios máis danados (para evitar a instalación de fungos oportunistas) e comprobar, despois desta fin de semana, como evoluciona finalmente a climatoloxía: se efectivamente ven húmida conviría facer unha aplicación de cobre inmediatamente despois sempre que non tivera xa pasado a data límite de tratamento fixada polas súas bodegas (neste último caso consulten cos técnicos correspondentes).
A maioría dos produtos cúpricos teñen, en vide de vinificación, 15 días de prazo de seguridade. Hai outros produtos que poderían usarse, con igual ou menor PS, pero estes non presentan certas propiedades beneficiosas do cobre como é favorecer o agostado da madeira.
Oídio
Na revisión desta semana só observamos síntomas en plantas testemuña sen tratamento algún, tanto en acios que aínda non entraron no pintado como en rebuscos e en folla. Nas plantas tratadas non os atopamos, nin nas de variedades máis sensibles. Do mesmo xeito co patóxeno responsable do mildio, o fungo causante do oídio non pode danar ás uvas despois do pintado pero atención: ambos organismos poden afectar ao raque do acio ata a vendima.
Botrite
O tempo seco e a diminución da humidade relativa, así como as esfollas que se están ou estiveron a facer nas viñas, non favoreceron ao patóxeno. Porén, se finalmente para a semana se produce a precipitación que anuncian boa parte dos modelos meteorolóxicos consultados, a situación pode cambiar, en especial se a precipitación fai inchar a uva e esta pode estoupar (aínda que en principio non parece que vaia ser tan abundante). Amais, a potencial aparición deste patóxeno está tamén moi relacionada coa presenza de feridas de calquera natureza (avelaíñas, paxaros, rachos de roza...), de restos ou material necrosado (como son os acios secos por mildio larvado) e coa sensibilidade intrínseca de cada variedade debida ao compactos dos acios ou ao grosor da pel.
Mantéñase atento ao cambio na climatoloxía, en especial nos casos con máis predisposición a que apareza esta enfermidade e, se non ten limitacións de datas de tratamento, lembren que dos funxicidas rexistrados para o control desta enfermidade, algúns teñen un prazo de seguridade de 21 días, outros de 15, e tamén hai varios naturais con prazos moito máis curtos (1-2 días) ou sen prazo..
Flavescencia dourada
Estamos na época na que é máis sinxelo observar os síntomas, non específicos iso si, desta enfermidade de corentena. Entre eles están a colocación das follas no pampo en forma de tellas, as follas enroladas cara o envés e endurecidas, a cor amarelo-dourada nas follas de variedades brancas e avermelladas e delimitadas polos nervios nas tintas, a flexibilidade das varas, que parece que colgan, e a presenza de acios abortados ou semisecos. Debido a que o control desta enfermidade é obrigatorio, e á transcendencia que ten para a nosa viticultura, nas viñas que están na zona infestada ou mesmo na demarcada é recomendable o arranque e destrución inmediata das plantas nas que apareza conxuntamente esta sintomatoloxía para contribuír á súa contención: sempre será mellor perder unhas poucas plantas que poñer en risco toda unha plantación.
Cicadelidos
Segundo nos informaron diferentes persoas (técnicas e viticultoras) estanse a aplicar tratamentos fronte ao mosquito verde en moitos predios aínda sen confirmar se as poboacións que se ven voar nas viñas son deste insecto, ou se os síntomas de marxes das follas secos, necrosados, se deben a el. Na rede de trampeo que temos instalada nas viñas é certo que se incrementou lixeiramente a presenza de Empoasca vitis, pero non é un incremento notable e tampouco atopamos moitas ninfas nos recontos ás follas.
Canto a Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, seguimos recomendando a aplicación dun insecticida nas zonas afectadas pola flavescencia dourada, xa que hai lugares onde aínda se recollen moitos exemplares nas trampas, e tamén moitas viñas abandonadas, refuxio do insecto.
Avelaíña da uva
Nas trampas da nosa rede seguimos a ter escasas capturas de Lobesia botrana, se as temos. E a verdade é que tampouco atopamos máis acios afectados de penetracións larvarias, cando neste momento, co pintado xa bastante xeneralizado, é moito máis sinxelo de visualizar os grans sintomáticos.
Trips
Nesta semana observamos a distancia, en varias viñas do Salnés, unha cor parda das follas que, ao achegarnos, se correspondía con síntomas destes insectos, tamén porque os entrenós estaban máis curtos. Recollemos mostras e na lupa confirmamos que efectivamente se trataba deles. Nunha das parcelas da nosa rede habitual, que ten malas condicións a nivel do solo e nutrientes, as poboacións eran elevadas e tivemos que recomendar unha intervención insecticida.
Outros
MACEIRA
Avelaíña da mazá
Na revisión desta semana ás nosas trampas comprobamos que tampouco recolleramos macho algún, pero lembren que a situación pode ser diferente en cada caso concreto. Ademais, nestas datas xa se poden ir instalando as bandas-trampa destinadas a capturar as eirugas que se retiran a invernar. Estas bandas-trampa deben ser retiradas e destruídas no outono e é unha medida cultural destinada a reducir as poboacións desta especie para a seguinte campaña.
Lembren que esta praga non afecta só ás mazás, senón tamén a peras, noces e marmelos
NOGUEIRA
Mosca da casca verde da noz
As cifras de capturas nas nosas trampas seguen a ser reducidas pero xa atopamos a primeira larva nunha noz recollida nas mostraxes. Lembren que todas as noces que vaian caendo ao solo deben ser eliminadas e tamén as que amosan síntomas na árbore.
Antracnose
O tempo húmido deste ano favoreceu que en moitas nogueiras tamén estea presente este fungo que, fronte á mosca da casca, afecta non só aos froitos (onde desde lonxe causa síntomas similares) senón tamén ás follas, que poden chegar a caer prematuramente. Para o seu control o mellor é tratar con cobre no inverno ou con este produto ou fosfonato potásico na primavera, pero agora tamén podemos axudar eliminando os froitos afectados e as follas caídas ao solo de xeito prematuro, para reducir o inóculo para a campaña seguinte.